0 Gardados para despois

“Quen tirou deste país foi a muller”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


“Chegou o tempo de Eva, os tempos das Evas, das mulleres que gardan tesouros vivos na súa memoria, que amosan a sabedoría dun pobo en cada estrofa, que cantan á vida para darlle vida a un tempo que se foi e non vai volver”. Así presentan Leilía o seu novo disco, ConSentimento, unha homenaxe ás creadoras e transmisoras da nosa tradición musical. Mulleres fortes, enérxicas, activas. Mulleres galegas. Unha das compoñentes do grupo, Montse, fálanos deste novo traballo, que presentaron este venres en Compostela.

O disco homenaxea a muller, como creadora e transmisora da nosa tradición oral, personificada en Eva Castiñeira. Quen é Eva?
Eva Castiñeira foi unha pandereteira e cantareira que apareceu gravada nun disco publicado a primeiros dos 80, ‘Recolleita’, de Pablo Quintana, no que tamén aparece o Cego dos Vilares. Unha das compañeiras de Leilía estaba a facer un traballo e comezou a buscar información sobre ela no google. Non aparecía nada. E cando buscou por O Cego dos Vilares atopou todo. Chegou toda indignada contárnolo... Outra compañeira sempre dicía que a ver se gravabamos o material de Eva, que lle gustaba moito... E así foi. O obxectivo é, si, homenaxear a todas as mulleres que nos ensinaron e transmitiron o canto tradicional deste pobo, a través da figura de Eva.

"Esas mulleres estiveron sempre, pero desta volta quixemos traelas ao primeiro plano"

A homenaxe á muller cantareira e pandereteira aparece, en realidade, desde o voso primeiro disco, ‘Leilía’, non si?
Levamos xa vinte anos e esas mulleres estiveron sempre, pero desta volta quixemos traelas ao primeiro plano. Por iso, tamén, Ana Romaní, Ana Amado, Eva Veiga, Eva Moreda, Marilar Aleixandre, Mariña Pérez e Yolanda Castaño escribiron as letras de sete dos trece temas do disco.

Xa no álbum ‘Madama’ (2003) tiñades letras dun escritor, Suso de Toro. Era un xeito de traer á actualidade a música tradicional, con textos como ‘Pedras contra tanques’. Vai nese mesmo sentido a colaboración destas sete escritoras?
Si. ‘Madama’ foi o noso terceiro traballo, no que a idea era levar o pasado ata o presente a través de letras actuais. Comezamos con Leilía no 89, porque toda aquela riqueza musical de coplas, cantigas... estaba sendo esquecida, agochada, e quixemos recuperala para o patrimonio vivo da nosa cultura. Ese sempre foi o noso foco. No primeiro traballo, ‘Leilía’, era todo música tradicional. Despois buscamos a maneira de achegar esa música máis ao presente. Así incorporamos instrumentos e polifonías non tradicionais en ‘I é verdade i é mentira’, o segundo disco. No terceiro xa foron as letras actuais, con Suso de Toro, e ‘ConSentimento’ é dalgún xeito unha volta á raíz de Leilía, a esas mulleres sen as que o grupo non tería sentido.

Hai algúns temas en ‘ConSentimento’ que aluden dun xeito máis directo a esa idea, como ‘Voz das amigas’. Tamén hai un moi distinto dos outros: ‘Corazón de sal’...
‘Voz das amigas’, con letra de Yolanda Castaño, fala, si, de xuntanzas de mulleres, que poden ser as de antes ou as de agora. É un tema moi fermoso, si. ‘Corazón de sal’ parte dun canto de Bembibre, de onde xa collemos máis material: son uns cantos moi intensos. A letra é de Marilar Aleixandre, neste caso, e quen canta é Felisa. Con todas as autoras foi o mesmo proceso: primeiro fixemos a melodía, despois elas escoitárona e escribiron segundo o que lles suxería.

"A muller galega é unha muller forte, e diso decátaste máis cando estás fóra"

Leilía fálanos de mulleres fortes, creativas, activas. Nada que ver coa imaxe que se quixo dar, sobre todo, na ditadura, de mulleres submisas aos ditados da Igrexa. Nos temas -moitos- que falan de amor e de sexo, elas levan a iniciativa... Tamén transmitides a imaxe dun pobo alegre, festeiro...
Porque todo iso é o que atopamos nas recollas, e é o que debemos transmitir. A muller galega é unha muller forte, e diso decátaste máis cando estás fóra. Ten un arranque especial, que a xente que non é galega nota. Quen tirou deste país foi a muller, quen traballaba a terra e levaba a casa non podía ser unha persoa feble. En canto á represión, se vas 40 ou 50 anos atrás aínda a atopas, pero se vas a século e medio atrás, é máis aberto... E, si, atopamos nas recollas diversión, enerxía, festa, un pobo que non ten que ver con esa imaxe de choro e lamento que se nos deu. Esa forza, esa enerxía é o que queremos transmitir, por enriba de todo.

No aspecto musical hai certa continuidade co disco anterior. En ‘Madama’ xa está Xoán Porto coa gaita, acordeón e guitarra, que tamén se escoitan nalgúns temas de ‘Son de Leilía’. Foi un cambio respecto a ‘I é verdade i é mentira’, que contou con músicos de Milladoiro... En ‘Consentimento’ ademais de Porto están Xacobe Martínez no contrabaixo e Vadim Yukhnevich no acordeón...
Musicalmente hai continuidade e ruptura ao mesmo tempo. No disco anterior había batería, e neste facemos a percusión con instrumentos tradicionais: a pandeireta, o pandeiro, a tixola, a culler. Tamén crea unha sonoridade distinta a substitución do baixo polo contrabaixo, e o paso de cinco instrumentos a tres.

"O traballo de campo que se fixo nos 80 e 90 foi moi bonito. Pero cando miro atrás sinto mágoa porque tivemos que facelo só xente coma nós"

En todas as cancións especificades sempre onde foron recollidas as melodías. Como vai ese traballo de recolla?
Xa non é todos os domingos. Agora saímos cando sabemos de alguén que está ben, que quere falar... Porque o que pasa é que morreron ou xa non poden atendernos porque o seu estado de saúde non lle lo permite. O traballo de campo que se fixo nos 80 e 90 foi moi bonito. Pero cando miro atrás sinto mágoa porque tivemos que facelo só xente coma nós, sen recursos, porque pensabamos que alguén debía facelo. Non houbo un equipo profesional apoiado por ningunha institución. Eu presentei moitos proxectos para bolsas, e nada... E agora moitas daquelas persoas xa non poden falar. O que non se fixo xa non se vai poder facer. Hai algunha iniciativa como o APOI do Museo do Pobo, e pouco máis. Nese arquivo están a dixitalizar por exemplo o material recollido por Mini e Mero.

Tamén hai nos vosos discos algo de homenaxe á propia música. E neste, en concreto, hai un sentido de crítica ao poder. É así en temas como ‘Coiro de cacique’. Aínda que iso estivo, da man da retranca, sempre na nosa música tradicional, non si?
‘Cortellas’ fala de pandeiros, e aparece nela esa referencia a que non vai romper porque é de coiro de cacique. ‘Coiro de cacique’ escribiuna Felisa a partir dunha copla tradicional. Fala, si, de que todos son iguais cando chegan ao poder. E creo que é así como nos sentimos ante todo o que está a pasar. Non hai onde mirar, uns son malos e outros peores.

Nos vosos discos hai alalás, ruadas, jotas, danzas, muiñeiras... un pouco de todo. Música tradicional que vós arranxades. Só algunha vez foron pezas de autor.
Buscamos sempre, si, que haxa unha variedade rítmica, para reflectir a riqueza da nosa tradición musical. Cando aparece un nome é o arranxista, agás excepcións como ‘I é verdade i é mentira’, de Rui Duarte Carbalho. En ‘Consentimento’ son pezas tradicionais recollidas por Leilía, agás as de Eva, do disco de Quintana. Os arranxos son de Xoán Porto.

Leilía de Raíz

Leilía de Raíz é o espectáculo máis tradicional de Leilía. Trátase dun concerto no que as seis pandereteiras fan un percorrido polo máis fondo da música tradicional galega cantada.

©

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.