"Nesta crise aprovéitase para eliminar certas actividades, entre elas as artes escénicas"

Protesta dos actores e actrices galegas polos recortes © Escena Galega

"Non é que sexamos un sector especial: nós tamén creamos riqueza e xeramos postos de traballo, igual que outros sectores. E polo tanto reclamamos o mesmo trato e a mesma consideración que a automoción ou o sector naval, dos que ninguén cuestiona que teñan axudas". Nas III Xornadas das artes escénicas, tituladas O teatro como servizo público, falouse moito da responsabilidade das administracións públicas cara a un sector pero tamén cara a un dereito que lle debe ser garantido á cidadanía. 

Salvador del Río, presidente de Escena Galega, organizadora das xornadas, que se celebraron no Consello da Cultura Galega, denunciou que as institucións culturais non cumpren os obxectivos para os que foron creadas e falou de "desmantelamento cultural" á hora de analizar a situación do sector, despois de ennumerar a desaparición da Feira das Artes Escénicas, a supresión de programacións como os Camiños da Cultura, a febleza da Rede de Teatros ou a desaparición de compañias como Lagarta Lagarta.

Salvador del Río denunciou que as institucións culturais non cumpren os obxectivos para os que foron creadas e falou que "desmantelamento cultural" á hora de analizar a situación do sector

"Vivimos nunha incerteza total. Dependemos moito da administración e non sabemos nada do que vai pasar. A tendencia é que todo vai ir a peor e que vai quedar moita xente polo camiño", dixo, e engadiu: "Nesta crise aprovéitase para eliminar determinadas actividades e as artes escénicas feitas ademais en galego están dentro desa eliminación premeditada. Non gusta que sexa un pensamento crítico co poder establecido porque esa é a función da arte: poñer en cuestión as cousas".

Así mesmo, Salvador del Río afirmou que "non podemos quedar calados ante o desmantelamento da cultura porque nos digan que é máis importante a sanidade ou o ensino. Claro que son máis importantes! Pero esa non é a pregunta non nos poden facer esa chantaxe. Os cidadáns teñen que ter garantido o acceso á cultura propia". E asegurou que "as empresas de artes escénicas multiplican os cartos que reciben e devolven moito máis en impostos" polo que pediu que as subvecións se entendan como investimento e non como gasto.

"Nesta crise aprovéitase para eliminar determinadas actividades e as artes escénicas feitas ademais en galego están dentro desa eliminación premeditada"

Nas mesas de debate que conformaron as xornadas destacouse a importancia da educación na consolidación dunha demanda social de teatro. Pilar García Negro reclamou que o Centro Dramático Galego "complete os seus principios fundacionais de fomento do teatro galego" e tamén a necesidade de "dar a valer a ESAD, promover unha colaboración directa con outros centros dedicados a outras artes conexas, usar a RTVG de megáfono para a produción teatral e xerar un intercambio cos países de lingua portuguesa". 

Pola súa banda, María Xosé Porteiro, fixo fincapé na importancia dunha proxección internacional do teatro galego promovida dende as institucións: "Hai públicos pendentes de ser cultivados, mentres que temos unha nómina de autores e autoras, directores e directoras, e actores e actrices que teñen o dereito de estar onde hai públicos interesados". E concluíu que "é difícil avaliar o éxito ou fracaso do teatro galego, pero todo o que pasou xustifica que haxa un esforzo público para sempre".

Mentres, Miguel Martín, primeiro director de Agadic, puxo en cuestión a definición do teatro como un servizo público: "non existen prestacións que pola súa natureza sexan servizos públicos, senón que iso é unha decisión política ou que demanda a sociedade". Neste senso subliñou a diferenza entre o modelo socialdemócrata, no que o estado ten un papel directo na produción e distribución que se concreta no sistema de compañías residentes, e o liberal. E afirmou sentirse máis próximo ao modelo neoliberal, "onde o protagonismo recae na sociedade civil e a intervención pública se concreta na opción de apoiar".

Protesta dos actores e actrices galegas polos recortes © Escena Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.