De aluguer no Gaiás por 145 euros ao mes

Vista de parte dos espazos en aluguer © Xunta

"Que fagan oficinas!". En máis dunha ocasión e en múltiples ámbitos esta foi unha das diversas ideas xurdidas, con máis ou menos retranca, para darlle utilidade á inmensidade dos edificios da Cidade da Cultura que, aínda sen rematar, xa ten metros e metros cadrados por ocupar. Na enésima reformulación de contidos do complexo, a presentada o pasado xuño baixo a denominación de Plan Gaiás, anunciábase o traslado de parte dos servizos que xa funcionaban no Arquivo de Galicia ao edificio da Biblioteca de Galicia. No "espazo liberado", anunciaba a Xunta, crearíase un "centro de emprendemento creativo", "especializado na incubación de empresas culturais". Ese centro xa ten forma legal e tamén prezo: 120 euros ao mes máis IVE, isto é, 145 euros.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) redactou o pasado setembro e publicou este mércores no DOG as "bases reguladoras da xestión" do que denomina "espazo Emprende Cultura Gaiás" e que, segundo a Xunta, vén ser un "un espazo de coworking no Gaiás para potenciar proxectos de emprendemento no eido cultural e creativo", isto é, un lugar no que persoas interesadas poderán arrendar unha parte do edificio para convertelo no seu despacho e alí recibir certas indicacións sobre como poñer en marcha unha empresa no ámbito da cultura.

O arrendamento dá dereito ao uso dunha mesa "con conexión telefónica e de internet" e "un andel", ademais dos servizos comúns

Que dá a Xunta a cambio da "contraprestación" de 145 euros? Segundo o disposto na orde publicada, "unha mesa de traballo con conexión telefónica e de internet" e "un andel", ademais da posibilidade de utilizar servizos comúns como unha sala de reunións, un despacho para xuntanzas, caixas de correo, un almacén e os servizos xerais do Gaiás, tales como "seguridade", "subministración eléctrica, auga e calefacción". "Inicialmente", a Agadic -que agora ten tamén a súa sede no Gaiás- proporcionará "apoio e asesoramento na creación da empresa e organizará periodicamente exposicións de ideas e proxectos, encontros empresariais e actividades de formación" sobre o "emprendemento" no ámbito cultural.

Así e todo, non semella cumprir ter unha empresa constituída para poder instalarse na Cidade da Cultura. "Admitiranse tanto profesionais independentes como emprendedores que se atopen en proceso de constitución de autónomos". Poderán ser "deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, escritores-guionistas, editores, representantes e promotores artísticos, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e proxectos culturais na internet e todos aqueles que teñan vinculación co sector cultural". Todos eles poderán dispoñer, se cumpren os requisitos estipulados, dunha oficina de deseño nun carísimo viveiro de empresas.

Vista de parte dos espazos en aluguer © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.