Cineuropa programa 150 filmes no mes dos cinéfilos en Compostela

Cineuropa 2012 © Concello de Santiago

"A dura realidade é que, en cidades como Compostela, xa case ninguén vai ao cinema. E non faltan razóns para entendelo. As películas que apetecen, as que te tratan como un ser maduro (ou como un inmaturo pero, iso si, con sentido do humor) non se estrean. E o cinema, chamémoslle “comercial”, chega sempre en versión dobrada, cando cada vez son máis os espectadores que se afixeron a identificar unha película coas súas voces xenuínas, a súa música, a súa harmonía interna e sonora". José Luis Losa coordina un ano máis Cineuropa, un festival de exhibición que lles permite aos composteláns (e non só) gozar durante tres semanas ao ano de boa parte dos filmes con máis pegada do ano en Cannes, Berlín, Venecia, Locarno, Róterdam, Bos Aires, San Sebastián ou Sitges.

Un festival diverso e variado, como revela por exemplo que nesta edición se premie a Pedro Costa e Najwa Nimri. Un festival de novidades e tamén de cinefilias, filmes de culto e retrospectivas. Un festival de cinema internacional, pero que tamén deixa un espazo para os e as creadoras galegas. Un festival de cinema, pero que se complementa dende hai anos con música e debates.

Praza ofrecerá unha cobertura continuada de Cineuropa a través do blog Cinema na Praza, no que Ifrit publicará as súas críticas e suxestións. O programa inclúe ao redor de 150 títulos, entre os que destacan os últimos filmes de Kiarostami (Like someone in love), Sion Sono (The Land of Hope), Haneke (Amour), ademais de Paradies (Ulrich Seidl), Holy Motors (Leos Carax), The cabin in the Woods (Drew Goddard) ou Beast of the Southern Wild (Benh Zeitlin). Cómpre salientar igualmente as estreas de A cicatriz branca, de Margarita Ledo, e Arraianos, de Eloy Enciso. E tamén as proxecció de Nosferatu coa música en directo da Real Filharmonia de Galicia.

Cineuropa 2012 © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.