0 Gardados para despois

Só é cuestión de ollar. E Rivas ensínanos a facelo

Dolores VilavedraDolores Vilavedra


Por razóns que non veñen ao caso ando nos últimos tempos a estudar o asunto da memoria, das memorias, de aí que por eses vieiros chegase á extraordinaria obra de Jorge Semprún La escritura o la vida. De a cabalo entre o autobiográfico e o ensaísmo, Semprún debulla con naturalidade, sen espaventos, o dilema moral ao que se enfrontou tras sobrevivir ao campo de concentración de Buchenwald. Para el, a amnesia foi durante décadas a única estratexia posible para voltar á vida ou, dito doutro xeito, a Semprún faltoulle -cito textualmente- “valor para afrontar la muerte a través de la escritura”. A lectura estaba a resultarme dura, durísima, non polo que tivese de evocador duns acontecementos atroces senón porque Semprún nos obriga a recoñecer con humildade os límites do exercicio da memoria como ferramenta de rexeneración ética. O libro producíame unha especie de vertixe que me impelía a deixalo pousar de cando vez para respirar fondo, coller folgos…e retomar a lectura, enganchada á radical honestidade que destila das súas páxinas.

Só é cuestión de ollar, e de escoitar, e Rivas ensínanos a facelo

Ata que me chegaron As voces baixas de Rivas e empecei a alentar. Eran voces cordiais, consoladoras, próximas, que me arroupaban nese non lugar asoballante que ás veces pode ser a memoria colectiva. Corría a elas cando non podía máis co libro de Semprún. Do seu fardel de lembranzas Rivas expurga un mangado de historias que son súas, indefectiblemente súas, pero que transpiran o mesmo latexar de humanidade que cada quen pode atopar no seu propio pasado. Só é cuestión de ollar, e de escoitar, e Rivas ensínanos a facelo. A deixar falar as voces do que somos, dese outro que non deixamos de ser aínda que pasemos media vida a buscalo.

Rivas móvese como peixe na auga na tensión entre o individual e o colectivo e por iso mesmo é quen de escolmar na súa particular memoria episodios que cobran valor representativo

Póñome transcendente e non lle fago xustiza ao libro. Non hai nada de onanismo nin de grandilocuencia nestas páxinas, senón de canto á vida, entendida non como un solo virtuoso senón como unha animosa cantata. Rivas móvese como peixe na auga na tensión entre o individual e o colectivo e por iso mesmo é quen de escolmar na súa particular memoria episodios que cobran valor representativo… ma non troppo. Se as súas historias nos seducen é porque as identificamos de maneira indubidable como radicalmente súas, ben afastadas de calquera pretensión categorial. Algunhas xa as coñeciamos a través das páxinas de El País ou da súa narrativa, onde visitan furtivas os territorios da ficción. Moitas son líricas, outras humorísticas, algunhas resistentes (a do tío Francisco, o barbeiro, e o falanxista…) ou didácticas: seica os cans poden ir ao ceo, que o dixo un teólogo ilustre. Se cadra, Cotobelo, o can da súa nai, fixo migas aló arriba co gato Samuel de Casares. Esa orixe articulística explica, por certo, algunha reiteración innecesaria en diferentes capítulos que se podía ter peneirado no traballo de edición.

Cada capítulo d’As voces baixas é coma un retrinco de Castelao, ou como unha cousa (as fotos cumpren a función icónica que no rianxeiro xoga o debuxo): velaquí a distancia idónea para a escrita rivasiana, a curta, a do mestre que vía a vida caligrafada nas ás dunha bolboreta. Algunhas das súas imaxes déixannos estantíos: cando unha bate coa “beleza sísmica” da Tía Maruxa sente case fisicamente como se lle arrepuíña a pel, encollémonos baixo “a ollada panóptica do mestre” e nunca máis poderemos oír o mar en noites de temporal sen escoitar as vacas que brúan no mar…..

Cada capítulo d’As voces baixas é coma un retrinco de Castelao, ou como unha cousa (as fotos cumpren a función icónica que no rianxeiro xoga o debuxo)

Hai algo de reencontro cunha linguaxe xeracional na lectura de As voces baixas. Na miña infancia tamén os adultos “bebían coma cosacos”: era escoitar esa frase e imaxinar unha morea de tipos barbudos e de a cabalo a trasfegar petacas de contido misterioso; e eu tamén fun, coma a nai de Rivas, “o espíritu da contradición”, e aceptaba o alcume críptico cunha mestura de inquedanza e satisfacción. Sería interesante analizar ata que punto esas expresións perderon, para as novas xeracións lectoras, valor referencial e gañan o potencial iluminador das metáforas máis misteriosas.

Conforme medra, o murmurio das voces cobra densidade e permítenlle a Rivas afondar no anecdótico, na procura de respostas, como seu pai furaba na terra buscando auga: así, descubrimos o que é a literatura comprometida grazas aos horóscopos, ou revélanos a súa autopoética grazas aos petróglifos, a súa nai e o segundo manifesto surrealista, ou aborda o tema inevitable -no seu caso- da relación entre xornalismo e literatura.

Rivas non é recoñecido como un extraordinario escritor porque si, nin por ter detrás o grupo Prisa, como algúns prefiren crer para consolarse da súa propia mediocridade

Case nada é casualidade. Rivas non é recoñecido como un extraordinario escritor porque si, nin por ter detrás o grupo Prisa, como algúns prefiren crer para consolarse da súa propia mediocridade. Éo por perseguir, infatigable, ese punto de fusión (ou de fisión?) onde a vida se converte en literatura. Éo porque, ás veces, funcionan como un acelerador de partículas ou un cruxol onde ambos elementos colisionan e xorde esoutra materia fugaz, inaprensible, e que chamamos arte.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Interésanlle as liortiñas do galeguismo á sociedade galega de arestora?

Ficaron atrás as eleccións, deixándonos un sabor  amargue, e unha pregúntase, ao fío da lectura de Como en Alxeria, se política e literatura non terán máis que ver do que adoitamos crer, por mor do prurito de superamos o vello concepto estruturalista de homoloxía. Certamente, as lecturas que ofrecen os resultados electorais son múltiples, pero coido que pode haber coincidencia en recoñecer a incapacidade das opcións nacionalistas para interesar á cidadanía. O mesmo acontece coa nosa literatura máis a miúdo do que a unha lle gustaría, e velaí a pata da que coxea Como en Alxeria. Un remake de Retorno a Tagen Ata, no que o autor ten a habelencia de introducir lixeiras variantes argumentais que non abondan para disfrazar a verdadeira historia: a particular visión que o autor quere darnos das liortas do nacionalismo dos 60.

As lecturas que ofrecen os resultados electorais son múltiples, pero coido que pode haber coincidencia en recoñecer a incapacidade das opcións nacionalistas para interesar á cidadanía

E unha, que por razóns familiares e profesionais está decote en contacto con moita xente nova, estarrece só de pensar que esta novela poida caer nas mans dese público, porque non hai nada aquí que lle poida interesar. O conto do piñeirismo, na súa enésima versión, só que desta volta protagonizada por un tipo que pretende ligar recitando versos de Cabanillas e por unha moza que lembra as vellas divas do cine mexicano tipo María Félix: estamos lonxe do engaiolante sedutor que é Ulm Road, e do simpático casacarrabias que Alcalá construíu en Tertúlia aló polo 1985 para darnos a súa particular versión do galeguismo do seu tempo, aínda que certamente acerta moito Pena no xogo de espellos e desdobramentos que subxace na trama.

O público vai xa algo canso de servir de adaxe catártica para a frustración dunha xeración fracasada, que precisa axustar contas co seu propio pasado

Sospeito que o público vai xa algo canso de servir de adaxe catártica para a frustración dunha xeración fracasada, que precisa axustar contas co seu propio pasado, e que para iso usa tanto as armas da política coma as da literatura. E unha non pode menos de preguntarse por cal é o proxecto literario que inspira unha novela coma esta. Que procura este exercicio de memorialismo? Porque cando este só serve para a autoxustificación pasatista, perde a súa funcionalidade rexeneradora: velaí os límites aos que me refería ao comezo. É preciso seguir buscando culpables, en política e en literatura? Interésanlle as liortiñas do galeguismo á sociedade galega de arestora? Non estamos a piques de que nos aconteza o da muller de Lot: ficarmos petrificados de tanto mirar atrás? Se cadra, é hora xa de asumir certos fracasos e dar o relevo, en política e en literatura. A estética non pode ser cómplice da parálise que inocula o virus pasatista, non pode atopar na recreación narcisista a súa razón de ser. E moito me temo que a nosa literatura, e a soi-disant cultura do nacionalismo, coxea dese pé tanto, tanto, que ás veces non consigue avanzar.

A editorial Kalandraka recibiu o Premio ao mellor labor editorial Cultural 2012

Por certo: nos días da campaña electoral a editorial Kalandraka recibiu o Premio ao mellor labor editorial Cultural 2012 (e noticia nos informativos da 1 en prime time). Non sei de ningunha forza política que lle fixese chegar publicamente os seus parabéns. Claro que Kalandraka fai negocio publicando tamén en castelán (e en coreano…) e xa se sabe, iso para algúns, aínda é anatema. Así nos vai.