Des-concerto expansivo contra o silencio e o esquecemento

Os estudantes, formando a palabra 'vidas' en Laxe CC-BY-SA A Burla

O 1 de decembro de 2002 caían chuzos de punta en Compostela. Poucos días antes o Prestige afundira ante as costas galegas e non deixaba de vomitar chapapote mentres, dende os gobernos galego e español, aínda ninguén pronunciaba a expresión "marea negra". Nesa xornada estaba convocada unha manifestación, unha convocatoria aberta á que mesmo o PPdeG estivo a piques de sumarse e que se converteu nunha inmensa marea de indignación cidadá baixo a chuvia. Dez anos despois o colectivo A Burla, herdeiro da Burla Negra que agrupou as persoas do mundo da cultura que alzaron a voz contra a xestión da catástrofe, conmemora o aniversario reproducindo outra das accións de protesta daqueles días: os concertos expansivos.

Os concertos conmemoran o décimo aniversario da primeira gran manifestación de Nunca Máis

Desta volta non son concertos, senon "des-concertos" pero son igualmente expansivos e anegan mías de corenta locais por todo o país a partir das dez da noite deste sábado. Son artistas, músicos e colectivos sociais que, por toda Galicia e tamén en Barcelona, Menorca e Xixón, "darán testemuño do que foi o movemento social" nado tras a catástrofe do petroleiro, "lendo en cada actuación o Manifesto contra o silencio", escrito por Manuel Rivas tras o naufraxio, e tamén o Des-cálogo, o texto que inspira a campaña DésPRESTIGE, que vén impulsando A Burla dende hai semanas.

Os actos de lembranza que culminan cos "des-concertos" comezaron este venres en Laxe, onde foi lembrada a cadea humana organizada en xaneiro de 2003 polo colectivo de mestres e mestras Area Negra. Daquela foron 35.000 estudantes de todo o país que uniron coas súas mans as vilas de Laxe e Muxía. Desta volta foron alumnos e alumnas de cinco institutos (IES Cachada, de Boiro, IES Terra do Xallas, de Santa Comba, IES de Baio, IES Antón Fraguas, de Santiago, e o CPI de Laxe) os que volveron entrelazar as mans para "recrear a célebre fotografía aérea da palabra 'vida" realizada na mobilización de 2003. Desta volta engadíuselle un S final, "que quere simbolizar a evolución vital de todos aqueles alumnos e alumnas despois destes dez anos".

Cartaz do des-concerto CC-BY-SA A Burla

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.