Os concertos agora vense no sofá

Jane Joyd © Tolemias

O estudo de gravación Casa de Tolos e R veñen de crear Tolemias, unha canle de vídeo baixo demanda que se presenta ofrecendo 32 concertos gravados por toda Galicia. Se cadra, unha boa opción para ver aquel concerto que perdiches, lembrar aquela actuación que te impresionou ou en xeral para aqueles aos que xa lles empeza a dar algo de preguiza o de trasnoitar de sala en sala.

Tolemias inclúe dende concertos multitudinarios ata actuacións en teatros, auditorios ou pequenos pubs, principalmente de músicos galegos pero tamén de bandas estranxeiras que viñeron actuar a Galicia e ademais en todos os estilos: rock, jazz, folk… Polo de agora son 32 pero o catálogo vaise incrementar cada mes con oito novas actuacións. Xa se pode gozar das gravacións de Budiño en Ortigueira, Uxía, Simon Finn, Patricia Moon, Sugar Mountain, Os Resentidos en Ourense, Novedades Carmiña ou Eladio y los seres queridos. A listaxe tamén inclúe a serie ENREDE (Rede galega de Música ao Vivo) cos directos de Los Eternos, Phantom Club ou Roger de Flor.

Os máis de 100.000 clientes de televisión de R poderán acceder a esa selección de concertos de Casa de Tolos a través do servizo de subscricións de R, gratuíto neste período de lanzamento.

 

E tamén documentais

Neste servizo de subscricións tamén se atopa dispoñible a canle Play-Doc TV, que xestiona o Festival Internacional de Documentais de Tui

Neste servizo de subscricións tamén se atopa dispoñible a canle Play-Doc TV, que xestiona o Festival Internacional de Documentais de Tui. A canle ofrecerá unha selección dos documentais máis destacados que pasaron e pasarán polo festival, así coma obras de grandes realizadores aos que o Play-Doc lles dedicou retrospectivas. A programación comezou coa filmografía completa de Ross McElwee, figura esencial do documental autobiográfico norteamericano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.