0 Gardados para despois

Fran Alonso pisa a fondo

Armando RequeixoArmando Requeixo


E velaí. Fran Alonso, vinte anos despois, reescribiuse nunha espiral de vertixe. O mundo camioneiril de Trailer (1991), todas as reflexións sobre as cuestións de xénero, o papel da familia, a violencia, as relacións de poder, a dureza e dificultade da vida na estrada, as aspiracións e ilusións por progresar, a importancia da(s) comunicación(s), a loucura que o amor desata… todo o que había naquela orixinal novela que gañara no seu día o Blanco Amor volve agora con forza na narración A punta de pistola (2012), por súa vez galardoada co XII Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia.

Pero non todo A punta de pistola é persecución viaria e acción sobre rodas. Hai nela tamén moito de crítica á desestruturación dos núcleos familiares tradicionais

Mais como dúas décadas de oficio non son en van, nesta nova entrega Alonso mellora e afirma algúns valores que xa sorprenderan gratamente naquela primeira novela. Poño por caso, a súa innegable capacidade para xerar unha tensión narrativa crecente e sostida por longo tempo a través de elaboradas tramas e unha escenificación de road movie no treito final da obra que achega esta escrita ao puro guión cinematográfico.

Pero non todo A punta de pistola é persecución viaria e acción sobre rodas. Hai nela tamén moito de crítica á desestruturación dos núcleos familiares tradicionais, de reflexo da incomunicación interxeracional, o maltrato infantil, a denuncia da situación de sometemento de moitas mulleres ou a gravísima problemática da marxinación social, entre outros asuntos.

Que Alonso consiga contarnos todo fusionando sucesos reais e ficción é, con certeza, un mérito engadido, pois á natural complexidade de artellar un relato que cative o lector vén unirse o feito evidente de ser este, en non pequena medida, unha historia xa sabida e, polo mesmo, difícil de ensamblar nunha trama que se serve do xogo de espellos temporal e dos paralelismos entre a vida da histórica camioneira Celia Rivas, pioneira nestes lides na Preguerra, e unha moza dos nosos días que capitanea unha exitosa empresa de transporte axudada das novas tecnoloxías. Polo medio van cruzarse as fías do secuestro dos seus propios fillos por parte dunha parella marxinal que os arrinca do centro de acollida no que permanecen e unha rocambolesca historia de amor entre unha adolescente e outro camioneiro que serve de enlace entrambas tramas. O resultado é un trenzado de liñas argumentais resoltas nun abraiante cúmulo de coincidencias que desembocan no clímax final da novela.

Precisamente neste habelencioso tecer de secuencias paralelas finalmente converxentes é onde reside o mellor desta historia de Alonso, quen sabe recrear con ben ambientes e personaxes de extraccións sociais e periplos persoais moi diversos, retellando con pericia todo o teitume de rexistros lingüísticos e procederes individuais que sostén o edificio da novela.

Este A punta de pistola é un thriller con reberetes de novela negra e drama psicosocial que consegue espremer ata a derradeira pinga da atención lectora co seu dominio absoluto do ritmo narrativo e a plasticidade das secuencias sucesivas, un título que proporciona intriga e adrenalina en cantidades industriais e que nos devolve un Fran Alonso que pisa a fondo, eléctrico e sorprendente coma poucas veces.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.