Rinoceronte presenta Takeshi Kitano en galego

Takeshi Kitano © Praza Pública

Xa podemos ler Takeshi Kitano en galego. Rinoceronte vén de editar a tradución de Kikujiro e Saki, unha obra autobiográfica do actor-director xaponés que mesmo se converteu en serie de televisión. Presentarao este xoves na Libraría-Café que a editorial ten en Cangas. E non estará Kitano pero si a súa tradutora do xaponés, Mona Imai. Será ás oito da tarde e haberá sorpresa: con cada consumición ofrecerase unha tapa "tipicamente xaponesa".

Neste libro autobiográfico, que deu pé a unha serie de televisión, Takeshi Kitano amosa o seu lado máis íntimo e próximo, ao desvelar a súa orixe. E é que no corazón maduro deste comediante e cineasta recoñecido aínda pervive o rapaz fedello que medrou no seo dunha familia humilde nos barrios baixos de Toquio. Kitano fai fincapé na importancia dos lazos familiares no Xapón da súa infancia a través da historia do seu pai, Kikujiro --un home estrito que aínda vai pola vella--, e a súa nai, Saki, unha muller intelixente, de espírito optimista e forte personalidade, que non deixa de discutir co seu marido malia vivir nunha sociedade machista como a xaponesa. Porén, a parella únese para afrontar calquera adversidade. Visto dende o prisma deste xenio do gag, as desgrazas familiares máis tristes convértense en escenas humorísticas sen precedentes, e demostra que o afán de superación o arma de ás para voar.

Capa do libro © Rinoceronte Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.