0 Gardados para despois

Citizen, A Ópera dos tres reás e Oeste solitario, favoritas nos María Casares

Redacción | @prazapublica

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) anunciou esta tarde os nomes dos finalistas aos XVI Premios de Teatro María Casares, nunha cerimonia que reuniu a máis de 150 profesionais do sector no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns (Ames). A cerimonia de entrega dos XVI Premios María Casares será o próximo 3 de abril, no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña e será retransmitida pola TVG.

Citizen Total (Chévere) e A Ópera dos tres reás (Centro Dramático Galego), obtiveron 8 nomeamentos. Oeste Solitario (Producións Teatráis Excéntricas) acadou seis e “E.R.” Algún día traballaremos xuntas (Teatro do Atlántico) catro. O Florido Pénsil (Eme2 emoción e arte), Tango (Sarabela Teatro) e Piratas (Teatro do Noroeste), conseguiron 3 cada unha. Pelos na Lingua (Talía Teatro), American Café (Teatro do Morcego), Soños (Bichakadela) e 0,7% Molotov (Teatro de Ningures) tamén teñen opción a premios.

A actriz Mónica García conduciu o evento cunha intervención humorística na que se transformou en Cándida del Moral, funcionaria da Consellería de Educación que aproveitou a ocasión para ofrecer aos profesionais do teatro unha serie de consellos de orientación laboral.

Citizen Total, O florido pénsil Oeste solitario competirán polo premio ao mellor espectáculo. Avelino González (Pelos na lingua), Xesús Ron (Citizen) ou Xúlio Lago (E.R.) serán o mellor director. O premio ao mellor actor estará entre Antonio Durán “Morris” e Josito Porto por O florido pénsil e Evaristo Calvo (Oeste Solitario). E finalmente, a mellor actriz será Luísa Merelas, Susana Dans (ambas de E.R.) ou Patricia de Lorenzo (Citizen).

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.