'Unha folla de ruta' para protexer o patrimonio cultural galego

Presentación da 'Declaración de Compostela' no Consello da Cultura Galega CC-BY-SA Praza Pública

O Consello da Cultura Galega acolleu este venres a presentación da Declaración de Santiago en defensa da conservación do patrimonio cultural galego, que pide que as administracións contemplen a defensa do patrimonio dunha "maneira global" e a redacción dn documento de referencia todas as profesións implicadas. Tamén se fixo fincapé na importancia de levar a cabo un inventario completo e detallado deste patrimonio, moi disperso por todo o pais, e mal protexido e conservado en moitas ocasións pola ausencia de información sobre el. Ademais, salientaron os efectos negativos da crise e da desregulamentación sobre as condicións nas que se conserva o patrimonio en Galicia.

"O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre está moi ben pero o problema é que se cadra a dez quilómetros del se están destruíndo petroglifos polo motivo que sexa. Cómpre unha planificación global"

"O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre está moi ben pero o problema é que se cadra a dez quilómetros del se están destruíndo petroglifos polo motivo que sexa. Cómpre unha planificación global". Deste xeito resumía Fernando Carrera algúns dos obxectivos desta declaración e do Foro do Patrimonio Cultural Galego que tamén se quere poñer en marcha como como espazo de diálogo entre os profesionais e a Administración. 

Na presentación do documento interviron: Fernando Carrera Ramírez (Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia), José Manuel Rey Aguiño (CRG), Comba Torre (ARCOBENS), Yolanda Porto (ACRE) e María García Alén e Iago Seara Morales (Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega).

Todos eles xulgan "imprescindible" a redacción dun documento de referencia que se podería plasmar nunha Carta para a Conservación do Patrimonio Cultural Galego como base para a elaboración de protocolos para o deseño, execución e xestión de proxectos. Consideran asemade preciso o impulso dun Plan Urxente “para os ámbitos especialmente vulnerables e sometidos ao deterioro” e un inventario e catalogación aberto á interacción social e apunta que ese arquivo documental debe estar aberto á consulta pública. Tamén reclamaron “a reorganización das estruturas organizativas da Administración encargada da tutela do Patrimonio Cultural Galego" e defenderon a necesidade do Instituto Galego de conservación do Patrimonio Cultural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.