A indeterminación de Carlos Lema

Indeterminacións © Axóuxeres

Dou remate á lectura dun moi estimable volume de ensaio do editor e poeta Carlos Lema: Indeterminacións, publicado polo selo Axóuxere na súa colección Polimnia, unha auténtica regalía para os ollos e as mans que cómpre agradecer aos rianxeiros Xosé Manuel Tubío e Roberto Abuín, quen en pouco máis dun ano conseguiron facerse un oco no mercado ensaístico galego publicando textos de autores de noso e traducións que constitúen pequenas alfaias tanto polo seu contido coma polo continente, sempre en edicións moi coidadas no deseño, ilustracións e grafismos.

Polimnia, unha auténtica regalía para os ollos e as mans que cómpre agradecer aos rianxeiros Xosé Manuel Tubío e Roberto Abuín, quen en pouco máis dun ano conseguiron facerse un oco no mercado ensaístico galego

Indeterminacións é un libro que naceu como contedor de traballos previos dados á luz por Lema na revista Grial e mais a Revista das Letras do extinto xornal Galicia Hoxe. Catro longos artigos que foron aquí minimamente revisados e postos ao día e que percorren asuntos diversos pero complementarios, que van dende a interpretación da realidade novelística ata o posthumanismo e as súas angueiras sociolaborais en tempos de ruína capitalista, pasando polas consideracións sobre o musical que se abren a partir da análise da obra de Elliott Carter ou as reflexións que favorece a irrupción do libro dixital. Como queira que certa brevidade é obrigada, cinguireime aquí aos dous artigos que máis directamente se ocupan de cuestións de xorne literario, recomendando tamén, porén, a lectura dos restantes traballos, non menos lúcidos e interesantes.

Catro longos artigos que foron aquí minimamente revisados e postos ao día e que percorren asuntos diversos pero complementarios, que van dende a interpretación da realidade novelística ata o posthumanismo e as súas angueiras sociolaborais en tempos de ruína capitalista

En Contra a novela. Hipóteses sobre a narración como sentido Lema argumenta a propósito da necesidade de tensar o proceso de lectura ata conseguir romper coa unidade de significación institucionalizada que a escrita ficcional como representación dun universo de sentido preexistente e referenciado ofrece. Do que se trata é de beirear as limitacións didactizantes da novela como forma de poder, escapar da narración como produtora dunha verdade e valores sustentadores dun universo de comprensión social, de leis con-substanciais á dinámica do propio poder (literario) sistémico. Dito noutras palabras: hai que procurar as marxes, situarse na indeterminación transdiscursiva, nas fendas do que fica fóra, na errancia do que foxe do narrado como espello do Mesmo para explorar os Outros, dinamitar a linguaxe do Tempo tiránico da novela para abrirnos ao baleiro xerminativo, alterfundante, espiral e de pensamento paralelo.

Da súa parte, O libro perfecto nace da consideración crítica (entendido aquí o termo grego krisis no seu sentido máis etimolóxico, como ruptura ou intre de fractura e, polo mesmo, como tránsito problemático que esixe reflexión) da realidade libro ante a revolución e o cambio (parcial) de paradigma que o libro electrónico ou dixital supón. Neste sentido, se xa o libro convencional producía unha esfera autoconsistente que cumpría superar para atopar as marxes rebordantes nas que o pensamento fluía alén dese discurso uni-versal, a reduplicación fractal e idéntica a si mesma que o libro dixital exponencia abismal dificulta, aínda máis, a creación dun territorio marxinalia, dun espazo que non fagocite a globalización dese biblion internetiano que como nova sacra suma Verdade ameaza con engulilo todo.

Contra del, ou mellor, alén del, Lema alíñase do lado da defensa dunha lectura non institucionalizada dos modelos librescos (convencionais, mais tamén dixitais), unha lectura descontinua e azarosa, implementada de derivas, ilexible por canto non se le de acordo coa aprehensión dun sentido anterior preestablecido, dunha unidade de significado e fixación do discurso. Profundar no pracer agónico, dese agón heleno que é a loita, a disputa ou contenda co Sistema, co Mercado e a reificación da lectura. En definitiva, un pular do texto como pensamento e non como lei, un crear insularidades críticas no océano uniforme dun abundantísimo e aveso espellismo textual pseudorreflexivo.

Carlos Lema, a quen xa debiamos outros valiosos traballos sobre Proust, Postone, Char ou Heidegger, revalida con este Indeterminacións a súa condición de lúcido ensaísta e pensador fondo

Carlos Lema, a quen xa debiamos outros valiosos traballos sobre Proust, Postone, Char ou Heidegger, revalida con este Indeterminacións a súa condición de lúcido ensaísta e pensador fondo, instalado na máxima espesura de sentido e na densificación conceptual extrema, mais xustamente por iso de ben rigorosa e moi proveitosa mensaxe.

Indeterminacións © Axóuxeres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.