Ardalén e El Héroe 2, entre os "imprescindibles" do cómic en 2012

David Rubin CC-BY-SA Alberto Ramos

Ardalén, de Miguelanxo Prado e El Héroe 2, de David Rubín, figuran en todas as listas coas mellores obras de banda deseñada do ano. Botando un ollo ás peneiras que nestas datas están publicando medios de comunicación e blogs especializados vemos como as dúas obras galegas son unha constante entre o mellor do ano en España, sobre todo no caso do libro de Rubín.

Así, atopámolo na selección das cinco mellores obras que fai La Montaña de Tebeos  ("O mellor tebeo de superheroes de 2012 ... Rubín faino mellor. Non ten que atarse aos corsés de personaxes convertidas en franquicia, ten liberdade para mesturar influencias e para alterar a historia á súa conveniencia"). E igualmente nas cinco que destaca ABC ("Rubín dá novo alento ao cómic como medio")E tamén nas dez que escolle Acolostico se escribe con erre("Simplemente espectacular o traballo de Rubín, unha homenaje aos tebeos de sempre, con acción contundente, un debuxo e unha narrativa que tiran de costas, unha revisitación ao mito clásico de Heracles, con máis duna lectura. Canela fina").

Nesta listaxe tamén aparece Ardalén, o celebrado regreso de Miguelanxo Prado ("unha historia sobre as lembranzas, sobre memorias perdidas e atopadas, cun trasfondo de fantasía, e cun retrato da realidade de aquí, imposible non destacalo e gozalo"). E en Acolostico temos tamén unha terceira escolla galega:  Breve Encontro. Un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta, de Jacobo Fernández Serrano ("Un exemplo do poder dos tebeos. Non teño nin idea da literatura galega, non me gusta a poesía, e lendo este tebeo sobre a vida do poeta galego Lois Pereiro gocei coma un anano, aprendín cousas, e achegueime a temas que a priori non me chamaban").

Finalmente, Ardalén e El Héroe 2 tamén aparecen destacados na lista de RTVE. E tamén na selección elaborada por Pepo Pérez publicada en numerocero.es Un bo ano para a banda deseñada galega.

Ardalén © El Patito Editorial
Capa de El Héroe © David Rubin

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.