“Carlos Casares non só deixou orfos os seus fillos, tamén a cultura galega”

Kristina Berg, na Fundación Casares CC-BY Alberto Ramos

O próximo 9 de marzo cumpriranse dez anos da morte de Carlos Casares. A efeméride servirá para lembrar a un escritor cuxa relevancia cultural segue moi presente no país. Kristina Berg, escritora, viúva do intelectual e presidenta da Fundación Carlos Casares, lembra a figura do intelectual para Praza Pública e analiza a situación da súa fundación unha década despois do pasamento do autor de obras como Ilustrísima, Vento ferido ou Os escuros soños de Clío.

Vaise cumprir unha década do falecemento de Carlos Casares. Como foi para vostede este tempo sen el? Esta conmemoración dos dez anos esperta a nostalxia?

É unha pregunta complicada, non sei moi ben que dicir [Fai unha pausa para pensar] O 9 de marzo cúmprense dez anos do seu falecemento. A súa morte fora unha sorpresa moi desagradable para todos, ninguén esperaba que o final ía chegar así, de súpeto. Durante os trinta anos nos que estiven casada con Carlos... El nunca se puxo enfermo, nunca faltara ao traballo. Nin un só día. Todo sucedeu de súpeto! Coa súa morte non só quedaron orfos os seus fillos, tamén quedou orfa a cultura galega. Moitos amigos del dixeron iso, que a cultura do país sentira esa orfandade pola súa marcha. Seguramente foi por iso que tanto os seus fillos como os amigos máis próximos decidiron que a historia non podía terminar así. Carlos morrera demasiado novo e tiña moitos proxectos. Era importante crear a Fundación Carlos Casares. Fundámola inmediatamente. Pasaron seis meses dende que morreu até que se creou a Fundación. E naceu para seguir cos proxectos que el anunciara en vida. Se hai nostalxia? Pois claro! Aínda que pasaran dez anos, para min, como a súa muller, non pasou tempo ningún. Pasarán os anos, pero el non pasa. El está sempre presente, na fundación e na casa. Está en todo! Pero está claro que dá moita alegría comprobar que hai tanta xente que se lembra del e que foi tan querido.

Como é o balance da Fundación Carlos Casares nestes dez anos?

A Fundación ten feito até hoxe un traballo moi importante. Non tanto en divulgar a figura de Carlos, pero si en seguir os seus pasos e darlle continuidade aos seus proxectos. Neste tempo sempre buscamos salvagardar os principios de Casares e quixemos facelo cun comportamento cívico. Coido que o traballo da fundación axudou á cultura galega na medida en que organizamos moitísimos encontros internacionais nos que participaron xentes de moitas culturas. Todos os que pasaron por eses encontros marcharon con boas impresións de Galicia. É un proxecto que fixemos posible entre todos coa axuda xenerosa de tantas institucións e colaboradores. Moitas persoas prestan o seu coñecemento e o seu tempo no desenvolvemento desta fundación.

Conservan materias inéditos nos fondos da Fundación Carlos Casares que se vaian publicar proximamente?

Estamos niso. Quedou un arquivo de Carlos desordenado. Nestes anos, apareceron papeis por todos lados. Hai moitos manuscritos e aínda hai persoas que están clasificando todo o material. É moi posible que haxa textos inéditos que se poidan aproveitar. Carlos sempre estaba escribindo. Se quedou algo, quedou porque Carlos Casares quería publicalo.. Hai posibilidades de que sexa así. Se hai algo e se se decide publicar, será  algo que dependerá dos seus amigos máis próximos e, sobre todo, dos fillos. Eles terán que decidir sobre ese asunto.

"Carlos Casares cumpre os requisitos para dedicarlle as Letras Galegas, pero será a RAG quen decida"

Fálase moito de que as Letras Galegas do 2013 poderían ser para Carlos Casares. O Concello de Xinzo xa está facendo chamamentos ao respecto. A Fundación Carlos Casares fará algo para promover a súa candidatura?

É a Real Academia Galega a encargada de escoller e elixir a persoa a quen se lle vai dedicar as Letras Galegas. Carlos era membro da Academia, fixo un gran traballo alí e foi escritor.. Por todo iso, penso eu que cumpre os requisitos, pero será a Real Academia Galega quen decida. Agora, a Fundación non debería promover candidatura, sería un xeito de presionar e está fóra de lugar. Eu, como presidenta, non farei unha cousa así. Iría en contra da forma de ser de Carlos, que sempre quixo ser discreto. Non se fará nada nese sentido. É cousa da Academia decidir.

Por que escolleu vostede a Cidade da Cultura como espazo para acoller o arquivo e a biblioteca de Casares?

Pódese dicir que foi unha mestura de moitas cousas. Nos comezos, cando se creou a fundación, falábase de que iamos ter un edificio propio. A idea era que estaría a biblioteca e o arquivo nese espazo propio. Co tempo, iso non se materializou. Non temos edificio e nos locais que temos non nos caben tantas cousas. Eu tiña medo de que todo se estragara. Por outra banda, Carlos dicía que unha biblioteca non se podía dividir porque tamén era a historia dunha persoa. Eu non quería dividila nin quería que se botase a perder. Entón, ao final, vin que a única alternativa para salvagardar todo o material era atender a petición de Roberto Varela para que todo fose para o Gaiás. Non houbo outro motivo.

Logo era o único espazo posible? Que lle parece ese lugar?

Parece que falar da Cidade da Cultura é un tabú. Sempre con tanta polémica! Non sei se cando se construíu a Catedral de Santiago, a xente tamén estaba indignada. Non o sei. Eu antes de coñecer o Gaiás, era tan crítica como tanta outra xente. Ao estar alí e vela, hei de recoñecer, simplemente dende o punto de vista da arquitectura, que resulta impresionante. Só me refiro a iso, á arquitectura. Nos demais temas, xa non quero entrar. Xa está feito e iso non se pode tirar. A ver os usos que lle van dar. Por outra banda, penso que un patrimonio como este non pode quedar só para a familia, debe estar ao servizo da xente. Ten que estar nun espazo público.

"Piñeiro conseguía, dun xeito especial, sacar o mellor de cada persoa"

Que pensa que diría Carlos Casares ante a situación actual da cultura, dos recortes, da situación da lingua?

Carlos era un home de consenso e supoño que traballaría moito para xuntar persoas de distintas cores políticas para buscar solucións conxuntas e consensuadas, para que, dalgún xeito, todos puideran saír como gañadores. É o que me podo imaxinar, sempre foi así. El tiña un don que compartía con Ramón Piñeiro. Cando se xuntaban nunha mesa doce persoas para falar da cultura galega e todos tiñan posturas distintas, Piñeiro conseguía, dun xeito especial, sacar o mellor de cada persoa. Cada unha desas persoas achegaba o mellor e sentíanse protagonistas. Ese xeito de xuntar persoas era un don que tamén tiña Carlos. Os dous compartían iso e moito máis, eran moi amigos. Falaban a diario.  

Como presidenta dunha Fundación como a Carlos Casares, que opinión lle merece que non haxa xa unha consellería dedicada en exclusiva á cultura?

Normalmente os políticos, dunha cor ou doutra, teñen esa tendencia a recortar na cultura. Non sei por que, xa que sen cultura non temos pobo. É unha tendencia, non só aquí e agora, en moitos momentos e lugares. A cultura galega merece unha consellería, iso está claro. Se o Goberno de agora considera que non hai cartos para iso, haberá que reaccionar e falar máis galego entre nós.

"Simplemente direi que prefiro claramente a ensinanza pública. Non direi máis nada"

As antigas galescolas foron rebautizadas pola Xunta de Feijóo como as escolas Galiña Azul, nome cedido pola Fundación Casares. Que lle parece que cinco deses centros vaian pasar á xestión privada?

Simplemente direi que prefiro claramente a ensinanza pública. Non direi máis nada. Os meus fillos estudaron na pública. É cousa de familia. Eu tamén, Carlos, os seus irmáns... Todos estudamos na pública.

Kristina Berg, na Fundación Casares CC-BY Alberto Ramos
Casares, con Torrente Ballester © Fundación Carlos Casares

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.