O orzamento para bibliotecas e arquivos cae un 40%

Biblioteca municipal © ANABAD-Galicia

Son poucas as partidas orzamentarias que se libran das tesoiradas do Goberno da Xunta. E dende logo a Cultura é un dos ámbitos peor tratados, con descensos que roldan o 30%. E dentro das partidas da consellaría, Arquivos e Bibliotecas son dos peor tratados, con partidas que descenden case un 40% con respecto ás contas de 2012, que xa incluían grandes recortes con respecto aos anos anteriores.

A partida para adquisición de fondos bibliográficos cae un 57%, o que os bibliotecarios cualifican de "dramático"

ANABAD-Galicia denuncia que as contas da Xunta de Galicia "supoñen a asfixia dos centros". E salientan especialmente o recorte da partida para adquisición de fondos bibliográficos, que cae un 57%, o que os bibliotecarios cualifican de "dramático" e que lles "impíde cumprir a súa función principal de atención aos usuarios". Esta partida pasa de 1.5 millóns de euros a 650.000.

En canto aos arquivos, critican que "seguen sen abordarse os problemas crónicos de falta de espazo que lle impiden aos centros cumprir as súas funcións, ao non poder recibir transferencias". E poñen como exemplo o Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, que "nin sequera engadindo a nave existente no Polígono do Tambre, ten espazo de depósito suficiente para pode cumprir co seu cometido".

Os profesionais de arquivos e bibliotecas reclámanlle á Xunta de Galicia "que cese xa o desmantelamento pola vía dos feitos que determina esta continuidade na mingua orzamentaria"

Por este motivo os profesionais de arquivos e bibliotecas reclámanlle á Xunta de Galicia "que cese xa o desmantelamento pola vía dos feitos que determina esta continuidade na mingua orzamentaria". Hai uns meses ANABAD-Galicia, a asociación que agrupa os profesionais de bibliotecas, arquivos e museos, elevou a súa protesta polo peche da biblioteca municipal de Agolada, pola incapacidade do Concello para afrontar o seu custe. ANABAD leva meses analizando e denunciando os sucesivos recortes de fondos para o funcionamentos das bibliotecas municipais, e lembra que non se deben entender como cun gasto, senón coma un "investimento", valorándoas non con criterios económicos, senón con criterios sociais.

Biblioteca municipal © ANABAD-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.