0 Gardados para despois

"Non hai industria da banda deseñada en Galicia, seguimos a ser catro francotiradores"

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


"A banda deseñada sempre estivo en crise, estamos afeitos a que nunca haxa cartos. Coa crise, seguimos aguantando como estabamos a nivel empresarial". Así define a situación da banda deseñada galega o debuxante Kiko da Silva, un dos membros de BD Banda e director da revista Retranca, neste tempo de crise no que as industrias culturais afogan entre débedas, atrasos nos pagamentos da Xunta e tesoiradas que producen vertixe.

Esas circunstancias tamén afectan os editores de cómic pero, quizais, as características do propio sector fan que a situación non sexa tan desoladora como noutras disciplinas. A dimensión do negocio en Galicia (un número limitado de editoriais que publican banda deseñada, unha situación que -como di Da Silva- roza a crise constante e un público fiel) fan que a enxurrada de paus económicos se note menos. Loxicamente a crise está presente e o sector sufriuna, principalmente, como un forte atranco cara ao crecemento. "Hai uns anos falouse dun florecemento do sector a nivel de autores e de editores de banda deseñada. Cando todo iso estaba florecendo, chegou a crise e parou. Aínda así, estamos aguantando. A ver se conseguimos manternos", explica Manel Cráneo, de Demo Editorial.

A nivel estatal, o cómic demostra que é o único apartado do mundo editorial que resiste o impacto da crise

A nivel estatal, o cómic demostra que é o único apartado do mundo editorial que resiste o impacto da crise. Segundo o Estudio de Comercio Interior do Libro en España 2010, presentado en xullo do pasado ano pola Federación de Gremios de Editores de España, o cómic facturou en 2010 máis de 85 millóns de euros, superando as cifras de 2009 e mesmo as de 2008. As vendas aumentaron un 7,5% con respecto ao ano anterior e superaron ao 85 millóns de euros. No sector editorial xeral, a caída na facturación foi dun 7%.

"Hai moita xente de aquí que le cómic en castelán e que directamente non sabe o que hai en galego"

Esas cifras de éxito en plena crise, amosan que a banda deseñada resiste mellor as circunstancias económicas, mais o sector galego ten unha eiva que observan os propios editores. "Os últimos informes din que as vendas subiron, que hai boas cifras. Pero aquí as vendas caeron en xeral. En banda deseñada en galego nótase bastante, en castelán a incidencia é moito menos. Vender en galego 1.000 exemplares é difícil, e en España non. Realmente, o que pasa é que hai moita xente de aquí que le cómic en castelán e que directamente non sabe o que hai en galego", explica cun certo grao de autocrítica Gemma Sesar, de El Patito Editorial.

Quizais, esa falta de coñecemento, débese a que o sector aínda non está maduro e que queda moito camiño que percorrer para poder falar dunha verdadeira consolidación. "Falouse moito de banda deseñada galega, pero aquí non se constituíu unha industria real. Non se fixo unha aposta clara. Son unhas poucas editoriais as que publican de forma regular, que tratan de absorber todo o traballo de moitos autores. En Galicia, seguimos a ser catro francotiradores", admite Sesar.

 

O esquecemento institucional

Eses catro "francotiradores" levan varios anos disparando e sobrevivindo no fogo cruzado da crise. Fano en solitario e,segundo o sector, sen apoio da administración. "A nivel institucional atopámonos como estábamos cando non se facía nada. A administración non fala de nós e non se lle deu continuidade a todo o que se propuxo na época do bipartito. Agora mesmo estamos nunha situación de resistencia en todo o eido artístico. Parece que cando se trata de cultura, estase a falar de algo prescindible", explica Kiko da Silva.

No reparto das axudas institucionais, a banda deseñada é unha das grandes esquecidas

Esa ausencia das administración tradúcese en que no reparto das axudas institucionais, a banda deseñada é unha das grandes esquecidas. "As subvención son necesarias para consolidar un sector. Non estamos a falar de que o cómic queira vivir das subvencións, nada diso. Pero para fornecer unha industria, as axudas son necesarias e xa se empregaron noutros ámbitos", opina Sesar quen, tamén, lembra que a "cultura xera cartos e que o copyright, tamén", xa que cando “Emma Ríos é traducida ao francés xérase riqueza". "E iso ten que entendelo a administración e a xente", sentencia Gemma Sesar.

 

O público e os tópicos

A banda deseñada conta cunha masa lectora moi concreta e consolidada, mais reducida. Unha das prioridades para o sector galego a longo prazo é ampliar os lectores e darse a coñecer entre ese público que, como dicía Sesar, le cómic en castelán, pero non coñece a produción na lingua propia. Neste mesmo senso, as editoriais e os autores deberán seguir coa consolidación do prestixio gañado nos últimos anos. Prestixio que serviu para borrar en gran parte os prexuízos que sempre rodearon o xénero. "O mercado cambiou moitísimo nestes anos, non só pola novas tecnoloxías, senón tamén polas características do público e o funcionamento da novela gráfica, que abriu moito o mercado en España. O cómic, cando comezamos con BD Banda hai dez anos, era como un gueto para frikis", explica Kiko da Silva.

"O mercado cambiou polas características do público e o funcionamento da novela gráfica, que abriu moito o mercado en España"

Nesa importancia da novela gráfica á hora de abrir o mercado e eliminar tópicos coinciden outros. "Aínda non está consolidado o sector, pero pode que con libros como de Arrugas, a situación cambie. Hai moitos centros de ensinos que o recomendar ler e iso pode mudar as cousas", subliña Gemma Sesar, en referencia a obra de Paco Roca, Premio Nacional de Cómic, cuxa adaptación cinematográfica vén de recibir varios premios Goya.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Máis dunha década de BD Banda

O 17 de maio de 2001 presentouse a revista de BD Banda, por iniciativa de Kiko da Silva e de Cano, encargado da Libraría Paz de Pontevedra. Xurdía coa intención de crear un medio no que os autores galegos puidesen publicar os seus traballos. O primeiro número saíu cunha tiraxe de mil exemplares de 90 páxinas. "Foi un proxecto que naceu dende a paixón, cun grupo de xente comprometida nun momento en que non había publicacións deste tipo. Fixemos un primeiro número diferente, que sorprendeu no seu momento, con lombo e a toda cor. Era a novidade, sorprendeu porque fuxía da grampa e o branco e negro", rememora Kiko da Silva.

O proxecto foi medrando e no ano 2005 lanzáronse ao mundo editorial en colaboración de Faktoría K, que creaba Kalandraka. Principiou así a colaboración e a produción editorial até que que BD Banda decidiu, chegado o momento, comezar a editar en solitario como selo individual. A súa nova andaina arrancaba coa obra As Serpes Cegas, de Felipe Hernández Cava (no guión) e de Bartolomé Segui (no debuxo), que chegou a conseguir, entre outros galardóns, o Premio Nacional de Cómic de 2008.

Na actualidade e pasado xa a década de vida, o colectivo BD Banda desbotou seguir coa revista e centrarse na edición. "A crise fixo parar a revista. Non se podía sacar un número e vimos a opción de editar", sinala Da Silva.

Deste xeito, o selo BD Banda está a traballar no lanzamento de dúas novas obras. A primeira en ver a luz será Dédalus en Compostela, un traballo de Fernando Iglesias sobre a obra de Vicente Risco. Máis adiante está previsto que a editora se encargue da tradución ao galego de El Arte de Volar, obra de Kim e Altarriba que lles valeu a estes autores o Premio Nacional de Cómic 2010.

Rinoceronte traducirá ao galego Joe Sacco na súa colección de novela gráfica

A editorial Rinoceronte abriu o pasado ano unha nova colección para acoller traducións de novela gráfica. Polo momento, xa levaron ás librarías Persépole, o éxtio internacional da iraniana Marjane Satrapi  traducida por Eva Carrión, e Entender o cómic, un ensaio sobre a linguaxe das viñetas de Scott McCloud, traída ao galego por Rafael Salgueiro. Eses foron os primeiros títulos publicados, pero Rinoceronte lanzará en próximas semanas Contrato con Deus, de Will Eisner, obra de 1978 precursora da novela gráfica; e Na procura de Ed o riseiro, de Kim Deitch, un título que aínda non foi traducido ao castelán.

Para os próximos meses, Rinoceronte tamén ten previsto traducir dúas obras do afamado Joe Sacco. A primeira delas será Palestina, na que Sacco retrata as súas experiencias na Franxa de Gaza entre decembro de 1991 e 1992. A segunda será Gorazde zona segura, obra na que o autor describe a situación dunha pequena vila sitiada de Bosnia.

Con esta colección, Rinoceronte busca un novo xeito de esquivar a crise económica. "As vendas caeron e as axudas da Xunta para a compra de libros para bibliotecas reducíronse á mínima expresión. Ante estas circunstancias, creamos novas liñas para ofrecer aos lectores. É unha oportunidade máis", sinala Moisés Barcia, director de Rinoceronte.

As novela gráficas desta colección publicaranse en branco e negro, tal e como son nas súas versións orixinais, e nunha edición ben coidada. O responsable da colección é o crítico Breixo Harguinday.

Esta nova vertente de negocio mantén a filosofía de Rinoceronte. "Está na nosa liña normal. O que facemos é buscar cousas fóra das nosas fronteiras, títulos que nos interesen e dos xéneros que nos gustan. A novela gráfica gústanos e apostamos por ese xénero tan particular da banda deseñada", explica o director desta editora especializada na tradución e que,dende a súa creación hai xa seis anos, presentou nas librarías preto de cen obras.

Castelao feito viñetas

Pese a crise e as circunstancias que rodean ao mundo do cómic, as diferentes editoriais especializadas andan a preparar as súas novidades para os próximos meses. Un dos protagonistas este ano para a banda deseñada galega será Castelao, xa que Demo Editorial publicará en maio, coa colaboración con Komic Librería, a obra Castelao: O pobre tolo, dos autores Iván Suárez e Inacio Vilariño. Será a primeira entrega dunha serie de varios títulos nos que abordarán diferentes aspectos biográficos sobre a figura do autor de Sempre en Galiza. Estes autores, ademais, están á espera de publicar outro título sobre o intelectual galego, Titoán. Con esta obra, os autores fixéronse en 2011 co Premio Castelao da Deputación da Coruña, galardón que pasará a ser bianual e cuxo futuro pode perigar.

Un mes antes dese lanzamento, a mesma editorial levará as librarías Salpock, dos autores Álvaro López e Luís Sendón. Con este álbum que resultou finalista do Premio Castelao 2010 da Deputación da Coruña, Demo Editorial inicia unha nova colección en torno a un xénero de culto: a ciencia-ficción. Ambos autores, son antigos membros do Colectivo Polaqia có que xa editaron xuntos a obra 36 e teñen participado con multitude de historietas curtas na revista Barsowia.

Pola súa banda, El Patito Editorial publicará a fin de mes a versión en galego de Trazo de xiz, cómic de Miguelanxo Prado. A editora tamén ten previsto sacar un libro de historietas de Kiraz, debuxante francés coñecido en España por publicar viñetas en revistas como Hola e Lecturas. O selo traducirá 36-39. Malos tiempos, de Carlos Giménez, unha obra sobre a Guerra Civil e que sairá do prelo cara ao verán. Estes son algúns dos proxectos de El Patito para os próximos meses, pero o selo tamén está a ultimar unha mostra sobre a Compostela iconográfica, que se inaugurará no Pazo de Xelmírez o 29 de marzo.

Faktoría K publicarán en agosto, coincidindo así o lanzamento co Salón do Cómic da Coruña Viñetas desde o Atlántico, dous novos títulos. O primeiros deles será o álbum de David Merveille baseado no personaxe de Monsieur Hulot, que interpretara no cine o actor Jacques Tati. Trátase dun álbum sen texto, con páxinas despregables, no que se vai relatando, visualmente, o paseo que Hulot pola cidade. A noite do inca, obra de Fabien Vehlmann e Frantz Duchazeau, será a outra novidade da editorial. Este libro é o segundo título que publica Faktoría destes autores, despois d’Os cinco narradores de Bagdad.

Dous títulos para dicir adeus

O pasado ano Polaqia decidiu botar o peche. O colectivo de ilustradores e debuxantes marcaban o punto e final dun proxecto que nacera co novo milenio. "Xuntámonos para crear un soporte no que publicar e abrir así o mercado da banda deseñada”, explica Bernal Prieto que, xunto a David Rubín, Kike Benlloch, Jano e Alberto Vázquez, creou Polaqia. Ese grupo inicial iría aumentando co paso dos anos e converteríase nun colectivo aberto no que as entradas e saídas de membros e colaboradores eran habituais. Dese xeito, comezaron a formar parte do proxecto autores como Emma Ríos, Roque Romero ou Brais Rodríguez, entre outros moitos. Todos sumaban os seus esforzos en sacar adiante unha revista, Barsowia, que acabou por ser un referente no mundo da banda deseñada e non só en Galicia.

Mais o proxecto chegou o ano pasado ao final. Os membros do grupo decidiron clausuralo, xa que non eran capaces de seguir coa dedicación necesaria. "En realidade morreu de éxito, xa que case todos nos dedicamos profesionalmente ao mundo da ilustración e da banda deseñada. Todos temos unha carreira e cada un vai polo seu camiño. Non era factible seguir, polo que decidimos rematar con Polaqia", explica Bernal Prieto.

Dixeron oficialmente adeus en Viñetas desde o Atlántico e cara a finais de ano celebraron na sala Normal da Coruña unha festa. Ademais, quixeron adornar a despedida con dous álbumes autoeditados: Solo tinta, de Alberto Guitián, e 3x1, de Jano. Os dous libros chegaron ás librerías a comezos de ano e están a ser presentados estes días. Este venres ás 19.00 horas, terá lugar na Librería Banda Deseñada de Vigo unha presentación destas obras.