0 Gardados para despois

“O goberno galego non tivo políticas de lectura, non o considerou unha prioridade”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


O mundo do libro vive unha fase de mudanzas estruturais que estimula os seus axentes á procura de novas estratexias de supervivencia nun tempo especialmente complexo. A situación non é doada, mais tampouco tan dramática como ás veces se presenta. “Non somos os máis damnificados pola crise. Precisamos uns recursos básicos para subsistir porque xa tiñamos estruturas mínimas”, explica o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xurxo Patiño.

A súa reflexión resulta acaída para comezar unha análise con moitos posibles matices. Un dos principais obstáculos é, para o presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Manuel Bragado, que “o goberno galego non tivo políticas de lectura, non considerou a lectura unha prioridade. Non hai quen acuda por nós, neste sentido, malia que nós mantemos abertos todos os procesos de diálogo”.

Os datos do ISBN amosan un aumento da edición en galego do 19,9 por cento entre o 2009 e o 2010, no que o número de títulos se situou en 2.544 -fronte aos 1.852 editados en éuscaro ou os 10.748 en catalán-. O incremento foi progresivo -tamén para o castelán- desde o anos 80. Desde as 259 obras publicadas na nosa lingua no 1985, iniciouse unha fase expansiva que acadou os 1.148 títulos no 1995 e os 1.826 no 2005. A edición privada representou, ademais, fronte á pública, un 90,2 por cento no 2010. “É certo que as tiraxes agora son máis axustadas. As tecnoloxías dixitais permiten facelas máis pequenas e reeditar segundo a evolución da demanda”, indica Bragado. Tamén descendeu, en Galicia, a porcentaxe da edición en galego a respecto doutras linguas: 42,59 por cento no 2010 fronte ao 62,0 por cento do 2002. “Isto ten que ver con cuestións como a edición en castelán para exportar, por exemplo no ámbito infantil”, apuntou o responsable da AGE. 

Se sumamos lectura habitual e ocasional, a porcentaxe de lectores no noso idioma acada o 54,4 nun estudo elaborado para a Consellaría

Estas cifras poden parecer contraditorias, porén, cos hábitos que revelan diversas análises. Segundo un informe elaborado por Conecta para a Consellaría de Cultura, o galego é a lingua habitual de lectura só para o 5,5 por cento dos entrevistados. “Non creo que eses datos sexan moi representativos”, advirte Bragado, xa que “os galegos lemos en galego, en castelán e algúns noutras linguas. Mesmo rapaces que non falan habitualmente en galego si len nesta lingua”, engade. De todos os xeitos, se sumamos lectura habitual e ocasional, a porcentaxe de lectores no noso idioma acada o 54,4 neste estudo.  

En canto a índices de lectura, en Galicia sitúanse no 53 por cento da poboación, dous puntos por debaixo da media do Estado, se atendemos aos datos do 2010. Aínda que o informe da Federación de Gremios de Editores de España para o primeiro semestre do 2011 eleva a media estatal ata o 61,9 por cento. A Enquisa de Hábitos e Prácticas Culturais do Ministerio de Cultura 2010-2011 permite comparar o dato dos galegos lectores: 53 por cento, cos cataláns: 60‘8 por cento ou os vascos: 65,6 por cento. Malia que o número medio de libros lidos nun trimestre di outra cousa: 4,9 en Galicia e 4,3 en Cataluña. 

O libro de texto supuxo o 40,3%, malia diminuír nun 18,64% debido á implantación do chamado Decreto de Plurilingüismo

A respecto dos resultados económicos, o estudo de Comercio Interior do Libro en Galicia 2010 salienta a diminución do emprego no sector nun 20 por cento de 2008. A facturación -30.97 millóns de euros no 2010-, baixou o oito por cento respecto a 2009, -fronte ao sete por cento do conxunto do sector no Estado-. O libro de texto supuxo o 40,3%, malia diminuír nun 18,64% debido á implantación do chamado Decreto de Plurilingüismo. “A facturación tivo un momento histórico no 2008, antes da crise. Pero no último ano volveu baixar máis ou menos un 10 por cento. Unido ao que xa baixara no ano anterior, é moito”, matiza Bragado.

A rebaixa, de máis da metade, das axudas públicas -que supoñían menos de millón e medio de euros nun sector que facturaba máis de trinta-, tamén se notou. “O ano pasado non houbo as axudas de Política Lingüística. Si houbo 750.000 euros para compra de libros ás editoras para dotar as bibliotecas, e 900.000 de axudas”, lembrou Bragado. Mais, alén deste aspecto, o problema é, ao seu ver, que “ non hai políticas públicas de lectura nin en Galicia nin en España. A Lei do Libro cohesionou o sector e xerou consenso, pero quedou en nada. O libro foi declarado sector estratéxico, fíxose o Plan de Lectura, pero o goberno non foi quen de afrontar os retos, aínda que o bipartito tivo máis interese. Non fai fondos, a reunión do Consello Asesor do Libro adiouse ao 2013...”. 

As dificultades esporean os cambios de rumbo e, na opinión de Bragado, hai “un proceso de innovación evidente” no sector

As dificultades esporean os cambios de rumbo e, na opinión de Bragado, hai “un proceso de innovación evidente” no sector. “O catálogo de libro electrónico vaise ampliando. A oferta vaise incrementar coa plataforma que estamos preparando, o e-libro galego. Tamén están as aplicacións para iPad...”, sinalou. O presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, apunta pola súa banda as posibilidades que para os autores abre a edición dixital. “A tecnoloxía dixital democratiza a edición no sentido de que abre camiño para editoras pequenas. A rede tamén está a xogar un papel fundamental. Pero todo isto é, máis ben, facer da necesidade virtude”, comenta. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

853.000 euros menos para o ano 2012

Un aspecto das eivas nas políticas públicas do libro pode atoparse nas bibliotecas. A asociación de bibliotecarios, arquiveiros e documentalistas Anabad-Galicia puxo de manifesto a diminución do orzamento, para o 2012, nun total de 853.660 euros, para mantemento das instalacións, equipamento, actividades e adquisición de fondos. 

En 2011 foi eliminada a partida de cofinanciamento de adquisición de fondos bibliográficos. Esta só se dá a aqueles concellos que o solicitan

“O problema xeral das bibliotecas municipais é que no 2011 foi eliminada a partida de cofinanciamento de adquisición de fondos bibliográficos. Esta só se dá a aqueles concellos que o solicitan. Para este ano están convocadas de novo tanto as axudas de cofinanciamento, 1.500.000 euros, coma as do programa Letras vivas, 250.000, o que non quere dicir que despois non as poidan eliminar como aconteceu no 2011”, sinala o secretario de Anabad, Xoán Manuel Pérez Lijó. O orzamento para o Letras Vivas fora reducido nun 56‘4 por cento no 2011, do mesmo xeito que fora suprimido o programa de formación para os profesionais bibliotecarios, recuperado no 2012 con 15.000 euros. 

A problemática é diferente segundo o tipo de biblioteca. Explícao o presidente en funcións da Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura, Antonio Martínez. “En secundaria, non temos unha redución de horario de docencia que nos permita dedicar ás bibliotecas o tempo debido. A normativa non mudou neste aspecto nos últimos anos, e a Lei de Bibliotecas, que está pendente de aprobación, tampouco ten repercusión nisto. Educación leva xa uns anos reducindo, ademais, as prazas de asesores técnicos. E tamén está pendente a cuestión da avaliación. Iso si, en relación a internet, blogues, redes sociais... somos punteiros en España", apunta. 

"Iso si, en relación a internet, blogues, redes sociais... somos punteiros en España"

A escasa dotación de boa parte das bibliotecas -agás excepcións coma a de Oleiros ou as da rede coruñesa- é unha das dificultades ás que se enfronta o libro galego. Outras proceden do ámbito externo, como a enorme oferta dos grupos transnacionais que controlan as canles de comercialización e favorecen a “frivolización” do libro, -sinala Bragado-, xunto ao tránsito do paradigma analóxico ao dixital. Entre os factores internos sitúanse o decrecemento da poboación galega, as debilidades infraestruturais do sector, os hábitos de lectura ou os retrocesos nas políticas de normalización do galego. 

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil homenaxea o escritor Paco Martín

A visibilización social do libro é unha tarefa fundamental. E a ela contribúen eventos como o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que celebra a súa XIII edición ata o 31 de marzo. Este ano, a temática deste encontro xira arredor das supersticións, presentes na tradición popular oral e na literatura escrita contemporánea. O autor homenaxeado desta volta é Paco Martín, o creador da coñecida Das cousas de Ramón Lamote, obra gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 1986. 

Este ano a temática deste encontro xira ao redor das supersticións, presentes na tradición popular oral e na literatura escrita contemporánea

Títeres, contacontos ou teatro enchen as Tardes na sala, completadas con presentacións de libros como a novela 2044 de Eduardo Santiago (Galaxia), Os Megatoxos e o aprendiz de druída e Os Megatoxos e a cara oculta da Lúa de Anxo Fariña (Xerais) ou O alento nas costas de Natalia Figueroa (Baía Edicións), ou coloquios moderados por Quico Cadaval ou Calros Solla. A programación inclúe tamén exposicións e obradoiros, e actos como a presentación, o vindeiro día 30, da primeira escola de banda deseñada e de ilustración de Galicia, con Kiko da Silva. 

A programación, -dedicada a Mercedes Vázquez, unha das impulsoras do Salón, recentemente falecida-, contén, por outra banda, concertos para bebés, e espectáculos como As manoplas de Carapu-chiña, coa actriz e escritora María Lado e temas compostos pola tamén poeta Lucía Aldao e música do Seminario Permanente de Jazz. E outras propostas coma un aberto de billarda. Ademais de encontros nas prazas cos Bolechas e outros personaxes ou roteiros