Méndez Ferrín dimite como presidente da RAG

Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG © RAG

Xosé Luís Méndez Ferrín presentou a súa dimisión como presidente da Real Academia Galega. Este domingo remitiu unha carta na que informaba da súa renuncia, que se formalizará no próximo plenario da institución, que se convocará en breve. O escritor tamén renunciará á súa condición de membro numerario da RAG. No texto agradece a todos os membros da Executiva ao Secretario e "á maioría dos académicos e académicas polo seu labor ilusionado, a súa lealdade institucional e cooperación eficiente". Porén, explica que algúns "académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia". Méndez Ferrín pecha a súa carta de renuncia cun "Viva e floreza a Academia Galega! Viva Galicia ceibe!".

Nunha carta explica que algúns "académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia"

Este luns o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, denunciou nunha entrevista en La Voz de Galicia un intento de "colonización" da institución por parte do ILG e do Consello da Cultura. E a Mesa pola Normalización Lingüística pediu "explicacións" por supostas "presións" para que a RAG "non presentase o recurso en defensa do galego no ensino". Na entrevista Axeitos denunciaba "a colonización que unha institución, axudada por algunha outra afín, está facendo da Academia. Esa é a causa de certas críticas á actual directiva".

Referíase ao ILG e ao Consello da Cultura Galega e engadía que "segundo di Política Lingüística, queren unha solución pactada e buscan que a Academia tamén se sume a ese pacto e retire o recurso, pero a Academia non está en venda". A respecto destas declaracións o comunicado da Mesa esixía que ILG e Consello desen “explicacións urxentes” e que “se hai xente nesas institucións máis interesada en facerlle a pelota a Núñez Feijóo que en defender o galego, o que deberían facer é dimitir canto antes, porque están a prexudicar tanto a esas institucións como ao conxunto da cultura galega. A corrupción ética tamén é reprobábel”.

 

Tres anos de xestión: revitalización da RAG cunha polémica final

Xosé Luís Méndez Ferrín converteuse en presidente da Real Academia Galega o 23 de xaneiro de 2010. O seu prestixio intelectual e activismo político anticipaban unha xestión máis contestataria e con máis presenza pública. Lois Pereiro, Valentín Paz Andrade e Roberto Vidal Bolaño foron os tres autores escollidos para seren homenaxeados nas Letras Galegas neste tres anos, tamén marcados pola reivindicación dunha meirande presenza das mulleres na institución e polos tirapuxas co Goberno galego a respecto de dúas cuestións: o decreto de plurilingüísmo contra o que a RAG presentou un recurso, estimado parcialmente polo TSXG, e a reclamación dun financiamento xusto para a institución. 

Nos últimos dous anos, a achega económica das administracións reduciuse en máis dun 40%, ao pasar do 1,45 millóns de euros de 2011 aos 861.000 que resultan da suma dos fondos da Xunta e do Estado para 2013, case 600.000 euros menos. Todo, malia o incremento a última hora pactado co Goberno galego. Nos últimos meses a xestión de Xosé Luís Méndez Ferrín foi contestada pola presunta contratación irregular de dous familiares, publicada por algúns medios, e que deu lugar a un intenso debate nalgúns foros e a crítícas dende díversos ámbítos e representantes da cultura galega.

 

Reaccións

O socialista Francisco Caamaño sinala que Méndez Ferrín entendeu "á perfección" o "espírito" da Real Academia, e "sempre foi coherente na defensa da lingua e identidade galegas". Caamaño salientou a "fonda coherencia" de Ferrín na súa actuación de defensa do galego e contra o decreto do plurilingüísmo, que contrapuxo á "incoherencia" da Xunta que tras a sentenza do TSXG “anunciou a súa vontade de recorrer” a decisión do tribunal. Pola súa banda, o popular Agustín Baamonde, expresou o seu "respecto" pola decisión de Méndez Ferrín e desexou que a súa marcha "non inflúa no traballo" da RAG.

Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.