0 Gardados para despois

O teatro alternativo resiste na periferia da periferia

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


O teatro alternativo resiste na periferia da periferia. Tras o peche da sala Nasa en Compostela, Galicia segue a estar, polo momento, nos circuítos estatais da expresión teatral contemporánea. E é grazas, principalmente, a Vigo. Chévere tivo que emigrar desde Compostela a Teo. Moito antes ca eles, xa a Galán botara o fecho en Santiago. O Ensalle é, neste momento, a única iniciativa que se mantén en pé, nese concepto de sala con programación estable de creación alternativa. Aínda que na cidade olívica tampouco se renden outros valentes. Sen ser con exactitude o mesmo tipo de proxecto, continúan o Teatro Arte Livre, ou A Artística.

O Ensalle está a buscar o xeito de reinventarse para capear a treboada. Desde o pasado outubro é posible facerse socio, cunha achega mensual de a partir de 10 euros. “Estamos moi contentos. Xa son máis de 40 socios. O primeiro obxectivo, que era visibilizar o público e telo máis presente, xa está cumprido. O segundo, económico, acadouse nun 50 por cento. Sempre pensei que as iniciativas independentes e alternativas se sostiñan mellor fóra da elite cultural. As salas que funcionan ben están moitas veces en cidades industriais, se cadra máis áxiles. Ao ter menos tradición, quizais acollen mellor as cousas distintas”, apunta Pedro Fresneda, un dos responsables da compañía e do teatro do mesmo nome.

En realidade, Vigo conta cunha longa traxectoria de movemento cultural underground. Alén da “movida” dos 80, só hai que ollar a axenda musical de cada fin de semana para decatarse de que algo pasa

En realidade, Vigo conta cunha longa traxectoria de movemento cultural underground -e non tanto-. Alén da “movida” dos 80, e malia que a súa resurrección non sexa probable -así opina por exemplo Emilio Alonso no libro Vigo a 80 revolucións por minuto-, só hai que ollar a axenda musical de cada fin de semana para decatarse de que algo pasa. “Hai unha tradición de músicas diferentes, coma o jazz, ou de música protesta”, sinala Fresneda. Aínda que a oferta teatral é máis escasa, e pouco abranguería se non existisen o Ensalle e o Arte Livre.

“Antes de comezar a Galán ou Ensalle, os galegos que querían ver teatro e danza contemporánea tiñan que ir a Madrid. O festival En Pé de Pedra era todo un referente a nivel europeo. E deixaron que morrese. A Nasa era unha das mellores salas de teatro alternativo de España. E o mesmo pasou. En Europa o que fai o Estado é valerse dos talentos desenvolvidos desde a sociedade. Cando un proxecto funciona, cédenlle un espazo público para que o xestione ou óptase por subvencionalo fortemente. En España non. Entre as 37 salas alternativas do Estado, facemos 5.000 funcións ao ano, que custan cinco millóns de euros. Se o fixese unha entidade pública, custaría trinta. Somos moito máis sostibles que os macroproxectos baleiros de contido que fan as administracións”, explica.

"Antes de comezar a Galán ou Ensalle, os galegos que querían ver teatro e danza contemporánea tiñan que ir a Madrid"

Non é só unha cuestión de esforzo perdido. É que o teatro alternativo entraña unha proposta ética de contestación do pensamento único. Así o defende Olga Cameselle, unha das responsables de A Artística, que estreou aínda non hai moito a súa última obra, Verde a tempo completo, no Ensalle. “Nós abrimos un espazo para ter un lugar de traballo no que investigar, estar coa xente e espallar o noso material. Non nacemos como sala de exhibición cunha programación. Si abrimos a nosa experiencia á sociedade, con cursos de formación por exemplo. Desde que nos xuntamos A Factoría Teatro e Disque Danza e comezamos con A Producións Artísticas S.L., vivimos un momento de ostracismo. Foi como comezar de novo. E iso que moito falaban na Xunta
de industria cultural”, sinala.

A revisión dos conceptos que ás veces aceptamos acríticamente é unha das liñas de traballo de A Artística. Verde a tempo completo reflexiona sobre a noción de “mercado”. “É como a nova relixión. Hai un descontrol da lingua moi importante, unha utilización do discurso. Véndenos que todo ten que ser rendible, seguir a lóxica do mercado. Pero que é o mercado? O que hai detrás son relacións de poder, imposicións. Confunden público con masa, e e teatro co que as franquicias nos queren vender, que é o que ten visibilidade mediática. Se somos minoritarios, que? Por iso van acabar con nós? Iso é totalitarismo”, asegura Cameselle.

A resposta do público é, precisamente, o que anima a este tipo de proxectos a tirar para adiante

A resposta do público é, precisamente, o que anima a este tipo de proxectos a tirar para adiante. “Mentres haxa público, seguiremos. Manter unha sala é un traballo duro e ingrato, e pode chegar a cansar. Pero eu non me arrepinto de abrila. Non tivemos o problema da Nasa: a nós o concello non nos axuda, pero tampouco quixo acabar con nós. Manter o Ensalle custa 180.000 euros ao ano. Nós ao principio non queriamos pedir axudas, pero é que é imposible prescindir delas: tampouco hai moito hábito de ir ao teatro, hai que crealo pouco a pouco. Pero a nós, en realidade, ninguén nos subvenciona: as axudas públicas subvencionan ao público para que poida pagar pola entrada 9 euros en lugar de 100. Se recibo uns 90 ou 95.000 euros en axudas ao ano, pago entre IRPF, Seguridade Social e IVA uns 100.000. Así que lle devolvo ó Estado máis do que me dá, e ademais creo cinco postos de traballo fixos. A cultura é, ademais, o 2 por cento do PIB galego”, subliña Fresneda.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

“Aquela ilusión non era tal, isto é moi duro"

A sala Ensalle conta xa nove anos de traxectoria. O Teatro Arte Livre, de Roberto Cordovani e Eisenhower Moreno, con seis. “É complicado. Nos últimos tres anos as subvencións baixáronnos un 70 por cento, e ademais Agadic leva un atraso nos pagamentos de oito meses. O Concello colabora algo con nós tamén. Dependemos da recadación da billeteira, e de alugar o espazo para outros artistas e outras actividades. Ademais desdobrámonos: eu atendo aos meus proxectos paralelos, á miña carreira internacional, e Einsenhower queda no teatro. E cando el non está quedo eu. Baixamos o prezo das entradas, facemos ofertas... e estamos pensando en cousas novas, como un festival de teatro que envolvería a xente do norte do Portugal. Pero o certo é que aquela ilusión de ter un teatro non era tal como esperabamos: isto é moi duro. De saber como ía ser, creo que non montaría o teatro”, asegura Cordovani.

O traballo de Moreno e Cordovani non se move nas mesmas claves que o do Ensalle. Aínda que comparte con este a característica de ser un proxecto singular e diferente no panorama galego. Neste momento, Teatro Arte Livre ten en carteleira varias obras. ‘Eva Perón’, é unha delas. “O día 31 estarei en Ponteareas, en agosto no Brasil, e estou a ver se levo a obra a Arxentina. Esta é unha montaxe que nunca deixei de facer. A versión coa que estou agora é moi política. De feito cando a estreei en Arxentina no 1995 tiven algúns problemas. Pero quedou claro que eu non inventara nada, que contaba o que pasara”, lembrou Cordovani, que tamén está repoñendo outra das obras máis significativas da súa carreira: O Retrato de Dorian Gray de Oscar Wilde.

“Había 21 anos que non facía O Retrato, que vou estrear o 20 de abril. A verdade é que está a ser como a primeira vez. Non lembro o texto, só imaxes. No Teatro Arte Livre temos sempre algo en carteleira: ou obras novas ou reposicións. O público busca seguridade, non se arrisca, porque non ten cartos. Por iso é mellor ofrecerlle algo que lle soe", asegura. O seu socio, Eisenhower Moreno, está a representar na actualidade dúas obras: Cincenta, a gata borrallenta e Lorca, a Flor de Venus, crítica sobre a idea de masculinidade imposta tradicionalmente, que presenta a un Lorca visceral, reivindicativo, que fala do que non puido dicir debido á represión franquista.

En carteleira

Teatro Ensalle organiza tres festivais ao ano: Catropezas, Vigo en bruto e Isto Ferve. A VIII edición do terceiro comezou con La puta y el gigante de Marco Canale, unha peza sobre o silenciamento mediático das masacres cometidas por paramilitares durante o goberno de Álvaro Uribe. “A sala estivo chea. Está claro que a xente non é tonta, que lle interesa este tipo de teatro político, que vai ademais moito na nosa liña de traballo”, salientou Fresneda. A cita do Isto Ferve da pasada fin de semana foi Eternos, dunha coreógrafa coa que o teatro vigués ten unha intensa relación: Carmen Werner. A obra é unha coprodución coa compañía xaponesa Transparence Dance, e reflexiona sobre como a morte, o que perdemos pero permanece en nós, nos constrúe. Do 16 ao 18 de marzo será a quenda de Conversación en rojo de Magrinyana, e do 23 ao 25 a galega Anuska Alonso presentará Quando Corpus.

A Artística ten en carteleira, ademais de Verde a tempo completoMala xestión dos sentimentos, peza que indaga na dificultade do ser humano para autoxestionar o que sente. Tamén segue a distribuír Desmemoria-2, reflexión sobre a identidade que segue a evolucionar tras un anos de traxectoria. O 6x6, proposta interdisciplinar de artistas emerxentes das artes do teatro, do movemento ou da plástica..., coa palabra como nexo, é outra das iniciativas desta entidade. “Non sabemos se poderemos manter o ‘6x6‘ nas mesmas condicións, con 18 artistas. O certo é que, como en todo o que facemos, seguimos por necesidade, porque necesitamos facer isto, e por compromiso coa comunidade”, asegura Olga Cameselle.

Aínda que os afeccionados ao teatro alternativo tiveron outra cita estes días: o festival ALT que, segundo a súa directora, Lola Correa, “sobrevive: bonita ironía despois de once anos. Sobrevivir non está mal, pero na cultura máis in, máis out e máis contemporánea, sobrevivir está converténdose nunha fórmula que empeza a cansar aos artistas, aos programadores e aos crentes doutro modo de ver os discursos artísticos. Por que hai que sobrevivir? Por que aínda somos estranos?”, pregúntase.