0 Gardados para despois

Pecha unha web de fans do Xabarín Club por indicación da CRTVG

Redacción | @prazapublica

Xeración Xabarín era unha web feita por e para fans do Xabarín Club. Nela podíanse ver os videoclips do programa, escoitar as cancións das series, repasar os discos que se editaran cos temas que soaban no espazo e acceder a capítulos das series de debuxos emitidas. Tamén contiña un trebello que permitía xerar automaticamente carnés do Xabarín. Era unha forma de lembrar e reivindicar algo máis ca un programa de televisión, era un espazo de encontro para todas aquelas persoas, toda unha xeración -ou máis de unha- que quedaron marcadas polo Xabarín.

Era unha forma de lembrar e reivindicar algo máis ca un programa de televisión

Os responsables da web informan de que a CRTVG se puxo en contacto con eles para que pechasen o sitio e eliminasen os contidos alí recollidos baixo ameaza de emprender accións legais contra eles. E así o veñen de facer. Tamén se despediron na súa conta de twitter

Salientan que "non foi a Televisión de Galicia, senón os fans, quen mantivo aceso o fenómeno Xabarín estes anos"

Explican que o proxecto naceu no ano 2007 vendo que a TVG "maltrataba sistematicamente un dos seus programas máis emblemáticos, e que era practicamente imposíbel encontrar información sobre o Xabarín Club na Internet", decidiron crear un espazo feito por e para fans. Critican que aínda hoxe, despois da renovación da web da CRTVG, "é imposíbel encontrar nela algunhas informacións básicas" sobre o programa. Denuncian que tampouco existe unha conta oficial do Xabarín Club no Twitter, "sendo a feita por nós a que interactuaba cos fans e informaba das novas relacionadas co clube".

E salientan que "non foi a Televisión de Galicia, senón os fans, quen mantivo aceso o fenómeno Xabarín estes anos". Oink, oink!

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.