0 Gardados para despois

Afoutas e insubmisas

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Dúas voces insubmisas. Afoutas, contestatarias, fronte aos poderes que nos oprimen. Irmandadas na oposición á violencia, ao patriarcado. Carmen Blanco e María Xosé Queizán. As dúas, autoras fundamentais no pensamento feminista galego, afondan no seu compromiso nas súas últimas obras. A primeira, nos poemarios ‘Un mundo de mulleres’ (Biblos) e ‘Lobo amor’ (Unión Libre). A segunda, na novela ‘Meu pai vaite matar’, (Xerais).

‘Un mundo de mulleres’ é unha reivindicación do amor. Unha celebración da vida, do pracer. Un canto libertario. Como os microrrelatos da súa anterior obra ‘Atracción total’. Libros “inspirados pola poesía da paz”, segundo a súa creadora os define. Desta volta, Carmen Blanco volve condensar unha linguaxe clara e directa en versos minimalistas, reducidos con frecuencia a unha soa palabra.

“Estes poemas lóstrego queren alumar a apertura múltiple na condensación dun punto dos principios, seguindo o estilo mistérico e sapiencial dos pensamentos poéticos universais, como, por exemplo, o das sibilas. Mais os poemas longos, reiterativos e paralelísticos seguen o estilo da poesía dos rituais supostamente ‘prepatriarcais’ de moitas das relixións máis antigas que se coñecen. E tamén hai pracer fónico, a música que canta, onde nace Lobo amor”, explica a escritora.

‘Lobo amor’ retoma a sinatura da heterónima de Carmen Blanco, Enma Luaces. Poemas de só un par de versos, con ronsel de haiku, e enumeracións de vertixe, dialogan con lobos e lobas libres, liberados. ‘Un mundo de mulleres’ homenaxea, precisamente, a forza de donas autoafirmadas que viviron en distintas épocas ou poboaron a literatura. Das sereas unidas aos “Ulises libres” a Rosalía de Castro, Elisa e Marcela, ou as represaliadas tras o golpe do 1936.
Blanco continúa, así, o seu traballo de visibilización do lugar das mulleres na historia. Como en ‘Alba de mulleres’, nos seus ensaios sobre literatura feminina, ou na súa participación en exposicións como ‘Vivas en nós’ ou ‘Vermellas, chamábanlles rojas’. Presta, sempre, unha atención especial ás anarquistas, protagonistas dos seus libros 'Casas Anarquistas de Mulleres Libertarias’ e ‘Feministas e libertarias’. “A musa memoria da  loita pola liberdade é imprescindible para mellorar o mundo”, asegura.

O erotismo, o corpo “negado polos poderes”, o desexo libre como símbolo da vida, da orixe, está tamén moi presente en ‘Un mundo de mulleres’. Como a diversidade: lingüística, étnica, nacional...; ligada a unha reivindicación da tolerancia, da convivencia en paz, alén das fronteiras. Internacionalismo, cos pés postos en Galicia: o lugar, a muller que, nesta obra, agoira que os seus desexos de ser “absolutamente libre” se cumprirán.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"O amor pode conducirnos á cousificación, ao abandono de nós mesmas"

María Xosé Queizán volve opor, pola súa banda, en ‘Meu pai vaite matar’, a ciencia e a razón fronte á violencia, o irracionalismo. Nunha novela de aventuras, de viaxe, e tamén de tese. Unha obra na que ela mesma fala a través da narradora omnisciente, ou das personaxes. E faino para erguerse  como nos seus ensaios, na súa poesía, no seu teatro e no resto da súa narrativa- contra o patriarcado e, en xeral, o abuso de poder. A inxustiza.
O libro xurdiu dunha viaxe da autora á Patagonia. Aínda que as raíces das reflexións que deita poden atoparse tamén noutras obras súas, como a crítica do cárcere franquista de ‘'Sentinela, alerta!’ ou o discurso antisentimentalista de ‘Ten o seu punto a fresca rosa’. “É que o amor debilita a nosa racionalidade, e pode conducirnos á cousificación, ao abandono de nós mesmas. Aínda que eu creo que isto se vai superando”, opina.

‘Meu pai vaite amar’ amosa moitos tipos de violencia. Malos tratos causados por homes cunha visión errada da súa masculinidade. Pederastia. Abusos sexuais no seo dunha prisión que é tamén espazo de explotación laboral e de aniquilación das persoas. Ou corruptelas dunhas autoridades que atopan complicidades na base social. Queizán advirte de que atribuír a violencia a factores como a loucura é só un xeito de agochar os problemas.  “É que ninguén quere ver a realidade. Por iso a novela realista ten un gran potencial”, cre.
A novela contén, por outra banda, certa análise sociolóxica -a decadencia das familias herdeiras da fidalguía, a transformación das clases sociais co Estado de Benestar ou o contraste entre o mundo rural e urbano- e filosófica: o racionalismo fronte ao romanticismo ou o posmodernismo, a igualdade e a xustiza... Mais o pensamento feminista é o cerne das teses do libro, no que se rexeita a confusión da sexualidade coa dominación. “A supeditación sexual é unha das formas de submisión das mulleres que aínda persisten. A aceptación da incomodidade, do sacrificio, no xeito de vestir por exemplo”, salienta.


"Non pode haber igualdade mentres se manteña o contrato sexual"

 

A homosexualidade está tamén presente en ‘Meu pai vaite amar’, como o estaba en ‘A semellanza’, unha das obras pioneiras no tratamento das sexualidades non heteronormativas na literatura galega. “En ‘A Semellanza’ cuestionaba a ecuación que iguala sexo e xénero, porque creo que o importante é a identidade, e non tanto o corpo”, indica. Mais en ‘Meu pai vaite matar’ aparece unha homosexualidade non problematizada. “O que mudou”, di, “foi o recoñecemento social. Mentres se asuma que a heterosexualidade é o normal, estase expulsando a homosexualidade ao non normal”.

Como feminista admite, porén, que se produciron outros avances. Como unha lexislación -as leis de igualdade, por exemplo- “que non se aplican. Non se está facendo o suficiente para que se cumpran”, asegura. Aínda que tamén se deron retrocesos -pensa-, como, en Galicia, unha Lei de Familia que “nos devolve ao nivel do franquismo”, denuncia. De todos os xeitos -subliña- “non pode haber igualdade mentres se manteña o contrato sexual, o mundo do privado como un espazo alleo ao público”.

Carme Blanco apuntaba no seu ensaio ‘O contradiscurso das mulleres’ que o contraste entre feminismo da igualdade e da diferenza tiña moito de artificial. “Esa polémica igualdade / diferenza, como tantas outras  nacidas dos “dogmas” e dos “sectarismos”, que nos dividen e nos fan perder forza, é superficial. É preciso sumar e tender pontes, desde a autenticidade, para resolver os problemas reais máis urxentes e importan pouco para as prácticas as teorías que non sexan abertas”, insiste ao respecto. Queizán defínese como feminista da igualdade e racionalista. “Pero reclamar iguais dereitos que os homes non significa ser como os homes”, aclara.