Heredeiros da Crus: "Tiñamos claro que se seguiamos tiña que ser cun disco novo"

© Marcos Martínez

A banda atópase estes días en plena gravación do seu novo álbum, que se publicará antes do verán. Falamos con Fran Velo, baixista da formación, sobre un traballo que promete ser "100% Heredeiros. É dicir, roqueiro, divertido, descarado e, por suposto, galego". Había nove anos que os Heredeiros non publicaban un disco de estudo -Chicarrón, 2004-, polo que a expectación polos novos temas da banda de Ribeira é máxima.

Como vai a gravación do disco?

Non sei se é polo traballo previo, pero a gravación está indo moi rápido. As baterías de todos os temas non nos levaron nin dous dias, os baixos metémolos todos nunha mañá, e agora estamos coas guitarras rítmicas. Para a semana que vén xa estará todo ventilado.

"Queremos telo antes do verán. Queremos que a xente nos concertos coñeza ben os novos temas"

Cando estará na rúa?

Queremos telo antes do verán. O proceso despois da gravación aínda é longo e non estará antes de maio en ningún caso, pero queremos telo antes do verán porque estamos pechando varios concertos para eses meses. Queremos que a xente nos concertos coñeza ben os novos temas.

"Todo o que fagamos sempre terá o sabor Heredeiros. Pero seguramente é máis Heredeiros que o último disco"

Dixestes que o disco será "100% Heredeiros. É dicir, roqueiro, divertido, descarado e, por suposto, galego”...

O disco é moi Heredeiros porque tampouco sabemos facelo doutra forma, todo o que fagamos sempre terá o sabor Heredeiros. Pero seguramente é máis Heredeiros que o último disco. É roqueiro, hai letras gamberras, outras nas que nos poñemos máis serios. Vai ser variado como sempre foron os nosos discos

Iso é porque en Chicarrón buscabades novos camiños e en cambio agora estádevos buscando a vós mesmos volver á esencia do grupo?

Tamén ten que ver coa nosa propia evolución persoal. Porque a última vez que gravamos un disco eramos treintañeros e agora xa empezamos a ser corentóns. Pero creo que no fondo non cambiamos tanto. Imos na procura do neno que todos levamos dentro.

É máis fácil a gravación agora que tedes máis experiencia ou pesan outras cousas?

Non sabería dicir se é máis fácil ou máis difícil. Temos máis tranquilidade á hora de facer as cousas, iso si. Pero creo que temos máis presión. Sempre sofres á hora de gravar un disco, pero neste especialmente porque é un reto e levamos tempo retirados do mercado. O mesmo que cando volvemos tocar o pasado ano tiñamos medo de como estariamos nós e de como nos recibiría a xente. Agora sabemos que a xente ten moitas ganas dun disco novo e iso é moi bo, pero tamén é unha presión.

"Agora sabemos que a xente ten moitas ganas dun disco novo e iso é moi bo, pero tamén é unha presión"

Cando naceu a idea de facer o disco? O ano pasado antes do primeiro concerto nin sequera sabiades se iades facer a xira...

O ano pasado cando nos xuntamos para tocar aínda non sabiamos que iamos facer despois. O que decidimos despois do primeiro concerto é que iamos facer outras actuacións ao longo dese ano e que cando rematáramos xa veriamos entres todos o que faciamos despois. Decidimos non tocar ese tema até rematar a xira. O que si tiñamos claro era que se seguiamos tiña que ser cun disco novo, non queriamos facer outra xira vivindo de rendas. E ao rematar o concerto de Music Way deixamos un tempo de repouso, xuntámonos en Ribeira e decidimos seguir. E dixemos: pois entón xa sabemos o que toca: gravar un novo disco.

Como naceron as cancións? Foi na xira ou despois?

Había algún tema que algún tiña na recámara destes anos, pero a gran maioría saíron nos ensaios a partir dalgún riff. Despois todo foi cuestión de preparalos e de darlles o noso toque. De feito, o dia que quedamos co produtor aínda saíu un último tema. Como dicía o outro: que a inspiración te pille traballando.

Houbo algunha boa anécdota nos concertos do ano pasado?

Anécdotas sempre hai moitas. Pero sabes o que pasa? Cando me preguntan por algunha anécdota nunca me ven ningunha á cabeza. Con Heredeiros todo é unha anécdota.

"Hai moitos chavales que van recollendo a semente e levándoa moito máis alá"

Sodes unha grande influencia para moitos grupos, moitos deles que nin sequera existian cando vos separastes...

...E mesmo algúns dos seus compoñentes nin existían tampouco (risas)...

...Seguramente. Que bandas galegas vos gustan ou pensades que teñen algo de vós?

Gústanme moito os Terbutalina e tamén os Novedades Carminha. E as rapazas de Agoraphobia que levamos de teloneiras nese concerto de Ordes. Ou un grupo de Vigo que se chama Sete Cuncas e que xa no nome teñen iso que diciamos nós de Sete cuncas de viño unha vella de golpe bebeu. E Brutal Band Bocinazo de Negreira. Hai moitos chavales que van recollendo a semente e levándoa moito máis alá. Eu alucino como tocan algúns grupos. Se parten desta base que teñen agora non quero pensar como tocarán dentro de dez anos.

Hai canteira, logo

Hai canteira, hai.

© Marcos Martínez
© Marcos Martínez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.