"É fundamental acabar cunha certa idea machista do rock&roll"

Telephones Rouges CC-BY-NC-SA Adrián Moreno Peña

2012 pode ser o ano de Telephones Rouges. Despois de anos de maquetas, eps, concursos, concertos e participación en discos colectivos, en outono publicarán o seu primeiro LP. Dende O Grove e facendo ruído.

 

Despois de eps, proyectos demos, discos colectivos, concertos... 2012 é o salto cara adiante de Telephones Rouges?

Si, 2012 vai supoñer para nós un punto de inflexión moi grande, como tamén foi un punto de inflexión a saída do Radiocontrol EP. Nos momentos críticos e de maior incerteza é onde mellor nos movemos. Levamos catro anos tocando, ás veces moito, ás veces pouco, gravando cousas, todas as que as nosas respectivas ocupacións nos permitiron ao longo deste tempo, e penso que chegamos a un punto no que o noso futuro se resume en cuspir un LP ou desaparecer. 

Como se inicia a relación con Piñata?

Álex, guitarrista de Piñata, ten un blog colectivo que se chama pornoparaprincipiantes.wordpress.com, e cando saíu Radiocontrol fíxonos unha reseña moi entusiasta do disco. Despois viñeron un par de emails ofrecéndose co seu grupo, de recente creación daquela, a tocar connosco, xa que as afinidades eran moitas. Cando finalmente saíu o disco físico da man de Mama Vynila Records, propuxéronos presentalo en Barcelona (sede do selo) e preguntounos se coñecíamos a alguén por alí para tocar connosco. Ocorréusenos falar con Piñata dos que xa escoitaramos algunha maqueta no Myspace.  No selo moláronlles tanto que despois daquel concerto tamén os ficharon. Agora mesmo somos moi bos amigos, de feito Matías produciu as dúas cancións de Piñata no Split que compartimos con eles.

Tras Du bist dranGute Krankenheit ides dar por fin o salto a cantar en alemán?

Álex e Matías teñen raíces alemás e os dous falan o idioma polo que evidentemente non pechamos nin pecharemos a porta a esa lingua. Irá en función das necesidades expresivas de cada tema. De calquera forma a nosa lingua é o galego aínda que fagamos incursións noutras de vez en cando. Aínda así, coa saída do Radiocontrol EP tivemos algunhas boas críticas por alá, e sinceramente para nós sería brutal poder tocar en Alemaña. Compartimos moitas influencias que veñen de alí, dende o krautrock a electrónica experimental pasando pola música industrial e outras. Alemaña mola. Merkel non. 

"Compartimos moitas influencias que veñen de alí, dende o krautrock a electrónica experimental pasando pola música industrial e outras. Alemaña mola. Merkel non"

Cales son as vosas influencias? Con que grupos galegos vos sentides identificados?

As nosas influencias son todos os ruídos, voces, etc., que nos entran polas orellas. Como dicía Jim Jarmush, ata a máis mínima historia pode chegar a inspirarte e incluso servir de base para algo máis complexo. Musicalmente, en Galiza hai unha variedade e calidade inmensa hoxe en día. Actualmente, e por certa similitude nas influenzas comúns, quedamos con Lendrone, Fantasmage, Tora3, Oclër Delalun, Unicornibot e Músculo! Evidentemente hai máis e tamén moi bos grupos. É só botarlle unha visual aos compilatorios do Galician Bizarre para velo claro. Outros coma TAB, Emilio José, Mullet ou Diadermin tamén nos molan moito. Destacar por último as Wild Balbina que son un grupo de garage liderado por dúas rapazas moi novas. Nisto da música soterrada o que se necesita son mulleres que abran o abano estético e conceptual e aporten a súa visión das cousas. Acabar cunha certa idea machista do rock&roll é fundamental. 

Cal é o retrato-robot dun seguidor de Telephones Rouges? Que tipo de xente vai aos vosos concertos?

Cremos que iso non existe, nos nosos concertos sempre houbo unha mestura de persoas moi interesante. Ás veces nin persoas houbo. A nosa música é moi difícil de encaixar nun xénero. Hai punk, hai kraut-rock pero tamén hai noise pop e outros. A única definición que poderiamos facer do noso público é a de xente coas orellas moi abertas que non se deixa influenciar polo crítico de turno que parece ter a verdade (case) absoluta en relación ao que sucede musicalmente en Galiza, ou no Estado. 

"Facemos ruído porque estamos moi fartos de toda a merda que nos rodea tanto a nivel político, social como económico"

Por que ás bandas galegas vos gusta tanto o ruido, o punk, a distorsión, berrar e non vos dá polo tontipop?

Porque vimos escapando de todo iso e porque tamén estamos moi fartos de toda a merda que nos rodea tanto a nivel político, social como económico. Fuximos da canción protesta ou do panfleto político pero a base é esa, dende unha óptica moi persoal. No fondo crecemos no rock&roll e de repente démonos conta que había máis xente en Galiza coas mesmas inquedanzas.
  
Como definiríades o bizarrismo?

Non ten definición exacta. O Galician Bizarre é o Galician Bizarre. Coma dicían no manifesto de ZAJ, é como unha taberna na que entras, tomas algo, vaste e se queres deixas unha propina.

"O Galician Bizarre é como unha taberna na que entras, tomas algo, vaste e se queres deixas unha propina"

Apostades por converter O Grove definitivamente nunha illa?

Ogrobe está morto e é mellor escapar del antes de que te succione. Os bos tempos xa pasaron. Aínda así, por idiosincrasia, Ogrobe xa é unha illa. 

Pero que pasa para que saian tantas bandas de alí?

Hai xente moi aburrida e moita creatividade. Logo a realidade dáche as costas pero por ganas que non sexa. Cando viñeron os da TVG facer unha reportaxe para Banda Curta sobre a escena local tivémolo claro: Non eramos máis de trinta ou corenta persoas metidas no allo máis outra tantas, acólitas do asunto. Ao final non é para tanto. De todas formas, si é un caso estraño para a cantidade de xente que vive en Ogrobe todo o ano.

Que planes tedes para este 2012? Para cando o disco? Que concertos tedes pechados?

O plan é sacar o noso primeiro disco para principios de outubro. Ese é obxetivo que leva vivindo nas nosas cabezas durante bastante tempo. Temos case a metade do disco composto e falta outra metade, moitas ideas ás que lle temos que dar forma ao longo destes meses. Á marxe disto, durante este tempo seguiremos presentando o Max Split. Polo de agora está confirmado o sábado 24 de marzo en Melide cos Novedades Carminha e Terburtalina e o 5 de abril no festival Rolling Over en Ogrobe con Disco Las Palmeras!, que organiza un novo (e prometedor) bar musical, o Twist&Shout. Non volo perdades!

Telephones Rouges CC-BY-NC-SA Adrián Moreno Peña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.