Dragal, o 'Harry Potter' galego, salta ao cinema, o cómic e os videoxogos

Manuel Bragado, Elena Gallego e Julio Casal, este mércores no Hostal dos Reis Católicos CC-BY-SA Praza Pública

É habitual que se compare a triloxía de Dragal coa serie de libros de Harry Potter. Tanto polo éxito das novelas -entre o público xuvenil e o que non o é tanto, coma pola temática fantástica ou pola capacidade de un e outro de crear un universo completo ao redor das súas historias. Agora van ter outra semellanza: Dragal salta ao cinema, ao cómic e aos videoxogos, convértese nun proxecto multimedia de distribución internacional a través de Ficción Producciones. A fínais deste ano as novelas gráficas chegarán ás librarías, en 2014 poderemos ver o filme e en 2015 Dragal será un videoxogo.

A fínais deste ano as novelas gráficas chegarán ás librarías, en 2014 poderemos ver o filme e en 2015 Dragal será un videoxogo

Elena Gallego decidiu escribir o primeiro libro para animar a ler ao seu fillo, un adolescente ao que lle encantan os dragóns. Dragal foi medrando aos poucos. Hai xa algúns anos foi finalista dun premio literario. Non gañou pero Manuel Bragado, director de Xerais, amosouse interesado por publicar a novela e moito máis cando soubo que formaba parte dunha triloxía. Dragal I: A herdanza do dragón foi un éxito de vendas e obtivo o Premio Frei Martin Sarmiento. Dragal II: A metamorfose do dragónDragal III: A fraternidade do dragón confirmaron que estabamos ante un fenómeno de masas.

O proxecto de Ficción Producciones ten un orzamento inicial estimado de catro ou cinco millóns de euros e permitirá espallar este fenómeno por todo o mundo. As novelas tamén veñen de publicarse en breve en castelán. Cando a Elena Gallego lle preguntan por estas similitudes coas novelas de Harry Potter, ela responde que Rowling "tivo que inventar Hogwarts, para Dragal só necesitei Galicia". Eses referentes presentes na realidade -por exemplo na gótica sala do Hostal dos Reis Católicos que acolleu a presentación- foros salientados por Manuel Bragado, que gabou a habilidade da autora para "contextualizar este proceso na tradicion galega, de tarasacas e cocas e do romanico". E tamén por Julio Casal, máximo responsable de Ficción Producciones, que destacou que estamos ante "historias de Galicia con capacidade de ser universais". 

Cando a Elena Gallego lle preguntan por estas similitudes coas novelas de Harry Potter, ela responde que Rowling "tivo que inventar Hogwarts, para Dragal só necesitei Galicia"

Esa dobre dimensión, local e universal, fantástica pero cunha base real, permitirá que no proxecto se inclúan elementos coma rotas guiadas por Galicia polos "escenarios do dragón", un proxecto multimedia de xeoposicionamento no que o patrimonio cultural galego terá unha importancia clave, comezando polo propio Códice Calixtino, ou que no videoxogo -un shooter 3D- se inclúan escenarios reais do Camiño de Santiago. E tamén merchandising ou a creación dunha comunidade virtual. Un ambicioso proxecto que aínda non conta con apoio da administración galega pero que estivo respaldado na súa presentación pola presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.

Ese apoio da Xunta e da CRTVG será fundamental para que o proxecto manteña a súa matriz galega, de xeito que se asegure que o filme se rode en galego e con profesionais galegos. Elena Gallego fixo unha defensa destes profesionais, coma os que xa están traballando no proxecto en Ficción Producciones, ou o propio creador da parte visual de Dragal, un ilustrador -o seu irmán ademais- que por falta de traballo en Galicia tivo que marchar a Taiwan.

"O camiño do dragón comeza hoxe", dixo Elena Gallego ao remate da presentación

Dragal conta a historia de Hadrián, un adolescente que vén de mudarse a Galicia despois dunha traxedia familiar. A través dun estrano medallón que pertenceu a seu pai, descobre a existencia do Dragal, un animal mitolóxico que viviu na zona séculos atrás. Coa axuda dunha compañeira de clase, Mónica, investiga a historia da igrexa de San Pedro, un templo que agocha a verdade sobre o dragón, o Camiño de Santiago e o Códice Calixtino. Os libros relatan tanto o paso da infancia á madurez cun pouso histórico real. "O camiño do dragón comeza hoxe", dixo Elena Gallego ao remate da presentación.

Capa do terceiro libro da serie © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.