"Sabía que para que Dragal tivese potencia argumental tiña que ter detrás a historia de Galicia"

Elena Gallego © Xerais

Elena Gallego é xornalista. Do seu maxín naceu hai anos unha historia de adolescentes e dragóns con referencias moi pegadas á historia e á tradición galega. Unha historia, unha novela, unha triloxía e agora un gran proxecto multimedia que nos vindeiros anos se converterá nunha película, nun videoxogo e en varias novelas gráficas. "Teño vertixe", recoñece a autora. 

Decidiu escribir o primeiro libro para animar a ler ao seu fillo, un adolescente ao que lle encantan os dragóns. Dragal foi medrando aos poucos. Hai xa algúns anos foi finalista dun premio literario. Non gañou pero Manuel Bragado, director de Xerais, amosouse interesado por publicar a novela e moito máis cando soubo que formaba parte dunha triloxía. Dragal I: A herdanza do dragón foi un éxito de vendas e obtivo o Premio Frei Martin Sarmiento. Dragal II: A metamorfose do dragón e Dragal III: A fraternidade do dragón confirmaron que estabamos ante un fenómeno de masas que tamén se publicará en castelán nos vindeiros meses e, probablemente, en inglés e alemán.

"Un dia dixen, medio de broma medio en serio, que Dragal podían ser tres triloxías e realmente a historia que eu teño na cabeza dá para máis"

Que sentes ante este proxecto tan ambicioso?

Teño vertixe. Estas cousas parece que só pasan nas películas. Calquera escritor soñaría con levar o que escribe á pantalla, pero isto na maior parte dos casos é inviable, e moito máis no caso dun proxecto coma este tan grande e multimedia.

Que papel vas ter ti en todo este proceso?

A miña idea é acompañar todo o proceso, porque Dragal é unha triloxía pero vai continuar. De feito un dia dixen, medio de broma medio en serio, que Dragal podían ser tres triloxías e realmente a historia que eu teño na cabeza dá para máis. O ter rematado a primeira permíteme comezar a traballar na segunda. O proceso de preprodución xa está en marcha e estamos compartindo algunhas ideas sobre o deseño dos personaxes, pero a medida que o proxecto vaia crecendo veremos como nos coordinamos.

"Falando co meu fillo no coche, só me falaba das novelas de dragóns e de maxia. Eu estaba empeñada en que lese libros en galego e en que coñecese a historia de Galicia, así que decidín escribir unha novela de dragóns en galego"

Como nace o Dragal? Como nace a idea e como fuches desenvolvendo os distintos elementos que están presentes nos libros?

Eu son xornalista, vivo en Marín e traballo en Cangas e ao meu fillo de 16 anos matriculeino en Moaña porque levalo a clase no coche era unha maneira de velo, porque cos meus horarios sempre chego pola noite a casa. Falando con el no coche, só me falaba das novelas de dragóns e de maxia. Eu estaba empeñada en que lese libros en galego e en que coñecese a historia de Galicia, así que decidín escribir unha novela de dragóns en galego. E para que se sentise mais atraido a lela fíxeno a el protagonista da novela: un rapaz de 16 con moi poucas ganas de estudar e de facerlle caso á vida real. E sempre tiven a idea de que se quería que Dragal tivese potencia argumental tiña que ter detrás a historia de Galicia. Temos a historia da traslatio, que é unha das historias de ficción máis importantes do mundo, e sobre ela aséntase todo o Camiño de Santiago, e no Códice aparece un dragón. Por que non xogar con iso? Está documentado que o alquimista Nicolas Flamel, que aparece en Harry Potter, estivo en Compostela. Eu utilicei varios elementos que o meu fillo recoñecía doutros libros. A forma de construír Dragal era crear unha ficción nova a partir de elementos que están documentados.

"Sempre tiven a idea de que se quería que Dragal tivese potencia argumental tiña que ter detrás a historia de Galicia"

Ademais a tradición da literatura fantástica en galego é moi rica, de Cunqueiro a Ferrín...

Si, e moitas veces os nosos rapaces non o coñecen. Iso é do que máis orgullosa estou con Dragal, de que moitos nenos se me acheguen e vexo brillar o dragón nos seus ollos. Tamén tiven na cabeza as aventuras dos Cinco: que os protagonistas vivisen aventuras dentro da vida real, que tivesen exames que tivesen conflitos da vida real. Quería fuxir da fantasía de armario.

"Tamén tiven na cabeza as aventuras dos Cinco: que os protagonistas vivisen aventuras dentro da vida real, que tivesen exames que tivesen conflitos da vida real. Quería fuxir da fantasía de armario"

Como vai ser o proceso do Dragal en castelán e noutras linguas?

Estou rematando a tradución ao castelán do terceiro libro. Nestes momentos hai dúas editoriais moi importantes que teñen as dúas primeiras novelas e están valorando a súa publicación para España e Hispanoamérica. É un proxecto moi potente, porque estas dúas editoriais teñen unha gran produción para o mundo educativo e tamén para o multimedia, co que se pode encaixar moi ben co proxecto de Ficción Producciones. Estamos negociando tamén a súa publicación no mercado anglosaxón e Alemaña. E todo isto sen axente literario, que conste! Que eu tentei que algún axente me botase unha man despois de publicar a primeira novela e non o conseguín. Ao final serviume de moito a miña formación como xornalista á hora de relacionarme cos medios e promocionar o libro.

"O meu reto persoal é que Dragal 4 poida estar escrito antes de que poidamos ver a primeira película. E para a película non podo poñer prazos"

Para cando Dragal 4?

Nestes momentos non podo escribir. Eu para comezar cun libro necesito concentrarme nese traballo  todos os dias 2-3 horas. E agora con todo o que estou facendo, dende as traducións até o proxecto multimedia, non podo facelo. O meu reto persoal é que Dragal 4 poida estar escrito antes de que poidamos ver a primeira película. E para a película non podo poñer prazos. Prefiro que tarde máis e que sexa unha gran película. E dende Galicia pódese facer unha gran película.

Veñen anos de moito traballo, logo...

Si, vou ter que traballar moito. Porque este é o meu soño e os soños hai que traballalos. Isto pode voar altísimo pero tamén podemos levar un castañazo. Pero estou ilusionada porque vexo moita ilusión polo proxecto nas persoas que o están traballando. O dragón xa non é unha cousa miña, agora é de todos. Eu o que agora quero é que o dragón voe para o audiovisual galego.

Elena Gallego © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.