0 Gardados para despois

Por que Rosalía dixo que non volvería escribir en galego?

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


“Ni por tres, ni por seis, ni por nueve mil reales volveré a escribir nada en nuestro dialecto, ni acaso tampoco a ocuparme de nada que a nuestro país concierna”. Rosalía de Castro estaba moi enfadada cando lle escribiu estas palabras ao seu home, Manuel Murguía, nunha carta asinada en Lestrove en xullo de 1881.

E non se sentía só doída, senón tamén fondamente decepcionada, polo que se desprende dos seus argumentos nese mesmo texto: “Se atreven a decir que es fuerza que me rehabilite ante Galicia. ¿Rehabilitarme de qué? ¿De haber hecho todo lo que en mí cupo por su engrandecimiento? El país si que es el que tiene que rehabilitarse para con los escritores, a quienes, aún cuando no sea más que por la buena fe y entusiasmo con que por él han trabajado, les deben una estimación y respeto que no saben darles”.

Malia o malestar así amosado non cumpriu, de todo, a súa advertencia. Publicou Dende as fartas orelas do Mondego no portugués Almanach das senhoras no 1885. Non houbo porén, é certo, máis libros en galego. Volveu ao castelán en En las orillas del Sar. Pero da lectura de poemas desta obra como ¡Volved!, Los robles, ¡Jamás lo olvidaré...! ou De asombro llena non se deduce que abandonase as súas inquietudes cara á súa terra.

Máis ben o contrario: remata ¡Jamás lo olvidaré! con estes versos: “mas ¡oh, Señor¡ a consentir no vuelvas/ que de la helada indiferencia el soplo/ apague la protesta en nuestros labios,/ que es el silencio hermano de la muerte,/ y yo no quiero que mi patria muera,/ sino que como Lázaro, ¡Dios bueno!,/ resucite a la vida que ha perdido;/ y con voz alta que a la gloria llegue,/ le diga al mundo que Galicia existe,/ tan llena de valor cual tú la has hecho,/ tan grande y tan feliz cuanto es hermosa.”

A tan citada misiva de Rosalía nacera en resposta ao escándalo que nalgúns xornais do país provocara o seu artigo Costumbres gallegas, publicado en Los Lunes de El Imparcial de Madrid. Nel referíase a un antigo costume dalgunhas zonas de costa galegas nas que as familias, como mostra de hospitalidade e “extrema xenerosidade”, realizarían o “sacrificio” de permitir que o mariñeiro forasteiro pasase unha noite cunha muller da casa.

O prematuro falecemento de Rosalía, poucos anos despois, contribuíu a darlles ás súas palabras de ira unha “transcendencia enorme” que, doutro xeito, non terían

Alén do debate posible sobre a explicación e a mesma existencia de tal hábito do que a creadora de Follas Novas tivo noticia, a cuestión é que foi duramente criticada por aquel texto. E a súa reacción, recollida nesa carta privada que lle dirixe ao seu marido, deu lugar ás máis diversas interpretacións. Se cadra, segundo apunta a escritora Marina Mayoral no seu limiar á edición de Castalia de En las orillas del Sar, o prematuro falecemento de Rosalía, poucos anos despois, contribuíu a darlles ás súas palabras de ira unha “transcendia enorme” que, doutro xeito, non terían.

 

Escribir en lingua galega no tempo de Cantares

“Se cadra a pregunta non é por que Rosalía comeza e escribir en galego e despois anuncia que renuncia a esta lingua”, explica a profesora da Universidade de Barcelona María Xesús Lama. “Porque o realmente abraiante”, -subliña-, “é que decidise escribir en galego"

Na carta, Rosalía remataba pedíndolle a Murguía que lle comunicase ao editor a súa resolución de non volver escribir en galego, “de una vez que a él no le conviene aceptar las condiciones que le he propuesto”. Non estaba pechándose, así, totalmente en banda. Non coñecemos tampouco o contido destas clásulas. En calquera caso, tal como sinala nun artigo na revista Grial a biógrafa de Rosalía Victoria Álvarez de Ojeda, a determinación da escritora seguía a ser mesma en 1882, e así llo fai saber Murguía a Francisco Portela Pérez cando este solicita permiso para incluír algúns versos de Rosalía nunha antoloxía.

“Se cadra a pregunta non é por que Rosalía comeza e escribir en galego e despois anuncia que renuncia a esta lingua”, explica a profesora da Universidade de Barcelona María Xesús Lama. “Porque o realmente abraiante”, -subliña-, “é que decidise escribir en galego, sen unha tradición literaria que lle servise de referente, sen alfabetización en galego, sabendo que os que falaban galego non o lían e que os poucos que lían lían en castelán. Na época de Rosalía, as elites provincialistas comezaban a reivindicar o galego, e facíano en castelán e en galego. A unión entre reivindicación da nación galega e uso do galego como lingua literaria é posterior. O monolingüismo en galego era, daquela, un ideal inimaxinable”.

O historiador Xusto Beramendi comenta, respecto disto, no seu ensaio De Provincia a nación, que na prensa galega “o normal é que, polo menos ata 1885-1890, a presenza do galego se limite á publicación moi esporádica dalgunha poesía e só moi raramente a textos en prosa, case sempre tamén literarios. Os contidos propiamente políticos, históricos ou en xeral ensaísticos adoitan transmitirse en castelán, mesmo polos propios galeguistas. Esta norma non atopa excepcións significativas, e aínda así moi escasas, ata a fase rexionalista”.

"Parte das elites galeguistas eran castelán-falantes, outras foran educadas en galego e eran galego-falantes. En calquera caso, o destas elites era un bilingüismo diglósico”, explica o profesor Henrique Monteagudo.

Porque a lingua de cultura seguía a ser o castelán. A literatura galega acababa de saír, practicamente, dos Séculos Escuros, e aínda non se recuperara o cancioneiro medieval. “Nos movementos de recuperación das linguas marxinalizadas, é o habitual que as elites comecen a súa actividade na lingua dominante, que é a lingua na que foron educadas. Son elites bilingües, que despois transfiren as competencias adquiridas na lingua A á lingua B, é dicir, van pasando os usos formais desde a lingua dominante á marxinalizada. Así ocorre no caso galego. Parte das elites galeguistas eran castelán-falantes, outras foran educadas en galego e eran galego-falantes. En calquera caso, o destas elites era un bilingüismo diglósico”, explica o profesor Henrique Monteagudo. 

Tampouco é nada estraño que o primeiro cultivo literario do galego correspondese á poesía. A investigadora Celia Armas precisa arredor disto que “as primeiras manifestacións dunha literatura son sempre líricas. Ademais, no contexto do campo cultural do XIX non hai outra lingua vehicular para os usos públicos que o castelán, e isto hai que entendelo como resultado dun proceso de colonización que procede de moi atrás, a chamada ‘doma e castración’. Nestas circunstancias, e axudadas polo ronsel do romantismo europeo, xermolan as primeiras reivindicacións protonacionalistas, no seo das que hai que situar Cantares Gallegos. Rosalía escolle a lingua do pobo propositadamente e sabe que o que fai é algo novo”.

E máis aínda. “Non hai que esquecer que Rosalía é a primeira muller escritora no Estado español que non utiliza seudónimo”, sinala o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. “E non o tivo nada fácil. Vive separada do seu marido, non ten diñeiro: Emilia Pardo Bazán tiña o patrimonio ao seu nome, Pondal era fidalgo... Nun determinado momento, despois de Follas Novas, volve escribir en castelán, en En las orillas del Sar. Pero mantén o mesmo paradigma de contidos que iniciara en Cantares Gallegos. En las orillas del Sar é tan galeguista como Follas Novas. As súas ideas patrióticas son as mesmas”, sostén.

A decisión de Rosalía de escribir en galego debe ser, por outra banda, “considerada como revolucionaria"

A decisión de Rosalía de escribir en galego debe ser, por outra banda, “considerada como revolucionaria; en efecto, as poesías galegas publicadas no século XIX non son moi numerosas, e a publicación dun volume enteiro de poemas en galego era unha novidade notable”, indica o profesor da Universidade de Montpellier Claude Poullain nun artigo recollido nas actas do Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía e o seu tempo, celebrado a mediados dos 80.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Hipóteses de resposta a un tema complexo

Como se pode explicar, entón, que a mesma escritora que fixera bandeira da lingua galega se amose nunha carta disposta a abandonala? Ninguén ten a resposta definitiva a esta pregunta. Mais unha das hipóteses máis difundidas é a expresada polo escritor e académico Xesús Alonso Montero no seu ensaio Rosalía de Castro, que publicou hai xa 40 anos. “Atrévome a dicir que Rosalía non vislumbrou a Galicia que, en certo modo necesariamente, se desprendía da súa propia obra”, escribe neste libro.

Pois, ao seu ver, a creadora de Follas Novas, que chegaría ao galego porque con esta lingua “se realizaba mellor como escritora, como escritora, enténdase ben, que serve certos xéneros literarios e certos temas, (folklore e denuncia sobre todo”, non posuiría máis que unha “pobre conciencia da realidade e das posibilidades dunha cultura en galego”. Desde a perspectiva actual, Alonso Montero insiste en que “non foi Rosalía a única persoa que non estivo á altura do proceso que ela mesma iniciou. Pero dicir isto non é unha deshonra. Todos os seres humanos estamos cheos de contradicións. Ademais, hai que lembrar o contexto: o propio Murguía escribiu ata o seu discurso para a sesión inaugural da Academia Galega en castelán. Como lle imos pedir máis a Rosalía? Xa fixo moito”.

Á tese de Alonso Montero responde o tamén filólogo e experto en Rosalía Francisco Rodríguez no seu ensaio ‘Estranxeira na súa patria’. O problema fundamental sería, segundo a súa análise, non a falta de conciencia de Rosalía senón outro ben distinto: o sentimento de “derrota” e “angustia” que, á altura de 1880, a autora debía ter non só pola sorte da súa terra, senón polo “fracaso da súa escrita como promotora e premonición dun movemento político de defensa de Galiza”. Hai que lembrar que o único libro que tivo dúas edicións en vida de Rosalía foi Cantares gallegos. Follas Novas atopou dificultades para se publicar, atrasándose a súa aparición desde 1872 a 1880. E non conseguiu, nin de lonxe, a repercusión que por exemplo acadou Aires d’a miña terra de Curros Enríquez.

“Rosalía era unha muller sen patrimonio que aspiraba a ser profesional da escrita e vivir dela, por iso destina obras en castelán ao mercado editorial español. Pero tanto insistir en que era bilingüe non ten sentido: todos os escritores eran bilingües entón, no sentido de que usaban as dúas linguas. Pero Rosalía é a única que ten un proxecto para cultivar todos os xéneros literarios en galego. E o que ocorre é que acaba pobre, illada e marxinada: o seu proxecto parecía non ter seguidores. Eu creo que o que realmente molestou de Costumbres gallegas non foi tanto a súa suposta inmoralidade, senón o feito de que -e isto é algo do que non se fala-, Rosalía dixera nel que aprendera a amar a súa patria fóra, en contraste con España. Iso foi o que non lle perdoaron”, asegura Rodríguez.

Tampouco ten sentido dicir que Rosalía foi atacada desde organizacións políticas nacionalistas, que naquela altura non existían aínda. Non se conservan os números dos xornais que recolleron as críticas que tanto feriron á escritora. Mais Victoria Álvarez de Ojeda cita no seu artigo de Grial un exemplo: a acusación de que a autora tentaba o “extravío da opinión pública”, formulada nun solto de La Concordia (Vigo), exhumado por Juan Naya Pérez en Inéditos de Rosalía. Rodríguez comenta que se trataba dos voceiros da “burguesía españolizada que ata defendían a emigración, como La Concordia ou El Anunciador de A Coruña”.

A tamén filóloga e estudosa de Rosalía de Castro Pilar García Negro conflúe con Rodríguez ao sinalar que “Rosalía mantivo sempre unha independencia de criterio absoluta e ese foi o seu verdadeiro pecado. Claro que está enfadada polo que din dela polo seu artigo Costumbres Gallegas, despois de todo o que ela fixera por Galiza. Pero é que non é só que dixera que se sentía estranxeira en Castela ou en Extremadura. O que ocorre é que a carga crítica da súa obra era total. Rosalía posicionárase sempre do lado das clases traballadoras, dándolles un especial protagonismo ás mulleres. Ademais puxera a feder a editores e directores de xornais vendidos ao poder, criticara os burgueses, a alta xerarquía civil e militar, os cortesáns e cortesás improdutivos... Con todos eses antecedentes non ía, desde logo, recibir os parabéns do poder”.

A cuestión da chamada “dimisión”

As profesoras María do Cebreiro e Helena González veñen de editar un libro, Canon y subversión. La obra narrativa de Rosalía de Castro, que abre outras perspectivas de interpretación do que Alonso Montero chamou a “dimisión”, -que non “deserción”-, da autora de Cantares Gallegos. Rosalía xa explicara, en realidade, no limiar de Follas Novas, que desexaba tratar de novo os problemas da súa terra na súa lingua, e así tamén pagar a boa acollida de Cantares Gallegos mais que, saldada esta débeda, era difícil que volvese escribir versos en galego.

“As críticas viñéronlle de medios e xornalistas galegos e conservadores. Ela debía estar desgustada, pero o que non ten sentido é falar da súa dimisión, pois é un anacronismo. Durante todo o século XIX e grande parte do XX, a literatura galega tende a ser bilingüe. Por iso é perigoso aplicar ao XIX os criterios de delimitación da literatura nacional que establece Carvalho Calero. Ás veces as comunidades dominadas poden usar a lingua dominante para a súa liberación -é o que estuda a teoría literaria poscolonial no caso do inglés e do francés en América ou en África-, e é o que fai Rosalía en En las orillas del Sar. Non hai que facer unha lectura teolóxica de Rosalía, e iso tamén vale ao falar de bilingüismo. Porque ser un escritor en galego e en castelán no século XIX é unha cousa moi distinta a selo hoxe, e non se pode comparar o incomparable”, aclara María do Cebreiro.

A crítica e profesora Dolores Vilavedra apunta, pola súa banda, outra hipótese en Canon e subversión. Rosalía afirmara a súa liberdade como autora ao escoller o galego para Cantares Gallegos e ao transgreder o ideal burgués da representación literaria do eu feminino -doméstico e sentimental- coa complexidade existencial e social de Follas Novas. Pois, con esa mesma actitude rebelde, “chega un momento no que di: ata aquí chegamos, non escribo máis en galego. Convertérana nun símbolo nacional e nun mito, e ela o que quere ser é unha muller escritora. Por iso o que vén a dicir é que non hai dereito a pedirlle máis. Creo que hai que entender isto no seu contexto vital: desencantada, mal de saúde, frustrada...Se cadra estaban pasándolle, tamén, facturas de Murguía, pois están de fondo os posicionamentos del sobre política a nivel estatal”, reflexiona.

Non moi lonxe da explicación de Vilavedra sitúase a ofrecida pola profesora da Universidade de Nottingham Catherine Davies. “Creo que Rosalía escribiu ás veces en galego e ás veces en castelán en toda a súa vida, reunindo os poemas en castelán en En las orillas del Sar, e os galegos en Follas novas. Deixou de publicar -aínda que probablemente non de escribir- en galego porque non vía por que tiña que seguir axudando á causa galeguista cando non a recoñecían en Galicia e cando foi tan duramente criticada pola prensa galega por chamadas cuestións morais. Díxoo ela claramente”. No seu libro Rosalía de Castro no seu tempo, (1987), Davis salienta que o episodio das críticas por Costumbres Gallegas supuxo “o cumio dunha crecente decepción que desde mediados dos setenta Rosalía viña manifestando con respecto á causa galega en particular e á radical en última instancia.”

Desde a Universidade de Yale, Cristina Moreiras propuxo outra tese que se atopa recollida na Revista Hispánica Moderna. Segundo esta autora, Rosalía tería sido considerada unha “traidora” por ter revelado un “segredo” da cultura galega nun xornal de Madrid no contexto da fase da construción primeira dun movemento nacionalista que sentaba as súas bases na oposición Galiza-Castela. Mais, en realidade, escribe Moreiras, “desde o seu xesto de abandono do galego”, non só “non traizoa o proxecto nacionalista galego”, senón que “dá entrada á posibilidade de afirmación do nacional como independente, aínda que non separado ou excluído, da lingua”. A investigadora opina, ademais, que “só a partir dela o nacionalismo pode construírse en base a unha ideoloxía que acepte a diferencia e a estranxeiridade como partes constituíntes do seu espírito abranguedor, nunca exclusionario”.

Unha postura crítica e con voz de muller

Se o pensamento político e social de Rosalía puido resultar transgresor, tamén a súa activa defensa das mulleres debeu de crearlle máis dun inimigo. “A súa obra estivo sempre vixiada pola censura. Era unha muller que escribía novelas, que facía teatro tendo un neno pequeno, que ademais era filla dun crego. Que non dirían dela as señoras de Santiago? Tivo que ouvir de todo, e chegou un momento no que se fartou. Estaba cansa da falta de recoñecemento. Os galegos somos moi dados a criticar, e quen non pensou algunha vez en abandonar? Eu enténdoa perfectamente”, indica o investigador e profesor Andrés Pociña. 

A profesora e escritora Carme Blanco coincide con Pociña ao salientar a censura que tentou cortar a difusión do pensamento rosaliano. Segundo esta autora, o mesmo “principio da liberdade parece que Rosalía o aplicou na creación tanto á lingua na que escribía como a publicar ou non publicar o escrito. E este principio chegou a afectar á existencia da propia obra cando esta chocou fortemente cos poderes, como ocorrera en 1846 co artigo de costumes sobre o estudante famento, El codio, non publicado a causa das protestas de seminaristas de Lugo, e logo co que publicou en 1881 en Madrid sobre o costume galego que eu prefiro chamar hospitalidade erótica e que causou escándalo en certos sectores conservadores do galeguismo”.

“Pero xa no prólogo de Follas novas Rosalía de Castro anuncia que o máis probable é que non volva publicar en galego. E non publicou outra obra nesta lingua. Nos meus libros Sexo e lugar ou Extranjera en su patria trato este exilio interior de estranxeira na súa patria no que a autora se sitúa fronte aos poderes que exercen a ‘tiranía en nome da patria’ coartando a liberdade de expresión do que se sente e se sabe. A crítica que xulga e manipula politicamente a Rosalía de Castro equivócase moito”, engade Blanco.

“Que Rosalía de Castro non só escribiu en galego e tamén o fixo en castelán? Si. Mais non cómpre dramatizar. Era o costume do momento. O normal era que se escribira en castelán, só algúns daban o paso a escribir (tamén) en galego. E ela foi consciente do que significaba ese feito, que por algo as señoritas ben escribían só en castelán, as Emilia Pardo Bazán, Emilia Portal, Narcisa Pérez Royo, Emilia Calé… escribían en castelán e falaban da primavera e das flores e ela era moi consciente de que a súa poesía era ben distinta”, subliña o crítico Xosé Manuel Eyré.

Na súa opinión, máis que falar de “dimisión” de Rosalía, habería que facelo de “abandono forzado”. Do mesmo xeito que “non se pode falar de bilingüísmo”, senón de “diglosia, o mesmo que hoxe, pois hai unha lingua que usurpou boa parte das dimensión en que se manifestaba o galego. De feito, que usara o castelán para a prosa tamén o provocou a diglosia, neste caso literaria. Rosalía sabía que o galego era lingua, daquela, fundamentalmente poética”.

Desde a Universidade de Maine, Kathleen March achega algunhas posibles conclusións. “Resumindo moito, en galego Rosalía de Castro expresaba agarimo e raiba pola situación de Galiza. Nunha palabra, expresaba máis o que sentía. Iso non quer dicir que escribise inconscientemente. O galego, o uso da lingua da Galiza, tamén era unha arma, e era arma lexítima. En castelán ela escribiría pensando nun público internacional, en leituras súas internacionais, como as da súa adorada George Sand. Era outra comunidade, a feminista, a das literatas. E Rosalía, malia o que din certas persoas non entendidas nin autorizadas a dicilo, era feminista. Non era o mesmo no século XIX como no XXI, mais non importa. A condición da muller importáballe. E dicíanolo constantemente. Teño ouvido tamén que aínda hai quen di que Rosalía non era nacionalista. Tolerías e parvadas! O simples feito de empregar o galego, en (e antes e despois) de 1863 era nacionalismo. Quen non quiser recoñecer a decisión de por o galego en forma escrita non entende nada de linguas e máis aínda: non entende nada do que era, e é, Galiza”.