Rosalía é Mundial: "Farväl älvar, farväl källor"

Presentación do proxecto ‘Rosalía é Mundial’ © Fundación Rosalia de Castro

"Farväl älvar, farväl källor, farväl alla backar små". Deste xeito comeza en sueco o poema Adiós ríos, publicado no Cantares Gallegos de Rosalía. A Fundación Rosalía e a Universidade de Vigo presentaron este xoves o proxecto Rosalía é Mundial, que fai un chamamento á tradución de poemas de Cantares gallegos ás linguas do mundo para celebrar os 150 anos da publicación desta obra.

Neste momento xa se poden atopar na web do proxecto as traducións de “Airiños, airiños aires” e “Adiós ríos, adiós fontes” a 15 linguas: Catalán, Checo, Español, Eusquera, Galurés, Grego, Inglés, Italiano, Polaco, Portugués, Romanés, Sueco e Ucraíno. O chamamento está aberto até o 1 de xullo e os organizadores contan con chegar a 50 linguas.

A coordinación das traducións corre a cargo dos profesores Xosé Henrique Costas, da Universidade de Vigo, e Malores Villanueva, da Universidade de Barcelona. Na iniciativa están participando de forma desinteresada tradutoras e profesoras de moitas universidades estranxeiras, desde Finlandia até Armenia, xunto cun numeroso grupo de exalumnos dos cursos de galego para estranxeiros da USC e da UVigo.

 

Nas rúas e nos bares

Na semana previa ás Letras quérese "que todo o Casco Vello de Vigo estea decorado con estes carteis-poemas

As traducións dos poemas estarán tamén en PDF para poderen ser baixadas por calquera usuario como se for un cartel. Na semana previa ás Letras quérese "que todo o Casco Vello de Vigo estea decorado con estes carteis-poemas, que a xente poida descolgalos e levalos, que estean en bares e comercios a disposición da xente, que a xente leve os versos de Rosalía no idioma que queira para a casa, para o traballo, etc.". "Sin ela vivir non podo, non podo vivir contenta", ou como se diría en romanés: "Fără ea să trăiesc nu pot, nu pot trăi bucuroasă".

Presentación do proxecto ‘Rosalía é Mundial’ © Fundación Rosalia de Castro
Presentación do proxecto ‘Rosalía é Mundial’ © Fundación Rosalia de Castro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.