0 Gardados para despois

Cavar na foxa da memoria: a novela histórica galega como metáfora do presente político

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


A novela ten un papel fundamental que cumprir na recuperación da memoria das colectividades que non puideron contar a súa historia. Así o cre o escritor Francisco X. Fernández Naval, que furou en A noite branca na loita dos soldados da División Azul. “Foi un tema silenciado non só porque perderon a Segunda Guerra Mundial, senón porque estiveron do lado dos nazis”, explica o autor, que acaba de levar por este libro o premio da Federación Galega de Libreiros á mellor obra do ano 2012. A noite branca comparte ademais nominación para os galardóns da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) 2013 con Verde oliva Xavier Alcalá, -un ollar á resistencia contra a ditadura de Batista-, ou con Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño, revisión da materia da Bretaña que acaba de gañar o Premio da Crítica Española na modalidade de narrativa en galego. A historia é, dun ou outro xeito, alicerce de todas elas. E de moitas outras das novelas que acadaron este ano unha maior repercusión.

O concepto novela histórica é hoxe rexeitado por obsoleto por boa parte da crítica. Mais funciona ben, sobre todo na súa acepción máis ampla, entre os lectores

O concepto novela histórica é hoxe rexeitado por obsoleto por boa parte da crítica. Mais funciona ben, sobre todo na súa acepción máis ampla, entre os lectores. “É certo que pode ser difícil ofrecer unha definición precisa. Pero o lector cando le novela histórica sabe o que está a ler, do mesmo xeito que o autor sabe o que está a escribir”, comenta o escritor Darío Xohán Cabana. A Segunda Guerra Mundial e a Guerra Civil española entrecrúzanse, como en A noite branca, en Laura no deserto de Antón Riveiro Coello, unha das obras máis recoñecidas do 2011, que levara o Premio da Crítica e o Premio de Narrativa da AELG.

Xa antes da recente eclosión de novelas arredor da Guerra Civil, a historia interesaba, e moito, na nosa narrativa

Mais, xa antes da recente eclosión de novelas arredor da Guerra Civil, a historia interesaba, e moito, na nosa narrativa. E recobrar os anacos dela que foran negados ou distorsionados polo pensamento dominante foi o proxecto que animou a moitos escritores. É o caso da novela que indaga en diversos aspectos do propio pasado galego, como o reino medieval de Galiza. Darío Xohán Cabana achegouse á traxectoria do rei Don García en Morte de Rei, “nun momento no que non había aínda nada escrito sobre o tema que fose válido desde o punto de vista historiográfico”, lembra. Mais, -engade-, “tampouco contar a historia do país era o único obxectivo, pois para iso xa están os historiadores. Tamén escribes sobre o que te divirte: Galván en Saor é unha novela fantástica, aínda que teña unha base nas novelas artúricas”.

A crítica e profesora Dolores Vilavedra interpreta no seu ensaio A narrativa galega de fin de século o “pulo que que ao longo da década dos 80 adquire a novela histórica galega” como un xeito de “revisión e ampliación do arquivo literario” como elemento formador da identidade nacional. “Lembremos que varios dos textos gañadores das primeiras edicións do Blanco Amor poden ser definidos como reinvencións alegóricas da realidade nacional galega: ese é o caso de A vila sulagada de Daniel Cortezón, premiada en 1981, e das gañadoras nos anos sucesivos O triángulo inscrito na circunferencia de Víctor F. Freixanes, Beiramar de Martínez Oca e Xa vai o griffón no vento de Alfredo Conde”, explica.

Dolores Vilavedra interpreta o “pulo que que ao longo da década dos 80 adquire a novela histórica galega” como un xeito de “revisión e ampliación do arquivo literario” como elemento formador da identidade nacional

O escritor e historiador Xoán Bernández Vilar gañou o Premio Xerais no 1986 con No ano da cometa, novela sobre a loita sucesoria polo trono inglés no século XI e a súa participación nela do rei García. Mais xa en 1976 publicara xa Un home de Vilameán: anatomía da revolución irmandiña. “O que eu fago máis que novela histórica é historia novelada. Se só escribise un relato de datos históricos non tería gancho para o lector. A miña teima foi sempre a historia e, claro, a historia de Galicia nunca fora contada, polo que tiñamos que contala nós. Eu nacín no 1936, e cando ía á escola a única historia que nos contaban era a de Castela. A única referencia a Galicia que se facía daquela era a do sepulcro do Apóstolo. Eu creo que a novela histórica é moi necesaria, pero ten que ser rigorosa cos feitos históricos, e non unha invención”, asegura.

"Foi Walter Benjamin quen falou da historia como redención: aquela na que os fusilados, maltratados, derrotados da historia claman pola súa redención. A historia dos ninguén, e non dos grandes personaxes"

Mais as fronteiras entre realidade e ficción non son se cadra tan doadas de delimitar. “Que é a historia?”, pregunta o escritor e profesor Manuel Forcadela. Porque “o concepto de historia que manexou o historicismo burgués é un amoreamento de datos sobre o pasado. A historiografía moderna cuestionou esta visión da historia. Foi Walter Benjamin quen falou da historia como redención: aquela na que os fusilados, maltratados, derrotados da historia claman pola súa redención. A historia dos ninguén, e non dos grandes personaxes. E isto ten que ver co Estado e coa nación. A historiografía burguesa potencia o relato do Estado. A novela galega é, nese sentido, unha novela de redención, aínda que tamén haxa novelas contaminadas polo historicismo burgués. Por outra banda, tamén pode dicirse que toda novela é histórica, pois todo texto leva a marca do tempo no que foi escrito. Todo autor fala do seu tempo, aínda que para facelo escolla falar doutro tempo”, reflexiona.

 

A orixe das novelas sobre a historia

A novela histórica conta cunha longa tradición nas nosas letras. Se por tal se entende o patrón fixado pola obra de Walter Scott a primeiros do XIX, poderían atoparse precedentes do xénero na nosa lingua en Antonio López Ferreiro, nas obras A tecedeira de Bonaval, O Castelo de Pambre e O niño de pombas, de 1894, 1895 e 1905 respectivamente. A profesora Manuela Álvarez sitúa nun artigo dispoñible en internet os inicios da novela histórica galega en López Ferreiro e no Grupo Nós, con títulos de Otero Pedrayo como Dos camiños da vida e A romeiría de Xelmírez.

Darío Xohán Cabana cuestiona porén, nun artigo recollido no arquivo da AELG, a orixe romántica da novela histórica. “A época máis gloriosa da novela histórica avant la lettre é, falando sempre en Europa, a Idade Media”, -subliña-, na que se cultivaron “a materia de Roma, a materia de Francia e a materia de Bretaña”. Esta última deixou unha notable pegada na literatura galega contemporánea, coas achegas de Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro ou Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros. A ela tamén volve, pero para reler os mitos en clave feminista ao xeito de María Xosé Queizán, a escritora e xornalista Begoña Caamaño en Morgana en Esmelle.

“A miña intención non é facer novela histórica, mais si contar a historia desde a perspectiva dos derrotados, os excluídos, e en concreto as mulleres”, indica Caamaño

“A miña intención non é facer novela histórica, mais si contar a historia desde a perspectiva dos derrotados, os excluídos, e en concreto as mulleres”, indica Caamaño. Na súa opinión, a repercusión da materia de Bretaña no noso país explícase porque “é algo que nos colle moi de perto, xa desde o celtismo de Risco. Ten que ver coa incorporación da cultura atlántica ao proxecto de construción europea desde a caída do Imperio Romano. O cristianismo funcionou como un elemento unificador de Europa, dos reinos que se estaban formando. Cae o Imperio, e o monoteísmo enfróntase co politeísmo. A mitoloxía artúrica foi un intento de conciliar iso: Artur era un defensor do cristianismo...”, sostén.

Os profesores Francisco Salinas e Carme Fernández-Pérez dirixiron un proxecto de investigación sobre ficción histórica galega cuxos resultados poden consultarse nun catálogo publicado en internet. No texto de presentación do mesmo, Salinas afirma que o xénero “converteuse nunha moda literaria de razoábel éxito nos últimos anos, a raíz, fundamentalmente, de grandes éxitos internacionais que aquí chegaron a través de traducións como Memorias de Adriano de Marguerite Yourcernar e O nome da rosa de Umberto Eco, por non citarmos o Eu, Claudio de Robert Graves”.

Neste catálogo, que abrangue ata os anos 80 do século XX, figuran “obras históricas senso strictu” e tamén “escrita memorialística, de grande impacto, sobre todo a referida á guerra civil”: xunto a títulos de López Ferreiro ou Otero Pedrayo, obras como O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte de Antón Alonso Ríos, A pecadenta silenzosa de Manuel Bergueiro, Un home de Vilameán de Xoán Bernárdez, Xente ao lonxe de Blanco Amor, Cabalgadas en Salnés de Fermín Bouza, Sempre noiva de Francisco Cabo, A xente da Barreira de Carvalho Calero, Ilustrísima de Carlos Casares, A dona das torres de Ánxel del Castillo, As covas do rei Cintolo de Daniel Cortezón, A Quinza, A reina loba e Alira de Elfe de Manuel Lois Vázquez, A besta! de Xan de Masma, Prediución de Héctor Pérez, Fermosinda de Farruco Porto, O pastor de doña Silvia de Aurelio Ribalta, O silencio redimido e Villardevós de Silvio Santiago, Anxélica de Florencio Baamonde e Era tempo de apandar e Non agardei por ninguén de Ramón de Valenzuela.

O crítico Mario Regueira sinala, sobre as décadas da ditadura franquista, que nos anos cincuenta a cuestión histórica permanece máis ben “oculta baixo un xogo simbólico” de “xogos fantásticos (aí a orixe da nación oprimida de Tagen Ata na narrativa de Ferrín)”

O crítico Mario Regueira sinala, sobre as décadas da ditadura franquista, que nos anos cincuenta a cuestión histórica permanece máis ben “oculta baixo un xogo simbólico” de “xogos fantásticos (aí a orixe da nación oprimida de Tagen Ata na narrativa de Ferrín)”. Caído o réxime, un dos máis interesantes casos é ao seu ver o de María Xosé Queizán, “non só por tratar o tema da Guerra en Amor de tango, senón por tocar a cuestión da Galiza priscilianista en Amantia. As últimas obras de Carlos Casares tamén responden a unha perspectiva histórica, aínda que cunha tendencia cada vez máis acusada á proximidade temporal. O tema tamén se podería tratar máis polo miúdo no caso de Ferrín, onde se poden ir atopando trazos que se van separando pouco a pouco do fantástico, pero sempre moi mesturados con esa tendencia (Amor de Artur)”.


A evolución dun xénero hibridado

Hai moitos xeitos de achegarse á historia desde a narrativa. E facer novela histórica é só un deles. A profesora Isabel Mociño propón un esquema para o caso da literatura xuvenil que pode resultar moi operativo. “Desde os 80 á actualidade poderiamos distinguir varias liñas. A primeira, a de reconstrución do pasado mítico con exemplos como Arnoia, Arnoia de Méndez Ferrín ou O segredo da Pedra Figueira de María Xosé Queizán. A segunda son novelas de aventuras situadas nunha determinada época histórica como A expedición do Pacífico de Marilar Aleixandre. A terceira son novelas de recuperación da memoria histórica, como Corredores de sombra de Fernández Paz, A teima de Xan de García Teijeiro, Tristes armas de Marina Mayoral, A sombra descalza de An Alfaya ou Xograres dun tempo novo de Carballude. A cuarta liña sería a novela propiamente histórica, como O ganso pardo de Paula Carballeira. Non hai que esquecer historias de procura da liberdade como Centauros do norte de Marcos Calveiro ou O segredo de Marco Polo de Francisco Castro. Ou O armiño dorme de Neira Cruz”.

Manuel Forcadela diferencia as novelas que falan “duns determinados momentos da historia” daquelas que o fan “desde” uns períodos concretos da mesma.

Manuel Forcadela diferencia, pola súa banda, as novelas que falan “duns determinados momentos da historia” daquelas que o fan “desde” uns períodos concretos da mesma. Sinala, ademais, o desenvolvemento a partir de 1975 do que o crítico Xoán González-Millán chamou “novelas de apropiación histórica”, que teñen que ver coa resistencia das sociedades “marxinais” fronte ás imposicións simbólicas das que son obxecto por parte das culturas hexemónicas.

Vilavedra segue en A narrativa galega na fin de século a Celia Fernández Prieto para recoñecer dúas tendencias na novela histórica das últimas décadas do XX. Por unha banda, a que continúa o modelo tradicional, -de procura da verosimilitude e intención de ensinar historia ao lector-, mais con innovacións como a ruptura da “monoloxía da novela histórica romántica e realista”, con estratexias como a multiplicación de puntos e vista na narración. Nesta primeira liña situaríanse segundo esta autora Tránsito dos gramáticos de Marilar Aleixandre, Azul cobalto. Historia posible do Marqués de Sargadelos de Alfredo Conde; Branda de Loboso, As sombras do Barroco ou A palabra secreta de Xesús Rábade ou Alén da desventura de Xavier Alcalá.

A segunda liña, que “altera o modelo clásico desde unha posición posmoderna” e cuestiona “os límites entre a historia e a novela e, polo tanto, a ontoloxía mesma dos feitos narrados”, sería, segundo Vilavedra, menos común na nosa narrativa. Un exemplo sería Magog de María Gándara. A “relativización posmoderna da historia potenciou tamén”, na súa opinión, “a evolución da narrativa de tipo histórico cara a formas híbridas”, vencelladas ao fantástico, á novela de aventuras -como Morning Star de Xosé Miranda ou Aguillóns de Ortegal de Hixinio Puentes-, ou á ficción científica.

Outra das tendencias observadas polo crítica é a ampliación dos espazos socioxeográficos representados. Así, Mario Regueira distingue as “obras ambientadas en distintos momentos da Historia da Galiza, polo xeral obras puntuais na traxectoria dunha persoa e sen moita continuidade” e as “obras situadas en coordenadas históricas alleas, poucas pero en liñas xerais moi interesantes (penso no Descartes e Cristina de Suecia de Herba Moura de Teresa Moure ou no Vivaldi de Settecento de Marcos Calveiro), aínda que tamén sen máis continuidade na maior parte dos casos”.

Entre as segundas poderían citarse tamén O enxoval da noiva de Víctor Freixanes, Resistencia de Rosa Aneiros, Ácaros verdes de Pilar Buela ou Salvador de Occidente de Xosé Ignacio Taibo, e entre as primeiras O bosque de levas de Alfonso Álvarez Cáccamo, O Conde de Viloíde de Xavier Costa Clavell, Os misterios de Monsieur D’Allier de Salvador García-Bodaño, A memoria do boi de Xosé Vázquez Pintor, O frío azul de Ramón Caride ou As reliquias de Antón Lopo. Aínda que, no caso destas obras e de moitas outras nas que a historia é un elemento fundamental -caso dalgunhas obras de Xabier Queipo como O paso do noroeste ou de María Reimóndez como Pirata, ou a moi recente O curioso mundo das persoas normais de Xosé Monteagudo-, non é doado adscribilas de modo estrito á categoría “novela histórica”.

O crítico Francisco Martínez Bouzas aclara sobre isto que “unha boa parte da narrativa galega xira arredor de dous subxéneros: a novela detectivesca e a novela histórica, pero esta última entendida nun sentido moi amplo"

O crítico Francisco Martínez Bouzas aclara sobre isto que “unha boa parte da narrativa galega xira arredor de dous subxéneros: a novela detectivesca e a novela histórica, pero esta última entendida nun sentido moi amplo. É dicir, non como adoita ser definido o subxénero histórico en sentido rigoroso: textos narrativos que ofrecen unha versión verosímil dunha época histórica, baseándose en feitos históricos, aínda que os personaxes sexan froito da invención, tal como di Lukács, senón nun sentido moito máis amplo: mestura de aventuras en contextos históricos. Ademais, máis que reflectir, unha época histórica, o subxénero en Galicia acostuma a xirar verbo dun personaxe (ou máis dun) histórico ou inventados”.

Por outra banda, -engade Bouzas-, “a maioría das novelas históricas galegas inxectan ficción na realidade histórica. Por iso xustamente son novelas históricas. Como novelistas é o que deben facer. Agora ben, a ficción, como di Álvaro Pombo, é un marcador semántico que transforma todo o que toca, no senso de que o converte en ficción e xa que logo todo queda sometido ás leis da ficción. Neste sentido pois pode dicirse que ao meter ficción en contextos históricos, estes quedan anulados. Non habería pois en puridade novelas históricas. Que fai pois a novela histórica? Ilustrar dunha forma fermosa  a historia. E iso acontece, penso, con toda o case que toda a novela histórica galega. O resto (é dicir se non hai inxección de ficción) é biografía”.

O tamén crítico Xosé Manuel Eyré considera “extraordinarias novelas históricas” Monbars o exterminador de Hixinio Puentes, -que acaba de publicar tamén Winnipeg- e Renacer de Xabier Paz, e pensa que ambas, xunto con Festina lente de Marcos Calveiro, poden supoñer un “empurrón definitivo” para o xénero, aínda que o seu futuro “dependerá da calidade dos discursos que sigan a este empurrón”. Mais “de momento a cousa vai bastante ben, pénsese na mesma Begoña Caamaño, Circe e o pracer do azul ou Morgana en Esmelle, por exemplo”. Porén, do mesmo xeito que Caamaño non define as súas obras como novelas históricas, tampouco o fan outras autoras de obras referentes como Herba moura (Teresa Moure) ou Sol de inverno (Rosa Aneiros).

“Entendo que a etiqueta é útil no mercado, pero a min non me acaba de convencer”, comenta Rosa Aneiros. “A min, ata agora, o que me motivou foron os personaxes, e non a historia"

“Entendo que a etiqueta é útil no mercado, pero a min non me acaba de convencer”, comenta Aneiros. “A min, ata agora, o que me motivou foron os personaxes, e non a historia. Resistencia xurdiu dunhas cartas que vin nun museo. Pensei que alí había unha novela. E en Sol de inverno foi o mesmo: é un personaxe que quere recuperar a súa infancia, só que durante a súa vida acontecen moitas cousas. Non quixen encher ningún oco. O que si é certo é que, do mesmo xeito que autores dos 80 tentaron recuperar a historia de Galicia que non fora contada, na miña xeración, a dos netos das persoas que viviron a guerra civil, sentiuse unha necesidade de evitar que se perdesen as testemuñas”, engade.

Na opinión de Dolores Vilavedra, a novela histórica galega chegou a “un momento de impasse rematada a fase de elaboración dunha antihistoria ou parahistoria alternativa á historiografía canónica”. Así, a “renovación virá da man das novas narradoras” como Rosa Aneiros ou Inma López Silva, que “renuncian ao modelo canónico de novela histórica galega consolidado desde os 80”. López Silva, autora tamén de Memoria de cidades sen luz, coincide con Vilavedra ao sinalar que “o discurso da primeira novela histórica galega estaba no ámbito do que poderiamos denominar discurso nacional. No caso de Rosa e o meu coido que escribimos dese unha perspectiva máis ampla, sen renunciar tampouco a unha lectura nacional (quizais por comparación), mais que aspira a ser máis reflexiva. No meu caso, en concreto, non procuro esta perspectiva porque considere que a primeira novela histórica galega xa fixo o seu traballo, senón porque a miña posición (política, seguramente) en Galicia e no mundo me conduce a unha reflexión máis exocéntrica, ou mesmo multicéntrica”.  

Na opinión de Dolores Vilavedra, a novela histórica galega chegou a “un momento de impasse rematada a fase de elaboración dunha antihistoria ou parahistoria alternativa á historiografía canónica”

De forma distinta ve isto mesmo Xavier Alcalá, outro dos autores que máis teñen cultivado a novela histórica, e sempre desde perspectivas que implicaban viaxes de ida e volta entre Galicia e o resto do mundo. “A miña novela é produto da miña condición vital. Sempre viaxei moito polo meu traballo, así que foron as circunstancias. Cando conto a vida dos emigrantes en América, o que quero é falar non do tendeiro de Mafalda senón de personaxes que formaron parte dunha épica que aquí non se coñece. En xeral, en Galicia hai pouco escritor viaxeiro. A noite branca fai como fixen eu: Fernández Naval foi a Rusia, igual que eu fun a Cuba ou a Arxentina. Hai xente, coma el, que non quere deixar de contar a historia do seu país, pero tamén conta a doutros países. A Segunda Guerra Mundial tamén é parte da historia do noso país. Penso que os escritores ás veces adiantámonos aos historiadores, atopamos a historia antes ca eles”, conta.

Tamén Darío Xohán Cabana apunta que queda aínda moita historia de Galicia por recuperar. “Vamos editar unha escolma de textos de Juan Francisco de Castro Fernández, que foi un ilustrado dun radicalismo moito maior que o de Sarmiento e Feijoo, e que case ninguén coñece. Hai moitos puntos escuros non estudados”. Con el conflúe Eyré, que salienta que “evidentemente, non pode facerse todo en menos de 40 anos de democracia. Son moitos os momentos históricos que hai que atender. Con moito, o momento histórico mellor tratado é a Guerra Civil, mais parécece precipitado falar aí de novela histórica”.


As novelas sobre a Guerra Civil

Mención especial merecen as novelas sobre a Guerra Civil, que non toda a crítica encaixa baixo a etiqueta de novela histórica

Mención especial merecen as novelas sobre a Guerra Civil, que non toda a crítica encaixa baixo a etiqueta de novela histórica. A vitoria do perdedor de Carlos Reigosa é unha das últimas obras que se ocupan da que foi unha das consecuencias do golpe do 1936: a guerrilla, tema que xa tratara en A vitoria do perdedor, Fuxidos de sona, O regreso dos maquis ou A agonía do león. Dolores Vilavedra sitúa en A narrativa galega na fin de século a orixe do tratamento da temática da Guerra Civil en Non agardei por ninguén de Ramón de Valenzuela (1957), O silencio redimido de Silvio Santiago e O siñor Afranio de Antón Alonso Ríos, ás que seguirían, xa rematada a censura franquista, Terra coutada de Antonio Fernández Pérez, Esmoriz de Aníbal Otero ou O cego de Pumardedón de Francisco Fernández del Riego.

Carlos Casares afástase, na opinión de Vilavedra, en Os mortos daquel verán, do “memorialismo practicado polos seus predecesores”, do que tamén se apartan Ricardo Carvalho Calero en Scórpio ou Manuel Guede en Vísperas de Claudia. Despois publicáronse moitas outras obras sobre a guerra ou o franquismo, como O bosque das antas de Xosé Fernández Naval, Agosto do 36 de Xosé Fernández Ferreiro, No ventre do silencio de Xosé Luís Méndez Ferrín, O lapis do carpinteiro e Os libros arden mal de Manuel Rivas, Polos fillos dos fillos de Manuel Sarille, As rulas de Bakunin de Antón Riveiro Coello, O exiliado e a primavera de Manuel Veiga, Expediente Artieda de Luís Rei Núñez, Entre fronteiras e Nas catacumbas de Xavier Alcalá, Era por setembro de Xavier Quiroga, Pensa Nao de Anxo Angueira, Non volvas e Home sen nome de Suso de Toro, Aqueles anos de Moncho de Neira Vilas, Corredores de sombra de Fernández Paz, Amor de tango de María Xosé Queizán, Cardume de Rexina Vega ou Como en Alxeria de Moncho Pena.

“En realidade, a min o que me interesa é a ficción, e non a historia”, asegura. “Non me gusta ter que investigar moito. Eu o que fago é inventar, porque son escritor e non historiador"

Xosé Fernández Ferreiro é o autor de Morrer en Castrelo de Miño, Os últimos fuxidos ou Tempo de centeo. “En realidade, a min o que me interesa é a ficción, e non a historia”, asegura. “Non me gusta ter que investigar moito. Eu o que fago é inventar, porque son escritor e non historiador. Agosto do 36 é unha novela sobre a guerra, e non unha novela histórica. Parte dun feito que me contaron cando era rapaz. E, claro, eu vivín o que conto nas novelas. Lembro os falanxistas armados, o ambiente de medo, a tensión que había, a impotencia... O que invento está baseado na realidade, pero é ficción”, aclara.

Vilavedra entende que a novela sobre a guerra civil acada a súa madurez cando protagonistas, e/ou narrador principal “deixan de pertencer sistematicamente ao bando dos vencidos”

Vilavedra entende que a novela sobre a guerra civil acada a súa madurez cando protagonistas, e/ou narrador principal “deixan de pertencer sistematicamente ao bando dos vencidos”. Exemplo disto podería ser Sol de inverno, -con personaxes situados dos dous lados-, ou A noite branca, polo mesmo motivo. Mario Regueira subliña ao respecto que houbo “quen se empeñou en facer valer a perspectiva da dereita, como Historia do soldado de Alfredo Conde”. Mais a distinción principal pode establecerse, segundo a súa análise, non entre a dereita e a esquerda política, senón entre “as obras que fechan a historia e as que a manteñen aberta”, como A perspectiva desde a porta de Patricia Janeiro, que “compara a represión de entón coa represión de hoxe” e que, -asegura-, non levou o premio Xerais porque “unha persoa do xurado consideraba que moralmente non podía votala por entender que fai apoloxía do terrorismo”.

"A maior parte do noso acervo limítase a un laio constante pola maldade dos golpistas, cousa que tamén prefigura o noso imaxinario como vítimas sen alternativas"

Así, -asegura Regueira-, “o contexto cultural galego segue preferindo a lectura das vítimas, non hai máis que ver o escaso papel que se lle ten dado á resistencia antifranquista nas obras canónicas ou á aposta política previa ao golpe: a maior parte do noso acervo limítase a un laio constante pola maldade dos golpistas, cousa que tamén prefigura o noso imaxinario como vítimas sen alternativas (isto vale para exemplos tan senlleiros como A lingua das bolboretas, que dalgunha forma predeterminaron unha boa parte das obras que seguiron)”.

En canto á evolución última da novela sobre a guerra civil, Mario Regueira indica que “creo que, como todo fenómeno masivo, está especializándose, e penso en Winnipeg de Hixinio Puentes que está focalizada en Cariño. Tamén penso que se pode distinguir entre unha vertente que emprega o período histórico como fondo para as tramas e aqueles autores que están implicados familiar ou persoalmente co que contan, e que traballan na reconstrución da súa memoria persoal e familiar, a medio camiño entre a narración e algunha forma de xornalismo distante. Creo que estes últimos teñen máis que ver con esas novelas precursoras que non deixaban de ser relatos de fuxidos máis ou menos novelados”.

Tamén Eyré distingue dúas focaxes, as novelas que falan “desde a vivencia persoal da guerra” e as que “se centran nas súas consecuencias”. A fin de contas, -matiza- “todo o subxénero ten a súa razón de ser en dar voz aos vencidos, por iso está moi mal visto por certa opción política que se considera vencedora e xa está…porque precisamente este subxénero vén dicirlles que non, que non está, que as inxustizas, que a barbarie, que os latrocinios, que os asasinatos sempre estarán aí, que non hai lousa que os cale e sempre estarán aí para incomodar as conciencias negras”.

"Aínda que os protagonistas da actualidade política digan nacer despois de Franco e que xa pasou moito tempo, a súa ideoloxía e practicas sociais son idénticas e a súa querenza polo ditador é sinxela de observar en como estorban a quen loita por recuperar a Memoria Histórica"

Precisamente por iso, -insiste Eyré-, “é un tema que nunca ficará pechado”, e que fica máis conectado co presente do que pode parecer. Polo menos “mentres esa parte da sociedade, teimudamente esquecediza, non recoñeza as atrocidades que se cometeron e dalgún xeito expíe a culpa. Cómpre iso. E cumpriría que a ideoloxía que desatou o Golpe Militar de Franco desaparecera ou polo menos non tivera a relevancia social que ten, de xeito que os ataques ao galego e a cultura galega de hoxe non se poden entender cabalmente sen se referir ao franquismo… Aínda que os protagonistas da actualidade política digan nacer despois de Franco e que xa pasou moito tempo, a súa ideoloxía e practicas sociais son idénticas e a súa querenza polo ditador é sinxela de observar en como estorban a quen loita por recuperar a Memoria Histórica, non se pode dicir que un é moi novo non ten nada que ver co franquismo e á vez favorecer constantemente as bestas dos franquistas. Véxase senón en como acabou o xuíz Garzón, a nivel estatal”, subliña.

“Hai cousas nas que cómpre furar, escaravellar, aspectos da vida, da sociedade, da política que non están canonizados, que non aparecen nos grandes relatos. Temos que indagar nos vimbios cos que se foi tecendo o proxecto do que vimos. Unha novela ambientada no pasado non é só unha reconstrución do pasado, senón, creo eu, un intento de explicar o presente. Todas as obras históricas falan do presente. Sobre as novelas da guerra civil hai un estudo de Thompson que incide en todo isto. Novelas como Laura no deserto ou A noite branca amplían o horizonte histórico, saíndo do marco espacial galego e integrándoo no internacional. Algo hai, probablemente, novo, desta maneira, nas novelas sobre a Guerra, ou polo menos máis sólido”, afirma o profesor e autor de Iria e Pensa nao Anxo Angueira. 

"Unha novela ambientada no pasado non é só unha reconstrución do pasado, senón, creo eu, un intento de explicar o presente. Todas as obras históricas falan do presente"

Nunha mesa redonda sobre novela histórica que percorreu as feiras do libro, os escritores Marcos Calveiro e Pere Tobaruela coincidiron en sinalar que o obxectivo é, sempre, relatar as loitas cotiás. A historia dos de abaixo. “É a historia mergullada o que me interesa. A historia dos vencidos, e non dos vencedores”, explica Tobaruela. Para iso, procura documentarse o mellor posible. Menos sistemático nese aspecto é Calveiro que, aínda que consulta bibliografía e arquivos, non adoita tomar notas e non considera a rigorosa exactitude histórica como un dogma de fe. Pois os escritores, -di-, non deixan de ser “grandes mentireiros”, como creadores que traspasan a liña entre ficción e realidade.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.