Do equipo Lupa a 'Doentes'. O percorrido audiovisual de Vidal Bolaño

Roberto Vidal Bolaño traballando en Olimpus © Asociación Roberto Vidal Bolaño

“No cine, o mundo é unha maquinaria perfecta. Sobre todo no americano. Durante hora e media un vive a ilusión de que algún día a realidade podería chegar a ser así de marabillosa.” Quen fala nesta escena é Don Valeriano, o cura carlista con moito de enfermo imaxinario que Roberto Vidal Bolaño  creara para o seu Doentes, nunha Compostela de posguerra, escura e cun denso arrecendo a réquiem. O crego, supervivente ao sei xeito entre tanta miseria, atopa na sala dun teatro, “ao que a cobiza botou en mans do cinematógrafo”, un refuxio ante a persecución. Quizais, esa é a palabra: refuxio. Un refuxio ante os males da realidade, un refuxio para denunciar eses males, un refuxio para vivir, sentir e contar historias. E Vidal Bolaño refuxiouse dende cativo nos cines Capitol e Metropol, máis tarde atopou acubillo nos cineclubes que foron agromando en Compostela e nas experiencias primitivas dun audiovisual do noso con ansias de nacer. Mesmo chegou a se refuxiar no cinematográfico pseudónimo de John Huston para presentarse (e gañar) ao Premio Rafael Dieste de 1992 con Días sen gloria. Un texto que, segundo confesión propia, debíalle bastante A raíña de África, dese director a quen lle roubou o nome momentaneamente.

Moito de refuxiou hai na sétima arte, mais Vidal Bolaño, máis que buscar nel refuxio, o que desexaba era convertelo na súa casa

O celuloide contou sempre cun encanto de refuxio, de última esperanza, sexa en branco e negro ou en cor. Si, moito de refuxiou hai na sétima arte, mais Vidal Bolaño, máis que buscar nel refuxio, o que desexaba era convertelo na súa casa. Na súa adolescencia, mentres encadeaba traballos e traballos, desexaba entrar na Escola Oficial de Cinematografía e aos 19 anos, como empregado de Daviña, tentou chamar as súas portas, mais atopounas pechadas.

 

Lupa

Vidal Bolaño entrou en contacto cun grupo de mozos que aló por comezos dos setenta quixeron en Compostela converterse en cineastas. Tratábase de Lupa, que se artellara no seo da Asociación Cultural O Galo

Malia esa frustración, Vidal Bolaño entrou en contacto cun grupo de mozos que aló por comezos dos setenta quixeron en Compostela converterse en cineastas. Tratábase de Lupa, que se artellara no seo da Asociación Cultural O Galo ao redor, principalmente, de Euloxio Ruibal e Félix Casado. Os xornais da época, sen saber aínda a relevancia historiográfica que tería ese grupo, fixéronse eco dos primeiros pasos dese equipo. “Lupa naceu coa fin de realizar películas sobre Galicia, non só de temas culturais, paisaxístico, senón tamén pequenos filmes con argumentos. Os proxectos de Lupa son ambiciosos. Co obxectivo de lograr unha maior perfección técnica e artística, pretenden adquirir un aparato de 16 milímetros. Mais os mozos de Lupa non teñen diñeiro para levar adiante a súa obra cinematográfica. Por iso, piden a todos os galegos colaboración económica, aínda que sexa pequena, para poder seguir adiante con esta interesante tarefa de un posible cine galego”. Este fragmento pertence a unha reportaxe que o xornalista e escritor Xosé Fernández Ferreiro publicaba en 1972 no diario ABC no que resumía as esencias dun proxecto que xeraría unha feixe de pezas audiovisuais.

O futuro dramaturgo entrou en Lupa coa fita Holocausto. Tratábase dunha película de ficción e, para a súa realización, Euloxio Ruibal púxose en contacto con Vidal Bolaño

Vidal Bolaño non fundou Lupa, mais incorporouse nos seus primeiros momentos e a influencia que recibiu do grupo sería esencial para pegar tamén os primeiros pasos no teatro. O futuro dramaturgo entrou en Lupa coa fita Holocausto. Tratábase dunha película de ficción e, para a súa realización, Euloxio Ruibal púxose en contacto con Vidal Bolaño. “Eu precisaba daquela un axudante de realización e falando con Benxamín Vázquez, correspondente de El Ideal Gallego, comezamos a falar dun rapaz que lle enviaba algunhas críticas de cine e que ía publicando cousas no periódico. E fun falar con el, con Roberto, quen xa andaba a traballar en Daviña”, rememora Ruibal.

Nesa peza, na que actuou como axudante de realización, tamén acabou por ser intérprete de forma, segundo Ruibal, “accidental”. O agora académico confesa que, naquel momento, non viu con bos ollos que Vidal Bolaño fose un dos actores, que nesa peza daba vida a unha sorte de sumo sacerdote. “Eu non cría nel como actor. Non o vía. Estaba equivocado”, admite.

Despois chegaran outros proxectos, cos que se conservaban os obxectivos fundacionais do grupo. “O que buscabamos era facer unha recollida de material etnográfico, de manifestacións propias que se estaban perdendo. Iso por un lado, mais tamén queriamos facer producións propias, curtas de ficción”, explica Euloxio Ruibal. Entre as producións de índole etnográfico, destacan fitas como O corpiño (1973), A rapa das bestas (1973) ou A procesión das mortallas (1973). “E unha sobre o entroido do Ulla, que foi o  filme que fixo enteiramente Vidal Bolaño”, lembra Euloxio. No eido da ficción, ademais do xa citado Holocausto, o futuro teatreiro tamén tentou seguir camiño. “Presentou un guión para unha curta, pero nunca se levou a cabo. Non sei se existe ou non guión aínda, se se conversa copia”, intenta lembrar un Euloxio que xa non dá moitos máis detalles ao respecto.

Nese ano 1978, Lupa non era moito máis ca unha lembranza. Unha lembranza chamada a ser un capítulo primitivo do audiovisual propio en Galicia, cun valor máis histórico e arqueolóxico ca cinéfilo

E despois? “E despois o grupo foi esmorecendo co paso do tempo e creamos un grupo de teatro Obradoiro, co que traballamos un texto de Eduardo Blanco Amor, co que tiña eu moi boa relación”, explica. Ese texto era Amor e crime de Juan el Pantera, foi representado polo grupo Obradoiro e Vidal Bolaño actuaba nela. E aí comezaba a carreira teatral dun Vidal Bolaño cuxo primeiro contacto co audiovisual, entre cámaras de 8 e 16 mm, foi quedando atrás mentres avanzaba na profesionalización da escena galego, cuxo gran inicio se produciu o 16 de maio de 1978. Foi no Colexio La Salle de Santiago, coa obra Laudamuco e coa compañía profesional Antroido. Compañía que, seguramente, sen Lupa xamais se chegaría a conformar. Dalgún xeito, fora unha evolución natural e irremediable.

Nese ano 1978, Lupa non era moito máis ca unha lembranza. Unha lembranza chamada a ser un capítulo primitivo do audiovisual propio en Galicia, cun valor máis histórico e arqueolóxico ca cinéfilo. Ou polo menos, iso debe considerar Euloxio Ruibal. “Eran cousas de rapaces, que non tiña medios. Todo era rudimentario, só tiñamos ideas e ilusión, máis nada”, réstalle relevancia o autor teatral de obras como O cabodano e Zardigot. “Tiñamos ideas, pero seguramente non as plasmamos como queriamos”, insiste.

As fitas, na actualidade, atópanse nun estado moi precario. “Están moi deterioradas, non tiñamos copias e traballabamos sobre o copión xa positivados. Non están ben conservadas. En todas eles obsérvanse graves deficiencias”, sinala o autor. O Centro Galega das Artes da Imaxe (CGAI) tiña a intención de realizar proxeccións desas pezas e hai meses púxose en contacto cos membros de Lupa para tamén proceder a súa restauración. Polo momento, esa posibilidade está paralizada, xa que os membros do equipo teñen que tomar decisións sobre o futuro das mesmas. “O CGAI quería facer algunha proxección, pero é case imposible. O paso do tempo fixo que non sirvan, é que están destrozadas. Temos que reunirnos os de Lupa e decidir que facer con elas, ten que ser unha decisión  conxunta porque Lupa era un colectivo e a propiedade é colectiva”, explica Euloxio, quen mesmo chega a insinuar que, quizais, unha opción sexa “facer desaparecer” esas “cousas de rapaces que só tiñan ilusións”. Por sorte, esa determinación aínda non se tomou e será unha decisión conxunta de todos os membros.

 

Os pilotos que se perderon na memoria

O escritor “participa nun novo movemento fundacional. Se xa estivera no nacemento do cine galego e na profesionalización do noso teatro, tamén participará no da dobraxe galega como actor, director de sala e director artístico”

A mediados dos anos oitenta e despois da disolución de Antroido, Vidal Bolaño deixou un chisco de lado o teatro e regresou ao audiovisual. A TVG comezaba a súa andaina e a dobraxe foi un dos refuxios que atopou nesa segunda metade da década. Como lembra Fernández Castro no seu libro A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño (Laiovento, 2011), o escritor “participa nun novo movemento fundacional. Se xa estivera no nacemento do cine galego e na profesionalización do noso teatro, tamén participará no da dobraxe galega como actor, director de sala e director artístico”. Neses ámbitos traballou na empresa Galaxia CTV, propiedade do palestino Galeb Jaber Ibrahim, dono tamén do hotel Araguaney de Santiago.

En 1987, ademais, Vidal Bolaño somerxeuse nun ambicioso proxecto: a adaptación dunha serie de contos de Álvaro Cunqueiro. Novo de Parmuíde foi o episodio piloto, que buscaba abrir unha serie de adaptacións. A sorte non o acompañou e este primeiro intento, rodado durante 13 días en diversas localizacións para acadar un total de 56 minutos, quedou aí. Non houbo continuidade e o proxecto quedou desbotado.

O Novo de Parmuíde sería un dos diversos intentos frustrados de Vidal Bolaño por realizar series de ficción no incipiente audiovisual galego

O Novo de Parmuíde sería un dos diversos intentos frustrados de Vidal Bolaño por realizar series de ficción no incipiente audiovisual galego, impulsado polo nacemento da televisión autonómica. Outros proxectos, que desenvolvería dende a produtora Olympus Comunicación, tamén quedarían en nada. Nesa empresa traballaría entre 1989 e 1993 ao lado de Carlos Gey, co que entrara en contaco nos comezos da dobraxe. “Coñecémonos a mediados de 1985, cando se comezaba coa dobraxe. Coincidimos en varios cursos e falamos moito dunha idea, dunha proposta: facer produtos para que os actores e actrices de teatro puidesen entrar no audiovisual”, explica Gey, que na actualidade é tenente de alcalde de Rianxo.

Destacaba o programa de ficción Morosos varios. “Era un proxecto que podería facerse na actualidade, naquel tempo en 1993 a crise económica estaba tamén moi presente. A idea era facer unha serie de ficción para a toda a familia. Pero nese momento non había ficción na TVG"

Neses anos, Vidal Bolaño e Gey observaban unha fonda eiva na profesionalización dos intérpretes do país. “Non tiñan máis saída que o teatro ou a dobraxe, as portas do audiovisual abríanse moi pouco para eles. Quixemos facer como un plató para eles, para que puidesen entrar ao xeito no audiovisual”, sinala Gey, que lembra o escritor como “unha máquina de facer guións”. E entre tantos guións, saíron varias ideas e non poucos capítulos pilotos. Entre eles destacaba o programa de ficción Morosos varios. “Era un proxecto que podería facerse na actualidade, naquel tempo en 1993 a crise económica estaba tamén moi presente. A idea era facer unha serie de ficción para a toda a familia. Pero nese momento non había ficción na TVG, a ficción feita aquí era moi escasa. Aínda non chegara ese fenómeno de Antena 3 chamado Farmacia de Guardia. Non era aínda o momento das series, imaxino. Se cadra foi unha idea demasiado adiantada”, relata Gey.

Aínda que non saíu adiante, o capítulo piloto foi rodado baixo a súa dirección e nel participaban  actores e actrices como Dorotea Bárcena, Gonzalo Uriarte, Miguel de Lira, Manuel Lourenzo ou Rosa Álvarez. Como axudante de dirección andaba o actor e profesor Antonio Mourelos, quen a día de hoxe é o presidente da Academia Galega do Audiovisual.

Outros proxectos que tamén saíron desa época e quedaron en nada foron O buraco máxico, destinado ao público infantil; Xáxara, ambientada no rural ou O camiño imaxinario. “A idea era promocionar o camiño, a través das lendas. Trece lendas en trece capítulos, ideado para a televisión. Presentouse no Xacobeo, en principio dixeron que si, pero quedou paralizado”, sinala Gey.

Roberto Vidal Bolaño en 'Sempre Xonxa' © Asociación Roberto Vidal Bolaño

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.