Luís García Montero: "A cidadanía debe tomar en serio o seu propio poder. Está asumindo a situación con fatalidade, en lugar de rebelarse"

Luís García Montero © Praza Pública

Poeta, profesor de Literatura na Universidade de Granada (pediu a súa excedencia como catedrático despois da polémica xerada co profesor José Antonio Fortes hai tres anos), militante destacado de Izquierda Unida dende hai anos Luís García Montero fala con elegancia e decisión sobre a poesía e a política, e coa palabra salva a fenda que ás veces parece establecerse entre a creación literaria e o compromiso social. Un compromiso que exerce a diario, chegando a integrar listas de IU nas eleccións ao Parlamento Europeo ou neste momento, participando nos debates internos de formación coa cración da corrente, liderada por Gaspar Llamazares, de Izquierda Abierta.

Como autor foi Premio Nacional de Poesía, por Habitaciones separadas (1995) e Premio Nacional da Crítica, por La intimidad de la serpiente (2003) e recentemente presentou Un invierno propio (Visor) e Ropa de calle (Cátedra), ademais dunha novela, Mañana no será lo que Dios quiera, sobre a vida do poeta Ángel González, falecido en 2008. Participou este martes nun recital poético, presentado por Lino Braxe, no marco do evento literario Coruña Mayúscula, que continuará até o xoves, e no que participan Angel Zapata ou Ana Rosetti, que coordinan obradoiros de contos e poesía, e no que intervirán destacados autores como Chantal Maillard, Luz Pozo Garza ou Manuel Vilas. A páxina do encontro, organizado polo Concello da Coruña, non conta con versión en galego.

A xornada deste mércores 21 de marzo, Día Internacional da Poesía, pecharase co recital 11x6, no que intervirán Sofía Castañón, Antón Castro, Estevo Creus, Gonzalo Escarpa, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Gracia Iglesias, Elena Medel, Antía Otero, Ángel Petisme e Estelle Talavera Baudet

Cal é a función da palabra e da poesía en tempos de crise?

Creo que precisamente en momentos de crise debemos reivindicar a poesía. Falamos demasiado de economía, de intereses bancarios, de mecanismos financeiros. E esquecemos as persoas e os valores do ser humano. A sociedade debe tomar en serio unha economía ao servizo das persoas e non ao servizo dos bancos. E a poesía é un dos espazos culturais que máis reivindican o ser humano e as características que definen a dignidade do ser humano: a súa capacidade de amor, a súa xenerosidade, o seu sentimento de soidade e medo e os amparos que nos podemos dar os uns aos outros. Por iso creo que a poesía ten un valor simbólico moi importante para todas aquelas persoas que queiran organizar a súa reflexión, non ao servizo dos mercados, senón ao servizo do ser humano.

"A poesía cambia porque os tempos cambian e o amor ou a humillación ou a ilusión son distintas en cada momento"

Reivindicas, en Lorca e noutros autores, a poesía pegada ao pobo, fronte a outras visións que sitúan o poeta como francotirador, como figura illada...

Creo que sempre foi así. A poesía non é un xogo, nin é un exercicio raro de xente que busca palabras estrañas. O que nos ensinaron os poetas: Jorge Marique, Garcilaso, Espronceda, e despois os contemporáneos, como Machado ou Juan Ramón Jiménez, é que a poesía é unha reflexión sobre o ser humano e sobre o seu tempo histórico. A poesía cambia porque os tempos cambian e o amor ou a humillación ou a ilusión son distintas en cada momento. A poesía, cando se converte nun mero exercicio de retórica, perde o máis importante. Os poetas que escriben para poetas e esquecen a xente trabúcanse. A min gústame a poesía que fala na lingua da xente.

Tamén reinvidicas a figura de Ángel González, falecido hai poucos anos. Cres que segue sendo un poeta infravalorado?

A figura e a poesía de Ángel González está chamada a crecer. El coñeceu o éxito, o éxito importante, que é o recoñecemento dos lectores, tivo o privilexio de formar parte da educación sentimental de moita xente. Ángel González é un dos grandes poetas contemporáneos, e é o meu mestre, xunto con Gil de Biedma. Representa unha tradición de poesía civil, e non é estraño que dedicase moitos estudos a Antonio Machado, porque coma el é un poeta que non se considera un ser caído do ceo, senón que é unha persoa máis, que medita na súa intimidade, e que está convencido de que a mellor maneira de achegarse ás ideas é a través das persoas. Para el a poesía era unha forma de coñecer a vida da xente.

"A creación é inseparable da conciencia crítica, se falta esa conciencia, falta a conexión coa realidade, e a propia creación acaba tendo os pés de barro"

Nos últimos anos participaches activamente en distintas iniciativas sociais, e tamén políticas, chegando a integrarte en listas electorais de Izquierda Unida. Segue véndose como un pecado o compromiso partidario dunha figura pública?

Reúnense varios motivos para que se faga esa interpretación. A política está moi desprestixiada, cando se escoita falar de política pénsase en sectarismo, en corrupción, en intereses egoístas. E iso é moi perigoso, porque a política é un dos exercicios máis nobres que inventou o ser humano para organizar a súa convivencia e para construír sociedades libres. A política debe ser unha dimensión de calquera cidadán que viva e que forme parte do contrato social, e dende logo debe ser parte da vida dun creador. A creación é inseparable da conciencia crítica, se falta esa conciencia, falta a conexión coa realidade, e a propia creación acaba tendo os pés de barro. O que hai que distinguir é entre un panfleto e un exercicio de creación. O compromiso non pode limitarse a transmitir as ideas dun partido determinado, senón que ten que ser a vocación de interpretar a realidade. Na obra de Dante, de Quevedo, de Lorca ou de Espronceda están claros os vínculos coa súa ideoloxía política. Por iso, ese tema do desprestixio do compromiso do intelectual é unha parte máis do descrédito da política, e creo que forma parte dunha manobra interesada dalgunha xente que quere impoñer as súas ideas e os seus intereses egoístas. Reivindicar a política é reivindicar a autoridade do ser humano na sociedade, é reivindicar a soberanía cívica fronte a outros poderes.

"En vez de defender os nosos dereitos a través da política, dos sindicatos ou da cultura, estamos enfrontados os uns aos outros"

Esta crise, unha crise do sistema capitalista, derivou nunha crise política da esquerda, tanto da socialdemocracia como, polo de agora, doutras alternativas. Como o explicas?

O que lle sucedeu á esquerda non foi unha derrota electoral, senón unha derrota cultural, porque a cultura dominante ten pouco que ver coa solidariedade e ten moito que ver cos resultados bancarios. Na orixe da crise está a desregulamentación da economía, que derivou na substitución da economía produtiva pola economía especulativa, que agora é 47 veces máis importante que a primeira, que é a xera riqueza. Como consecuencia da crise, os bancos necesitaron dos cartos públicos para non quebrar e agora están utilizando eses cartos para especular. E isto é posible porque un sector da política traballa ao servizo dos bancos e non ao servizo das persoas. E tamén porque hai unha cultura dominante da lei do máis forte, e están en entredito todos os espazos colectivos de defensa da comunidade. En vez de defender os nosos dereitos a través da política, dos sindicatos ou da cultura, estamos enfrontados os uns aos outros, ensináronos a pensar mal de nós mesmos. Por iso digo que sufrimos unha crise cultural.

Que pode facer a cidadanía?

A cidadanía debe tomar en serio o seu propio poder, porque o desprestixio da política é en realidade un desprestixio do poder da cidadanía. Estase asumindo a situación con fatalidade, en lugar de rebelarse. Prima o medo e o rancor, o medo a perder o traballo, a que a situación empeore, é coma o medo dos escravos; e o rancor, non se fan análises das causas da crise e das políticas, e chámase a actuar por odio. A xente votou a Rajoy por rancor a Zapatero e mañá farán o contrario, en lugar de votar por valores e por rebeldía.

"As reformas laborais que se foron aprobando nos últimos anos deixaron os traballadores nunha situación de gran debilidade, e agora para un traballador ir á folga significa sinalarse"

Terá éxito a folga xeral do 29M?

Está moi difícil a cousa. As reformas laborais que se foron aprobando nos últimos anos deixaron os traballadores nunha situación de gran debilidade, e agora para un traballador ir á folga significa sinalarse. O peso da economía española está na pequena e mediana empresa, que se está arruinando pola falta de crédito dos bancos, e estes traballadores poden perder o seu traballo e non queren arriscarse, ou nalgúns casos non poden permitirse perder un día de salario. Os sindicatos téñeno moi difícil, porque ademais van ter todos os medios de comunicación en contra.

Luís García Montero © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.