Historias e visións dun veto a Vidal Bolaño

Cartaz de 'Agasallo de Sombras' Dominio Público Praza Pública

Botamos a vista atrás para repasar o coñecido affaire Portomeñe, un enfrontamento de ideas e palabras entre o conselleiro de Cultura daquel momento e o escritor nos primeiros pasos do Centro Dramático. Un Centro que lle pecharía as portas en 1985 ao non ser aceptado como actor para a montaxe de Follas novas e abrindo un debate sobre a autonomía teatral no seo da profesión 

“Durante a distribución de Agasallos tiven unha rifa co conselleiro de Cultura. Daquela era Vázquez Portomeñe. Foi unha polémica en prensa moi dura. Fundamentalmente porque eu dixen que esa institución [o CDG] non tería moito futuro mentres permanecese ligada aos intereses caprichosos e aculturais dun conselleiro que non tiña por que ter intereses coincidentes cos nosos e que, ademais naquel caso, estaba claro que non os tiña, porque o que menos lle importaba era o teatro”. O propio Vidal Bolaño, nunha entrevista con Paco Macías en 1993, lembraba con estas palabras a polémica coa que principiara o coñecido affaire Portomeñe. Nesa conversa co editor de Positivas, publicada a semana pasada por La Voz de Galicia e analizada previamente por Fernández Castro na súa tese de doutoramento sobre Vidal Bolaño, o dramaturgo ofrecía a súa visión dun capítulo acontecido unha década antes, no amencer dun Centro Dramático Galego que, por aquel entón, daba os seus primeiros pasos con dúas producións dirixidas por Xúlio Lago e polo propio Vidal Bolaño.

A do escritor compostelán era un texto propio, unha peza ideada nun principio para Antroido e que finalmente levou a cabo coa compañía de teatro público. Tratábase do Agasallo de sombras, no que Vidal Bolaño ofrecía unha visión rompedora e nada displicente sobre a imaxinaría oficial da poeta Rosalía de Castro. Esa montaxe estreábase o 2 de outubro de 1984 en Vigo, dous meses despois da primeira obra do CDG, o Woyzeck dirixido de Xúlio Lago.

 

A estrea de Agasallos

Unha Rosalía avellentada e outra máis nova coincidían na escena e como se retrataban as súas relacións con personaxes como Aurelio Aguirre, Pondal ou un Murgía, cuxa representación espertou varias críticas

O Teatro García Barbón acolleu a estrea da primeira obra dun autor galego realizada polo Centro Dramático e, para tal ocasión, un bo número de autoridades acudiron ao convite. Entre a plana maior de autoridades invitadas tan só deixara a súa butaca baleira o presidente da deputación de Pontevedra, un tal Mariano Rajoy Brey. O presidente da Xunta daquela, Fernández Albor, o seu conselleiro de Cultura, Vázquez Portoñeme, presenciaron, entre outros membros destacados da sociedade viguesa como Valentín Paz Andrade, como polo escenario unha Rosalía avellentada e outra máis nova coincidían na escena e como se retrataban as súas relacións con personaxes como Aurelio Aguirre, Pondal ou un Murgía, cuxa representación espertou varias críticas. En definitiva, as autoridades presenciaron unha desmitificación da biografía de Rosalía de Castro. “En Agasallo de sombras introdúcese a desacralización da figura de Rosalía. Déixase de representala como a chorona, era unha personaxe con aristas”, lembra o doutor Luís Álvarez Pousa, por aquela época director xeral de Cultura.

Xesús Alonso Montero escribía no diario vigués que “Rosalía esixe a berros en vésperas do centenario da súa morte, lecturas que a desmitifiquen. Nenembargantes , a proposta de Vidal Bolaño é un pouco infantil”

Sobre esa desmitificación da figura rosaliana opinara daquela Alonso Montero nun artigo en Faro pouco despois da estrea. Tal e como recolle o libro A obra dramática de Vidal Bolaño, de Fernández Castro, Xesús Alonso Montero escribía no diario vigués que “Rosalía esixe a berros en vésperas do centenario da súa morte, lecturas que a desmitifiquen. Nenembargantes , a proposta de Vidal Bolaño é un pouco infantil”. Alonso Montero mesmo convidaba ao creador a que se documentase máis sobre a personalidade da protagonista. “Pódelle servir para repensar o propio espectáculo e, tamén, para achegamentos máis ou menos semellantes”, concluía o hoxe presidente da Real Academia Galega.

 

As declaracións e o futuro do CDG

Tras a estrea en Vigo, a obra iniciou o seu periplo polos escenarios galegos e chegou en decembro a súa última praza, Ourense. Foi alí, en rolda de prensa, onde Vidal Bolaño realizou unhas declaracións de denuncia sobre a actitude do conselleiro de Cultura ao redor do Centro Dramático Galego. O escritor advertía do perigo da súa desaparición e as sabotaxes de Portomeñe a autonomía do mesmo. Aí comezaba o affaire Portomeñe, que acabaría derivando no coñecido veto que se produciría un ano despois, xusto no centenario da morte de Rosalía de Castro. “Vidal Bolaño, director de Agasallo de sombras: Según Vázquez Portomeñe somos unha panda de anarquistas”, titulaba a información dun xornal, no que se podía ler a Vidal Bolaño dicir textualmente: “Segundo o criterio do señor Portomeñe somos unha pandilla de anarquistas y nacionalistas radicales, e ao mellor iso parécelle razón suficiente para poñer en cuestión a continuidade do Centro”.

“Segundo o criterio do señor Portomeñe somos unha pandilla de anarquistas y nacionalistas radicales, e ao mellor iso parécelle razón suficiente para poñer en cuestión a continuidade do Centro”

Os periódicos daqueles días recollían fragmentos das declaracións, tal e como reflicte o libro de Fernández Castro de onde as extraemos agora. “O conselleiro retén o proxecto de lei redactado hai cinco meses que asegurarían a continuidade e négase a falar do tema co director xeral de Cultura, quen solicitou reiteradamente entrevistas con el para tratar este asunto”, dicía en concreto La Voz de Galicia. “A Lei que daría vida autónoma ao centro está retida por Vázquez Portomeñe -sinalou Vidal Bolaño- que non lla presenta ao Parlamento, segundo os datos que eu teño”, continuaba o diario coruñés.

“Cae nun enredo, fixo esas declaracións dicindo o que pensaba, cae na trampa de enfrontarse cunha estrutura máis forte ca el. Non tiña a vontade de ir como un kamikaze para conseguir algo que, a esas alturas, estaba fóra realmente da súa man”

As palabras de Vidal Bolaño foron respondidas pola Consellería de Cultura a través dunha nota de prensa, varios días despois, nas que se garantía a continuidade do Centro Dramático Galego. Esa nota facía referencia a unha reunión que mantiveran Vázquez Portomeñe e o primeiro director da institución de teatro pública, Eduardo Alonso. A xuntanza celebrárase o día seguinte de que se producisen as declaracións de Vidal Bolaño. “A Vázquez Portomeñe, esas declaracións non lle gustaron. A min tampouco. Reunímonos os dous e Portomeñe dime que hai que eliminar as roldas de prensa dos actores, que non lle parecía oportuno que houbese roldas de prensa para insultalo. Vidal Bolaño chamáralle analfabeto, entre outras cousas. Eu díxenlle que iso non podía ser, que non se podían eliminar as roldas de prensa. Os actores e os directores tiñan que falar dos seus espectáculos, promocionalos. Negábame a que se eliminasen”, lembra o propio Alonso, quen chega a cualificar as palabras do director de Agasallos de “desafortunadas”. “Foi un golpe á liña de flotación do CDG”, explica dende o seu punto de vista Eduardo Alonso.

Para Fernández Castro, cuxo libro recolle e analiza as informacións dos xornais citados, Vidal Bolaño meteuse nunha lea sen querelo. “Cae nun enredo, fixo esas declaracións dicindo o que pensaba, cae na trampa de enfrontarse cunha estrutura máis forte ca el. Non tiña a vontade de ir como un kamikaze para conseguir algo que, a esas alturas, estaba fóra realmente da súa man”, explica o investigador. O que quería conseguir,  non era outra cousa, segundo o estudoso, que independencia para a escena do país. “A clave fundamental da lea era que Vidal Bolaño comezou querendo un teatro independente e despois quixo un teatro público non dependente. Iso intentouno, soñou que era posible darlle unha categoría de ente autónomo ao CDG para non estar dependendo de ningún político. Tanto el como outras persoas estaban dando esa batalla, pero era quizais un obxectivo demasiado ambicioso para ese ano 1984. E caeu no enredo, que lle pasou factura”, reflexiona Fernández Castro.

Un ambicioso proxecto que chocaba coas circunstancias do momento e coa idea -ou a ausencia dela- do conselleiro do ramo nese momento. E iso foi o que quixo denunciar Vidal Bolaño nesas declaracións contra un conselleiro Portomeñe con fortes discrepancias co director xeral de Cultura.

 

Os enredos na consellería

“Vivín un boicot de Portomeñe, chegou a crear unha dirección xeral paralela para retirarme capacidade de decisión en todos os ámbitos”, explica, dende o seu punto de vista, Álvarez Pousa

A continuidade do Centro Dramático, que se constituíra pouco antes entre conversas entre o director xeral Álvarez Pousa e representantes do teatro profesional da época, estaba cuestionada e daba a sensación de que o proxecto de lei para dotalo de autonomía esmorecía pola actitude de Portomeñe.  Iso denunciaba Vidal Bolaño coas súas palabras en Ourense, onde tamén se deixaba ás claras a situación no seo do departamento cultural da Xunta, non libre tampouco de enredos. “Vivín un boicot de Portomeñe, chegou a crear unha dirección xeral paralela para retirarme capacidade de decisión en todos os ámbitos”, explica, dende o seu punto de vista, Álvarez Pousa, quen ocupou o posto durante 13 meses, dende a súa chegada da man de Barreiro Rivas e cunha promesa de liberdade de movemento.

E todo acabou, segundo Pousa, en “boicot” á súa xestión. Por que? “Vázquez Portomeñe era un ignorante, non tiña idea de cultura e estaba moi ocupado en comprar vontades. Non tiña parroquia que o apoiase no partido e houbo un momento en que se puxo moi nervioso”, sostén. Ese nerviosismo produciuse, para o tamén xornalista, cando chega unha carta do líder de AP, Manuel Fraga, aínda tentando conseguir ser alguén en Madrid. “Nesa carta pedíalle contas a Portomeñe polas actuacións en cultura e iso púxoo moi nervioso”, insiste Pousa.

“Vázquez Portomeñe era un ignorante, non tiña idea de cultura e estaba moi ocupado en comprar vontades. Non tiña parroquia que o apoiase no partido e houbo un momento en que se puxo moi nervioso”, sostén

No eido teatral, o partido que sustentaba o goberno daquela tampouco parecía moi satisfeito e Portomeñe uníase a esa liña. “El dixo despois que non lle gustaba a programación feita polo CDG, que non estivera nunca de acordo. O asunto é que a programación non lle gustaba a xente do partido. A primeira montaxe, Woyzeck, era antimilitarista e saíran acojonados. Despois chegara Agasallo de sombras, coa desacralización da figura de Rosalía”, lembra o ex director xeral de Cultura.

Neses mesmos tempos, a dirección xeral traballaba na lei á que facía referencia Vidal Bolaño nas súas declaracións. Unha lei para concederlle independencia ao CDG como ente autónomo, obxectivo pactado nas conversas entre a dirección xeral e os profesionais do teatro no nacemento do organismo de teatro público. “A nivel orgánico dependía nese momento da consellería, e puxéramos un proxecto en marcha para impulsar un ente autónomo”, apunta nese senso un Álvarez Pousa que acabaría dimitindo a comezos do ano seguinte, pouco tempo despois de que Vidal Bolaño falase en Ourense e que lle replicara ao conselleiro, a través da prensa, de que querían “feitos e non palabras” para asegurar a continuidade e a autonomía do Centro Dramático Galego.

Roberto Vidal Bolaño en Caprice des dieux © Tino Viz
Cartaz de 'Agasallo de Sombras' Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.