O sector das artes escénicas manifestarase o día 27 contra os recortes

Protesta dos actores e actrices galegas polos recortes © Escena Galega

Os traballadores e traballadoras do teatro, a danza e o circo de Galicia agrupadas na Plataforma das Artes Escénicas, chaman a unha mobilización en Compostela o vindeiro día 27, coincidindo co Día Mundial do Teatro. A manifestación sairá da Alameda ás sete da tarde e ás oito e media terá lugar no Salón Teatro un acto reivindicativo. 

A Plataforma, da que forman parte a Asociación de Actoreres e Actrices de Galicia, a Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas (Escena Galega), a Asociación de Danza Escénica Galega, a Asociación de Festivais de Artes Escénicas, a Asociación de Ilusionistas Galegos, as salas de teatro privadas, Unima Galicia, a Asociación de Profesionais do Circo de Galicia e a Asociación de alumnas da ESAD, reclama que os organismos gobernamentais "teñen que velar polo dereito que a cidadanía ten a disfrutar da cultura".

O obxectivo da mobilización é "visibilizar diante da cidadanía" a situación do sector

En opinión de Salvador del Río, presidente de Escena Galega, o obxectivo da mobilización é "visibilizar diante da cidadanía" a situación do sector, e facela partícipe, "porque afecta ao seu dereito a gozar dunha cultura propia". Del Río advirte que se o sector se atopa nunha situación de incerteza, e denuncia incumprimentos nos pagos, o que obriga o sector a elevar a súa voz.

Alertan de que o sector se atopa "nunha situación de verdadeiro risco" por mor dos recortes das achegas públicas, que cifran nun 40% dende o 2009, o que pon en perigo o traballo de dúas mil persoas

Nun comunicado a Plataforma asegura que as artes escénicas son "un perfecto exemplo histórico dunha xestión óptima de recursos públicos no que á relación cantidade-calidade se refire" e salientan o seu carácter de "iniciativas privadas, xestionadas desde a sustentabilidade e, en moitas ocasións con boas doses de autoemprego". Alertan de que o sector se atopa "nunha situación de verdadeiro risco" por mor dos recortes das achegas públicas, que cifran nun 40% dende o 2009, o que pon en perigo o traballo das dúas mil persoas que en Galicia traballan nas artes escénicas. Salvador del Río chama a atención sobre a importancia dos sector, a pesar da súa relativa invisibilidade: "o que pasa é que estas dúas mil persoas estás dispersas por todo o país, se traballasen nunha única empresa, os seus problemas serían tidos máis en conta".

Salvador del Río reclama que "non somos o sector que recibe máis axudas"

A meirande parte destes traballadores e traballadoras están contratadas en pequenas empresas de tres ou catro postos, creadas para dar autoemprego, e que corren o risco de desaparecer, asegura Del Río, que pide "acabar co mito das subvencións" e reclama que "non somos o sector que recibe máis axudas", salientando que "en moitos casos devolvémoslle ao Estado, en IVE e achegás á seguridade social, o triplo do que recibimos". "Calquera sociedade sabe da importancia da cultura, pero nós tamén lle queremos poñer cifras a esa importancia", di Salvador del Río, que lembra que na cultura, "co pouco diñeiro público que se dá, xérase moita riqueza". 

A mobilización do día 27 finalizará no Salón Teatro, coa lectura dun manifesto e de diversas mostras de apoio de persoas destacadas do mundo da cultura. Ademais, faise un chamamento a que as persoas que o desexen realicen calquera tipo de acción relacionada coa súa actividade artística, que se improvisará nese momento. "É unha manifestación pública, na que queremos implicar a cidadanía. É unha manifestación moi seria, como pode facer calquera sector. Pero así como os traballadores no naval levan o mono, nós tamén podemos levar os elementos que identifican a nosa profesión", conclúe Salvador.

Protesta dos actores e actrices galegas polos recortes © Escena Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.