“No agro as formas de protesta utilizaban o propio discurso do franquismo”

Araceli Freire © Montse Dopico

O mito da Galicia leal ao franquismo revélase máis feble con cada unha das novas investigacións historiográficas que cuestionan a imaxe dos labregos como aliados do réxime. A comprensión da lóxica propia dos movementos sociais do agro foi un paso fundamental neste proceso, ao que a historiadora Araceli Freire achegou unha perspectiva non tan desenvolvida, que é o estudo do protagonismo feminino. O seu libro O monte é noso. As mulleres e a conflitividade social no medio rural galego durante o franquismo gañou o premio Xohana Torres de Ensaio, e acaba de ser editado desde o Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago.

Xa Eduardo Rico Boquete ou Carlos Velasco sinalaran o papel de vangarda das mulleres na contestación das políticas agrarias. Por que os historiadores non seguiron tanto por aí?

Eu creo que por descoñecemento das fontes ou porque non se pensaba que o papel das mulleres tivera a dimensión que tivo. Eduardo Rico foi o primeiro que me entregou un documento da Dirección Xeneral de Seguridade que fala de como mulleres se tiraron en Cerceda diante da maquinaria agrícola para impedir o paso dos operarios do Servizo de Repoboación Forestal. Pois resulta que isto non foi un comportamento anecdótico, senón xeneralizado. O propio réxime atribuíulle á muller o papel de garante da da supervivencia familiar, e elas resgardáronse nesta máscara para evitar a represión. Así conseguiron enfrontarse mesmo á Garda Civil, sendo só multadas ou condenadas a arresto domiciliario...

"O propio réxime atribuíulle á muller o papel de garante da da supervivencia familiar, e elas resgardáronse nesta máscara para evitar a represión"

A túa obra baséase en parte na análise de J. Scott sobre as formas de resistencia cotiá. Entre nós, historiadores coma Ana Cabana ou Antom Santos adoptaron a mesma óptica: a microhistoria, as prácticas cotiás, alén da visión macro, estruturalista. En que medida o teu traballo é debedor do deles?

Con Ana Cabana estou, de feito, preparando un artigo para presentar en Lisboa. A teoría de Scott é aplicable a todo conflito desenvolvido nun contexto ditatorial. Eu compártoa en case todo, e ademais é, si, a tradición do departamento de Historia Contemporánea e de América.  

Por que o monte veciñal de uso común era tan importante na economía rural?

Podías utilizar unha parte proporcional ás terras que tiñas. O toxo era fundamental para abonar as terras. Tamén se cultivaban cereais no monte, e levábase o gando a pacer. A partir dos anos 60, xa hai novos fertilizantes e reoriéntanse os usos do monte, pero o que os labregos non queren é quedar excluídos dos beneficios da reforma forestal.

As formas de conflitividade social no rural non encaixaban moito, segundo comentas, na definición de movemento social de Tilly, Tarrow ou Eric Hobsbawm, que desde a visión marxista as consideraría xeitos “primitivos” de conciencia de clase. Pero con E. Wolf abriuse unha nova perspectiva. Que distingue a loita no agro da urbana?

No agro adoptaba formas máis encubertas. Presentábanse como non premeditadas, non organizadas, fronte ás urbanas, que responden a unha ideoloxía política e amosan a organización que as articula. No campo o obxectivo non era ir contra o Estado, contra o réxime, senón defender cuestións concretas. No agro as formas de protesta utilizaban o propio discurso do franquismo, por exemplo a imaxe da muller como administradora do fogar. Foron intelixentes nisto. Na cidade expoñíanse máis, ao ser todo máis evidente.

Se cadra esa mesma imaxe que as propias mulleres proxectaron: o discurso de que só pretendían que as súas familias sobrevivisen, contribuíu a facer que a súa loita se considerase subordinada, secundaria...  

Tamén a propia dificultade para dar coas fontes. Porque no caso do agro atópanse moi dispersas, illadas... Están nos arquivos das deputacións provinciais, no Arquivo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza... E isto non pasa tanto coas fontes para estudar o sindicalismo urbano.

"A terra é moi importante para elas porque loitaron moito para tela, e ademais é parte fundamental da súa identidade"

Tamén fixeches entrevistas orais. Foi difícil acceder ás fontes?

Fun conseguindo entrar nas casas a través de coñecidos da miña idade que me foron presentando xente. A primeira vez tenteino soa, e non conseguín nada. Parte das mulleres daquela mobilización de Cerceda da que falei antes viven e estaban reunidas na casa dunha delas, que nada máis comezar preguntoume: “non me iredes quitar o monte?”. A terra é moi importante para elas porque loitaron moito para tela, e ademais é parte fundamental da súa identidade.

Ana Cabana salientou na súa tese a continuidade dalgunhas formas de loita no agro no franquismo con respecto a antes do 36, malia que, como demostraron Miguel Cabo Villaverde ou Lourenzo Fernández Prieto, a organización agraria de antes da guerra foi desartellada coa ditadura. Como é isto?

Hai continuidade non só cara atrás, senón cara adiante, nos modos de actuar. Hai pautas que se repiten na loita dos 70-80, contra os embalses por exemplo. O que pasa é que xa coa democracia non era necesario utilizar as máscaras das que antes falabamos. Como en Galicia non houbo case guerra civil, e o franquismo consideraba os labregos os seus leais, aquí foi máis doado ese aproveitamento do discurso franquista para a defensa dos intereses do agro, en comparación con outros lugares do Estado.

Como en Galicia non houbo case guerra civil, e o franquismo consideraba os labregos os seus leais, aquí foi máis doado ese aproveitamento do discurso franquista para a defensa dos intereses do agro

Tras unha primeira etapa de oposición máis ou menos institucionalizada á política forestal, -a través de cartas enviadas ás administracións-, viñeron as formas máis directas e violentas, segundo explicas, ante o fracaso das primeiras. Incendios, por exemplo. Cales foron as distintas fases?

Primeiro foi o pastoreo ilegal, cortar árbores para a leña, ou coller esquilmas... Nunha primeira fase hai denuncias dos xefes de brigada dos distritos forestais por estas cousas. Nos anos 50-60 xa aparecen formas de resistencia máis violentas, coincidindo coa apertura do réxime. Os labregos aproveitan a estrutura de oportunidades políticas así aberta: a relativa moderación da represión, a perda de lexitimidade do sistema...

Daniel Lanero estudou as políticas agrarias do franquismo, deseñadas desde arriba e sen ter en conta a opinión dos labregos, aos que se dirixían cun discurso paternalista. De fondo atópase a integración no mercado capitalista, e a Revolución Verde, descrita por Lanero como unha imitación do modelo americano.

Eu creo que máis que considerar aos labregos parvos, o que pasa é que as políticas se deseñaron desde arriba, como segue pasando, e tendo en conta só os beneficios do Estado. O discurso da autarquía económica, da etapa anterior do franquismo, seguía pesando. E para acadar esa autosuficiencia era fundamental a riqueza do monte. O Estado definía o monte como de uso comunal, entón propiedade da administración. Pero en realidade era monte veciñal de uso común, o que significa que tanto a propiedade como a xestión é dos veciños.

De que modo esa actitude por parte do Estado continúa hoxe, entón? A túa conclusión é que as protestas das mulleres no franquismo tiveron un éxito relativo. Conseguiron cambios lexislativos a longo prazo. Pero o uso do monte xa mudara para sempre.

É que o uso pasou de ser gandeiro e agrícola a forestal. Como xa non daba tantos beneficios, a consecuencia foi o abandono do monte. O éxodo rural tamén influíu moito, e agora temos os incendios que temos porque o monte non se limpa, e porque se producen de moto intencionado tamén. Pero si se están a producir experiencias interesantes de recuperación dos usos do monte. Hai pouco tivemos un curso en Ribadeo sobre agroecoloxía, e parece que si hai políticos que están entrando nese debate. Pero queda moito por facer, e é certo que as políticas seguen deseñándose sen contar cos labregos.

Aspectos da división sexual do traballo como o coidado dos fillos, ou a responsabilidade sobre a economía do fogar, facilitan a aparición de redes

A achega principal das mulleres, e o que distingue a súa participación na loita é, segundo explicas, a cohesión comunitaria que serviu de sostén ás protestas. As redes de amistade e solidariedade entre veciños.

As mulleres son as que articulan as comunidades, aínda agora. Aspectos da división sexual do traballo como o coidado dos fillos, ou a responsabilidade sobre a economía do fogar, facilitan a aparición de redes. As mulleres encargábanse do estraperlo, dos traballos de axuda mutua no campo... Hai que ter en conta que moitos homes emigraran, e elas quedaran cos fillos. Ademais as mulleres gardan a memoria da tradición de loita agraria.

Os obxectivos non eran políticos, se por isto se entende o derrocamento da ditadura. Era máis ben manter o status dos labregos, ou tal como explica Ramón Villares manter a súa posición social e o seu control da terra. Pero a conflitividade social si tivo consecuencias políticas, segundo conclúes. Como foi?

A cuestión é que se producía unha contradición evidente entre o discurso do réxime o seu xeito de actuar. Porque se presentaba como pro-mulleres e pro-agro, e despois atacaba as mesmas persoas que dicía defender: as mulleres labregas. E isto foi aproveitado polas formas de disidencia política. O xornal voceiro do PC, por exemplo, publicaba noticias sobre as protestas galegas no campo. De igual xeito, o ideal de muller da Sección Femenina era cuestionado pola propia realidade: as mulleres labregas traballaban fóra da casa, -as propias autoridades ofrecíanlles traballo en concepto de xornais-, e saían á esfera pública para defender os seus intereses.

Producía unha contradición evidente entre o discurso do réxime o seu xeito de actuar. Porque se presentaba como pro-mulleres e pro-agro, e despois atacaba as mesmas persoas que dicía defender: as mulleres labregas

As mulleres non eran, dis, nin completamente dependentes nin completamente autónomas. Pero o que está claro é que non foron submisas e servís, como a propaganda franquista afirmaba. Por que en Galicia houbo certo espazo para a protesta, entón?

Non eran de todo autónomas porque legalmente non podían selo. Para emprender calquera acción xudicial, por exemplo, dependían do pai ou do marido. Pero tampouco eran totalmente dependentes, como se defendeu desde unha tradición androcéntrica. No caso de Galicia, ocorre que a represión non foi igual que por exemplo en Andalucía ou no Levante, onde a resistencia ao golpe foi máis forte.

A investigación de ‘Nomes e Voces’ está a demostrar, porén, que a represión foi moito maior do que se pensou durante moito tempo.

Si, claro, houbo moita represión, pero neste caso estamos a falar de aldeas pequenas, nas que os labregos conseguiron mesmo enfrontarse á Garda Civil. Hai moitas cousas por estudar aínda, de todos os xeitos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.