0 Gardados para despois

Díaz Castro, o poeta dun só libro que removeu as conciencias galegas

Redacción | @prazapublica

Xosé María Díaz Castro será homenaxeado no Días das Letras Galegas de 2014. Esa foi a decisión que onte tomou a Academia, que cualifica o poeta nado en Guitiriz en 1914 como "un poeta evidente e non hermético, patriótico no sentido menos panfletario do termo", tal e como destacou o seu presidente, Xesús Alonso Montero.

'Nimbos', a súa única obra publicada, denunciu a pasividade da sociedade galega e foi referencia de moitos escritores posteriores

O autor da parroquia dos Vilares publicou unha única obra, Nimbos (Galaxia, 1961) que, no entanto, foi de gran influencia para unha morea de escritores posteriores. A súa denuncia da pasividade da sociedade galega, especialmente no seu coñecido poema Penélope, segue a ser lembrado por moitos galegos que viron naqueles versos o necesario movemento das conciencias. "Un paso adiante i outro atrás, Galiza, i a tea dos teus sonos non se move".

Membro, xunto con Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro e Iglesia Alvariño entre outros, da chamada escola mindoniense, Díaz Castro mantivo ao longo de toda a súa vida, e "malia súa condición de funcionario residente en Madrid, un fondo compromiso coa cultura galega do seu tempo", tal e como destaca a RAG.

A elección de Díaz Castro chegou logo de que os académicos optasen por el entre un grupo no que tamén se incluían Ricardo Carvalho Calero, Xosé Filgueira Valverde ou Fiz Vergara Vilariño, os dous primeiros eternos candidatos e o outro lucense como segunda opción máis votada.  Finalmente, o escritor proposto pola asociación Xermolos, o activo colectivo do seu concello, resultou o elixido.

Será o recoñecemento a un autor que disque sabía máis dunha ducia de idiomas e que traduciu ao galego e ao castelán unha morea de obras de diferentes linguas. Estudante no Seminario de Santa Catalina, en Mondoñedo, viviu un tempo en Madrid ata que regresou á súa aldea de Guitiriz a mediados ao final da súa vida e morreu en Lugo en 1989.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.