Roubaron o cráneo de Castelao?

Sartego de Castelao en Bonaval CC-BY Certo Xornal

"Pertence a Castelao o cranio que hoxe se encontra no Panteón de Galegos Ilustres? Foi tal vez suplantado?". Ao redor destas preguntas desenvólvese O Crânio de Castelao (Através Editora), unha obra colectiva, escrita por once autores: os galegos Carlos Quiroga, Antón Lopo, Suso de Toro, Quico Cadaval, Xavier Queipo e Xurxo Souto, e mais Miguel Miranda (Portugal), Bernardo Ajzenberg (Brasil), Germano Almeida (Cabo Verde), Possidónio Cachapa (Portugal) e Luís Cardoso (Timor). Un diálogo entre a literatura galega e o mundo da lusofonia, un proxecto iniciado en 2000 e que por fin ve a luz.

A obra preséntase este martes 23 de xullo, ás 19.30 horas, no túmulo de Castelao, na Igrexa de San Domingos de Bonaval, en Compostela. No acto participarán varios dos autores: Antón Lopo, Miguel Miranda, Quico Cadaval, Suso de Toro, Xavier Queipo e Carlos Quiroga.

A historia deste libro nace no ano 2000, ao redor do encontro Galego no Mundo-Latim em Pó, inserido na programación de Santiago Compostela, Capital Europea da Cultura 2000. O escritor e profesor de Literaturas Lusófonas da Universidade de Santiago, Carlos Quiroga, propuxo unha forma orixinal de conmemorar a conexión entre o galego-portugués: esta novela en folletín en once capítulos escritos cada un por un autor distinto, de Galicia, Portugal, Brasil, Cabo Verde e Timor. Os catro primeiros capítulos estaban preparados nas semanas anteriores ao Encontro e prevíase a publicación semanal do folletín en tres xornais do Brasil, Portugal e da Galicia, ao ritmo dun capítulo por semana. Porén, isto finalmente no se produciu, segundo o coordinador, debido a "misteriosas intrigas".

Trece anos despois finalmente O Crânio de Castelao viu a luz. primeiro no Brasil por vía do periódico literario Rascunho, en Portugal por medio do prestixioso Jornal de Letras, e en Galicia no semanario Sermos Galiza. E agora chega tamén en forma de libro.

A historia parte do furto do cranio de Castelao. Un Catedrático de Medicina pídelle a un discípulo que o procure e nesa busca, que leva o mozo por varias xeografías de Portugal, Cabo Verde, as Azores e o mesmo Índico, interfere a filla do vello profesor. O cranio foi substituído por outro e os medios conseguen facer crer que o roubo fóra apenas unha ficción literaria ligada ao mencionado Encontro Galego no Mundo-Latim em Pó. "Aconteceu tal roubo? Pertence a Castelao o crânio que hoje se encontra no Panteão de Galegos Ilustres? Foi talvez suplantado? E é tudo Literatura ou existe alguma realidade por trás desta narrativa...?", pregúntase a propia obra.

 

Cartaz de promoción de Un ollo de vidro © http://www.castelao.galiciaespallada.com.ar
Sartego de Castelao en Bonaval CC-BY Certo Xornal
Dominio Público Através Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.