Carlos Abeijón e Francisco López Riopedre, gañadores do Seara.mov

Cartaz do Seara.mov Dominio Público Seara Records

Este sábado entregáronse os premios aos vencedores do Seara.mov, certame internacional de curtametraxes e videoclips de baixo custe, que se veu celebrando en Vigo, detrás do Marco, dende o pasado xoves. Francisco López Riopedre fíxose co premio na categoría de curtas con W T R N. No apartado de videoclips o gañador foi Carlos Abeijón, con Killer, o traballo que realizou para o grupo Saxmansex.

As curtametraxes Lampreas, de Martín González, e No tiene gracia, de Javi Camino, foron finalistas, o mesmo que os clips musicais Hajnal, de Julia Huete para Venetian snares e Ciervos y demás trofeos, de Marta Gómez para Estrambote. Estes seis traballos proxectáronse na sesión de clausura do certame, que foi seguida por un concerto de Puma Pumku, Lendrone e The Cobras na Iguana Club.

Foi o peche a tres días de proxeccións audiovisuais, pero tamén de representacións teatrais, como a realizada por 8 MM, e concertos, a cargo de CRÓ!, Es un Árbol, e tamén de Jay, Lobishome e Mullet, que actuaron a pasada semana na festa de presentación. Tamén se puido ver o documental Galicia Hi-Fi, que explora a actualidade da creación musical en Galicia e analiza como funciona a música independente actual, o uso de redes sociais e das novas tecnoloxías.

O evento completouse coa inauguración da exposición A escena impresa, que reúne 12 cartaces de 12 artistas galegos elaborados para diferentes concertos celebrados en Galicia nos últimos meses, con obras de Rubén Domínguez, Teresa Ferreiro, Berto Fojo, Begoña García, Andrés Magán, Alexandra Padín, Santi Paredes, Pelucas, Óscar Raña, Natalia Umpiérrez, Roberta Vázquez e Santi Zubizarreta.

Cartaz do Seara.mov Dominio Público Seara Records

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.