0 Gardados para despois

Chantada Films: "Baixo a terra non só hai merda. Está o mellor"

Redacción | @prazapublica

A XXXV Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo dedica ao longo desta semana un ciclo á produción de Chantada Films, unha pequena produtora independente que leva trece anos poñendo en imaxes un bo número de historias, con escasos medios e moita vontade e imaxinación. O Auditorio Gustavo Freire acollerá este martes ás 22.45 a proxección de Lola, o mércores á mesma hora O Labirinto Ario, e o xoves Garabolis. Filmes todos moi distintos e dificilmente encadrables nunha etiqueta, alén do Rural Undergrond apuntado por Alfonso Pardo, presidente de Chantada Films, con quen falamos: "baseámonos en accións tradicionais, potenciando a cultura popular, experimentando cos recursos rurais e fomentando a participación vecinal”.

Como nace Chantada Films?

De forma casual, coa lectura do libro Feliz Ano Novo do escritor brasileiro Rubém Fonseca. Nas páxinas interiores, o mar de letras do conto Amarguras dun mozo escritor convertíanse en imaxes. Era coma se estivese lendo un cómic imaxinario e decidín adaptalo ó audiovisual por aquel entón en formato analóxico. O resultado foi Punto e final (1999), unha pioneira mediometraxe do sur lucense na que participaron como actores e produtores máis de 200 veciños. A banda sonora realizouna o grupo local CMA (Colectivo Musical Autónomo) e o deseño do cartaz o debuxante de cómics underground Nazario Luque (El Víbora).

Rural Underground son "curtas autóctonas de falsificación voluntaria da realidade, cuxos relatos fílmicos intentan defender a nosa lingua, reflectir os núcleos tradicionais, potenciar a cultura popular, experimentar cos recursos rurais da comarca e fomentar a participación dos veciños no cinema"

Que é o Rural Underground?

Rural Undergrond é unha sorte de selo de calidade e orixinalidade, un método expresivo de revolución estética vangardista que utiliza mecanismos narrativos para construír unha realidade alternativa. Curtas autóctonas de falsificación voluntaria da realidade, cuxos relatos fílmicos intentan defender a nosa lingua, reflectir os núcleos tradicionais, potenciar a cultura popular, experimentar cos recursos rurais da comarca e fomentar a participación dos veciños no cinema. Neste peculiar caledoscopio subterráneo, penso que baixo a terra non só hai merda. Está o mellor.

O cómic, dende logo, ten unha importancia clave nos vosos filmes, verdade?

Son da xeración que mergullaba os ollos no Tío Vivo e Mortadelo e Filemón. Un amante dos tebeos que co tempo foise adaptando a novas creacións e gustos; coleccionista impulsivo de cómics e planchas orixinais; estudoso da banda deseñada e poseo unha das mellores colecciones do xénero de terror e vampírico dende os anos 40 ata hoxe. Escribín reportaxes e crítica de B.D. en A Nosa Terra Dixital e hoxe colaboro no blog Qadriños de Praza Pública. Por todo iso, é quizais unha teima persoal o introducir a debuxantes de tebeos nos carteis das nosas producións. Nazario en Punto e Final, Pedro Vera –El Jueves- en O labirinto ario, o humorista gráfico Xaquín Marín en Garabolis e Joan Boix –Hazañas Bélicas, Creepy- en Lola, que é unha adaptación dun cómic do autor francés Max Cabanes.

Ti afondaches na historia do cinema na comarca. Unha longa historia, non si?

Nas páxinas do libro Crónicas Chantadinas, coordinado polo xornalista Andrés Pavón, asinei o estudo Apuntamentos para unha historia da cinematografía en Chantada, onde sinalo que a cultura visual se implanta no ano 1912 grazas a sociedade recreativa La Liga de Amigos con exhibicións e veladas cinematográficas. A principios dos anos 30 instálase en La Terraza a primeira sala de cine sonora estable, continuando Cinema Iris e Cervantes. Entre 1941 e 1983 os cines Capitol e Yeca dan o máximo esplendor na súa época, apagando ó proxector o Cinema López Otero, inaugurado en 1990 e pechando as súas portas dous anos máis tarde. O cine Yeca inaugurado o 18/10/1958 polos irmás Cabezas e Perfecto Yebra Fernández era un edificio cun total de 1.200 metros cadrados, aforo de 800 localidades, equipado cun moderno aparato de aire acondicionado Termobloc Wanson e cun proxector alemán Ossa60, chegou a cualificarse pola prensa da época coma “un dos locais máis suntuosos da provincia”. Abriu as portas ó domingo 19/10/1958 co filme animado da Walt Disney La dama y el vagabundo que por aquel entón pagaron polos dereitos de proxección 1.741,30 pesetas, foi o primeiro en estrear en Galicia a terceira versión de La casa de Troya e pechou á mirada ó espectador o 31/08/1983, sendo un dos seus últimos filmes proxectados En el estanque dorado. O estudo ofrece documentación gráfica inédita, como unha fotografía da rodaxe no Salto de Belesar da película hispano-norteamericana Fuego -1963- do director Julio Coll e fotografía de Manuel Berenguer ou momentos de descanso con extras chantadinos na película La ley de la frontera rodada en Buciños en 1995.

"Cando a implicación veciñal alcanza cotas impensables nunha pequena poboación onde os problemas de produción soluciónachos un labrego ou un mecánico de maneira desinteresada, non só compensa, senón que ofrece a enerxía necesaria para realizar novos proxectos"

Facer cinema como vós o facedes: dende abaixo, con poucos medios, compensa?

Lembro unha frase que citou a xornalista do País Silvia R. Pontevedra no seu artigo La tumba de Hitler está en Chantada, que define a nosa filosolía e existencia audiovisual: “Chantada Films é tamén unha proba empírica, que intenta demostrar ata onde pode chegar un pobo sen cine que se empeña en facer cine”. Cando a implicación veciñal alcanza cotas impensables nunha pequena poboación onde a maioría é xente maior e onde os problemas de produción soluciónachos un labrego ou un mecánico de maneira desinteresada, non só compensa, senón que ofrece a enerxía necesaria para realizar novos proxectos. Como os anuncios para internet do Festival de música Castañazo Rock ou os videoclips oficiais de Miguel Costas/Banda e o grupo de rock bravú local Liviao de Marrao.

Como chegades ao proxecto de O Labirinto Ario?

Tras máis de dous anos de investigación no asunto do planeta Ummo e as súas presuntas visitas ofrecendo información científica a determinados terráqueos; a conexión alieníxena con Dña. Margarita Ruiz de Lihory e o caso da man cortada; os científicos nazis que traballaban no soto da mansión da aristócrata; a súa amizade con Franco; a posibilidade de que Hitler escapara do bunker berlinés e as Torres nazis de Arneiro –Lugo-, puxemos fotogramas ao cualificado na revista dirixida por Manuel Carballal El ojo crítico como: “nos atreveríamos a decir que su director, ha sabido materializar en imágenes, la historia que hizo soñar, durante 30 años, a los seguidores del affaire UMMO en todo el planeta, añadiendo algunos ingredientes de su cosecha, como la presencia del mismísimo General Franco, y Adolf Hitler, en la trama de su película. Ritos satánicos incluídos…”

Rodada no Museo Pazo de Tor (Monforte), no interior do Salto de Belesar, no templo pagán de Santa Eulalia de Bóveda (Lugo) e exteriores na comarca de Chantada, O labirinto ario é unha curtametraxe cun gran investimento económico e traballo de produción, que pronto tivo a súa repercusión mediática por interpretar o ditador un dos mellores dobres de Franco, o funcionario monfortino Ramón Pérez. Ademais de facer a banda sonora orixinal o compositor coruñés Sergio Pena, que soubo recrear musicalmente unha atmosfera misteriosa e desconcertante que esixía o filme. Non é de estrañar pois, que no Festival de Cans fose seleccionada para súa proxección no Jalpón Friki e fora considerada como de xénero: “Inclasificable (esoterismo nazi, alieníxenas ummitas e tramas conspiratorias)”. Con todo elo chegou a candidatura dos Premios Mestre Mateo e Encarna Lago, Xerente na Rede Museística Provincial de Lugo, organizou uns actos de apoio O Labirinto Ario polos tres Museos da provincia de Lugo coa participación de poetas, escritores e músicos do que gardo un grato recordo.

"O labirinto ario é unha curtametraxe cun gran investimento económico e traballo de produción, que pronto tivo a súa repercusión mediática por interpretar o ditador un dos mellores dobres de Franco, o funcionario monfortino Ramón Pérez"

Tedes algún proxecto entre mans?

Andamos argallando o novo anuncio para o Castañazo Rock 2013; publicaremos o estudo Santa Eulalia de Bóveda. Un enigma na historia, perdida nun labirinto ario da licenciada en Historia da Arte e Máster en Xestión Cultural Cristina Barreiro, traballo onde relata no apartado Do rigor á fantasía: Os quiméricos ritos en Santa Eulalia as consecuencias de converter o templo nun decorado cinematográfico para a nosa produción O labirinto ario. Sobre a mesa hai moitos papeis e ideas pero os finais, coma nas películas, nunca se contan.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.