Os deseñadores galegos míranse no espello

O Foro de Edición e Deseño celébrase o 18 e 19 de outubro en Compostela © FEED

O 18 e 19 de outubro terá lugar en Compostela o Foro de Edición e Deseño, que organiza a Asociación Galega de Deseñadores (DAG). O obxectivo do evento é crear un foro de encontro entre profesionais do deseño e estudantes de calquera das súas disciplinas, e dar a coñecer os proxectos máis relevantes do deseño galego dos últimos anos, achegándoos ao conxunto da sociedade. A edición anterior deste evento foi o Foro de Edición e Tipografía, celebrado en 2010 e dedicado á investigación sobre publicacións e edicións que se estaban a desenvolver no campo da arte, o deseño e a tipografía. Ao igual que naquela ocasión búscase darlle proxección no exterior ao traballo desenvolvido polos profesionais galegos e a propiciar unha maior comunicación dos deseñadores coa industria produtiva e cultural, e por extensión, co conxunto da sociedade.

O obxectivo do evento é crear un foro de encontro entre profesionais do deseño e estudantes de calquera das súas disciplinas, e dar a coñecer os proxectos máis relevantes do deseño galego dos últimos anos, achegándoos ao conxunto da sociedade

A primeira xornada estará dedicada ao deseño gráfico e editorial, cun seminario a cargo de César Ávila (Gráfica Futura), así como charlas e presentacións e Uqui Permui e Pancho Lapeña, nunha sesión que pechará unha mesa redonda con César Ávila, Uqui Permui, Pancho Lapeña, Carlos Figueiras (Estaleiro Editora) e Juan Carlos Pichel (Eurográficas), moderada por Suso Vázquez (desescribir). A segunda xornada centrarase no deseño de produto, cun seminario a cargo de Héctor Serrano (Héctor Serrano Studio), charlas de cenlitrosmetrocadrado e Fruto DS, e unha mesa redonda con Héctor Serrano, cenlitrosmetrocadrado, Fruto DS, Patricia Martínez (Arturo Álvarez) e Luis Gil Pita (UNDO REDO), moderada por Xènia Viladàs. 

Os asistentes poderán coñecer de primeira man o traballo dalgúns dos deseñadores e empresas de deseño galegas máis importantes, comezando por Uqui Permui, que foi presidenta da Asociación Galega de Deseñadores e formou parte do consello de investigación e produción de Proxecto-Edición, no que se exploraron as potencialidades do medio da edición máis desatendidas (libros de artista, edición dixital...). O seu estudio tamén foi responsable da imaxe do Cineuropa, da Feira das Artes Escénicas, ou de exposicións como Gallaecia Petrea. Ou de Pancho Lapeña, de quen podemos ver deseños e creacións en publicacións de Carlos Taibo, Sechu Sende, Carlos Santiago ou en representacións teatrais de Quico Cadaval ou o Grupo Chévere, e tamén en iniciativas sociais como SOS Courel, O teu monte precisa de ti ou a Homenaxe a Isaac Díaz Pardo. Un antropólogo iconográfico que investiga aspectos da paisaxe, cultura, gastronomía do país, plasmando o que recolle en ensaios e representacións gráficas que chama “deseños atlánticos”.

Cenlitrospormetrocadrado é un estudio de deseño e comunicación de Santiago de Compostela, composto por Xabier Rilo Calvo, Manuel del Río Regos e Ricardo Tubío Pazos. A súa teima é ofrecer un deseño de clara orientación humanista, que vaia máis alá da simple función práctica e que atenda tamén funcións de carácter emocional e social. Fruto ds é un estudio galego que busca desenvolver proxectos que se integren dentro da estratexia das empresas e consigan xerarlles valor ás persoas. O seu colector Big-Bin foi recentemente galardoado cun primeiro premio na categoría de mobiliario urbano nos A’Design Awards.

O Foro de Edición e Deseño celébrase o 18 e 19 de outubro en Compostela © FEED

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.