"O que queren é que renunciemos aos nosos dereitos e que esquezamos que algún día os tivemos"

Imprudentemente deseé © David Ruíz

Teatro Ensalle é, pechadas a Galán e a Nasa, a única sala de artes escénicas contemporáneas que conseguiu resistir até hoxe en Galicia. Pasaron xa dez anos desde que Pedro Fresneda e Raquel Hernández chegaron a Vigo co proxecto de crear unha alternativa. E así o fixeron. Dando unha oportunidade a moitos artistas do país que, antes, non tiñan un espazo para traballar. E contribuíndo a xerar, coa súa propia compañía, esa corrente de pensamento crítico que atravesa o teatro galego e que se torna, cada vez, máis necesaria.

“Non queremos facer outra cousa e non temos intención de facela de forma máis segura”, dicides na vosa web. Se cadra é unha boa definición do voso proxecto.

Dicimos iso porque nós xa vivimos na seguridade. Eu tiña un traballo estable. Traballaba no Teatro Real, en Madrid, pero decidimos que tiña que ser ou todo ou nada, e por agora foi todo. Cando abrimos, en Vigo non había unha sala de artes escénicas contemporáneas. Existía xa o ALT, pero duraba só 15 días. Vigo é unha cidade cunha inquietude moi bonita: había moitos grupos musicais, por exemplo. Había unha corrente musical moi variada e un público. Ademais, é unha cidade industrial caótica e desordenada que se podía prestar para unha proposta como o teatro Ensalle.

"Vigo é unha cidade cunha inquietude moi bonita. Ademais, é unha cidade industrial caótica e desordenada que se podía prestar para unha proposta como o teatro Ensalle"

Baltasar Patiño e Ana Vallés, da sala Galán, dixéronvos entón: “non fagades contas: nunca saen. Se queredes facelo, facédeo. En todo caso e se vos animades, aquí estamos”. Tiñan razón?

Si, e decatámonos xa desde o primeiro ano. Fixeramos unha estimación de gasto anual duns 25.000 euros, e xa pechamos a primeira temporada con 130.000. O suposto que tiñamos era vivir sen axudas, ser independentes, pero é imposible. Pero o que si podemos dicir é que nos 10 anos que levamos, o 50 por cento do case 1.800.000 euros que se gastou, pagámolo co traballo coa compañía, co meu traballo co deseño de luces, con outros traballos realizados na sala… E demostramos que hai unha capacidade de xestión, moito maior que a dos macroproxectos que fan as administracións.

Sempre dis, ademais, que cada ano lle devolvedes máis ao Estado entre Seguridade Social, IVE e IRPF do que recibides de subvencións.  E ademais creades emprego.

Non teño os datos do sector en Galicia, pero si teño os nosos, e é así. Eu creo que os recortes de axudas ás artes escénicas non están a ser rendibles. Porque se antes cada compañía pagaba entre IVE, Seguridade Social e IRPF uns 80.000, ou 100.000, ou 120.000 euros ao ano, se lle quitan as axudas que lle permiten seguir o Estado está renunciando a uns ingresos que precisa. Porque é o que está a pasar: as compañías preparan producións con gastos mínimos, renuncian a ter local…, e ao final o que o Estado deixa de ingresar é moito maior. E isto non está a pasar só no noso sector. Penso que mesmo comezan a decatarse do seu erro. As axudas para 2013 convocáronse en setembro, e a ver se podemos dicir por fin que os responsables de Agadic se volveron responsables. Porque ata agora tratábannos como se estiveramos vivindo do conto. A diferencia entre a Agadic de Fasero e a de Sutil é que, polo menos, por parte de Sutil hai un intento de comprensión, á marxe de que na consellería sexan quen son e de que fagan o que fan. Polo menos Sutil escoita e pregunta. El entrou asumindo que había que recortar, pero polo menos non está a pensar en meter 800.000 euros nun musical que só dá perdas. Recortou pero polo menos escoitou ao sector. A actitude de Fasero era de total falta de responsabilidade. Estaba alí para mirar polos seus propios intereses, como xa se viu ao final.

"A diferenza entre a Agadic de Fasero e a de Sutil é que, polo menos, por parte de Sutil hai un intento de comprensión, á marxe de que na consellería sexan quen son e de que fagan o que fan"

Como vai a Asociación Cultural Amigos de Teatro Ensalle?

Pois estamos moi contentos. Son uns 44-45 socios. É xente que nos apoia e que nos dá moita seguridade. Na celebración dos 10 anos nós puidemos dedicarnos máis á parte creativa porque eles nos axudaron co resto. Son como a nosa familia, e iso nótase moito. É un público moi habitual.

"Cando levas 10 anos xa tes unha comunidade de xente que tirou de ti, e ademais formas unha comunidade de xente pola que ti tiraches"

Houbo moita outra xente que vos axudou desde o principio. Como vós dicides, especialistas en vivir caendo coma vós. Carmen Werner, Cambaleo, os irmáns Sarrió, Fernández Lera… E artistas que despois se foron incorporando á vosa casa: Ruth Balbís, Daniel Abreu, Andrés Corchero, Anuska Alonso, Janet Novás, Borja Fernández, Diego Anido, Estela Lloves…

É que eles son os que fixeron Ensalle. E é o que pasa sempre: hai xente que che axuda, e despois ti podes axudar a outra xente. A primeira vez que David Loira e Ruth Balbís estrearon en Ensalle traían un dossier nun caderno de anillas… E nós tivemos claro desde o principio que eran moi bos. E foi un orgullo dicir na Rede de Salas Alternativas que quedaran co nome de Pisando Ovos, que ían facer moitas cousas. E foi así. E é así: cando levas 10 anos xa tes unha comunidade de xente que tirou de ti, e ademais formas unha comunidade de xente pola que ti tiraches. O Seis Cordas foi unha oportunidade para que xeracións como a de Carmen Werner e  Ruth Balbís se encontrasen.

Sodes, con Andamio e Santart, unha das últimas alternativas de Galicia. Dos poucos que levades os artistas galegos á Rede de Salas Alternativas. Como fixeron os da Nasa mentres existiu. Do mesmo xeito que a sala Galán e En Pé de Pedra poñían o nome de Galicia no mapa estatal e internacional.

Pois iso é unha das cousas que tantas veces tentamos explicarlle á administración. Andaban co discurso da exportación das artes escénicas galegas e deixaron morrer a Nasa ou o En Pé de Pedra. Porque non se trata de obsesionarse por levar fóra o que tes no teu auditorio municipal, que é moi importante pero ten a función que ten. Na Rede Estatal de Salas Alternativas falamos moito, intercambiamos: eu fálolle a outra sala de tal artista, e pregúntolle polos seus artistas. Así fixemos por exemplo con Diego Anido, que andou xirando polas salas. E facemos iso porque temos tecido para facelo. Seguro que os da Rede Española de Teatros e Auditorios, cando se xuntan, falan de moitas cousas pero non de compañías.

"A historia da danza contemporánea en Galicia comezara coa sala Galán e con En Pé de Pedra, e o varrido que fixeron Fasero e o CCG foi lamentable. E nin tivo repercusión"

Un aspecto fundamental, precisamente, é o da danza. Non había espazos para a danza contemporánea antes da Galán, da Nasa ou de Ensalle. Coa excepción da época do Centro Coreográfico Galego que coincidiu co goberno bipartito: profesionais que emigraran puideron volver. E despois tiveron que volver marchar.

Esa é unha das perdas máis grandes. Perdeuse aquilo tan bonito que se conseguiu crear co Centro Coreográfico, que era o resultado lóxico do traballo de moitos anos de, primeiro, os bailaríns, e despois os que programabamos danza. A primeira coprodución de Daniel Abreu co CCG estreouse en Ensalle. Foi unha época moi boa, tamén porque estaba Natalia Balseiro no CCG. Daquela dicíannos fóra: pero que pasa en Galicia? Porque pasaba algo, que aos que viñeron despois non lles interesou nada. E esa é unha perda enorme, e non só de diñeiro. Chegou a Agadic unha persoa que non vira danza na súa vida, e foi como un elefante nunha cacharreira. A historia da danza contemporánea en Galicia comezara coa sala Galán e con En Pé de Pedra, e o varrido que fixeron Fasero e o CCG foi lamentable. E nin tivo repercusión. Hai xente, agora, que pensa que o CCG está pechado. E non está. O que pasa é o que fan non chega a ninguén. E pasa o de sempre: se queres ver algo de calidade é moi caro, tes que desprazarte…

Alén da programación de cada semana tedes os festivais Catropezas, Vigo en Bruto e Isto Ferve. Cal veu primeiro e por que?

Pois a verdade é que a orixe dos festivais está asociada a momentos caóticos. O primeiro foi o Isto Ferve. Foi no segundo ano de apertura da sala. Tiñamos unha programación moi redonda, moi feita, andaban por alí Cambaleo e Matarile… Cando xa tiñamos unha parte teatral moi potente, decidimos facer o Catropezas para a danza. E despois veu o Vigo en Bruto, para darlle algunha oportunidade á xente da cidade que comeza. O último foi o Insensatos. Hai moita música diferente que precisa dun lugar para mostrarse. Tiñamos moitas propostas de grupos, e decatámonos de que se cadra non estabamos atendendo á música como debiamos. Para nós, os festivais son unha mostra de algo que está forte, a punta do iceberg de algo que está funcionando.

Ademais de ti, están Raquel, Artús e Jorge, que son os que están sempre enriba do escenario. 

Raquel está comigo desde o principio, é a metade do proxecto. Veu de Madrid comigo. Viñemos no 2003, comezamos a traballar e un día decatámonos de que, anda, acababamos de montar unha sala!. Ela leva a dirección artística. Jorge leva tamén distribución e produción, Artús comunicación e prensa… Somos un equipo no que todos facemos moitas cousas. Artús foi alumno da escola que tivemos os primeiros anos, e quedou. Jorge chegou despois. É tamén de Vigo e era espectador, estivera fóra… Comezou a traballar con nós e agora é un traballador máis.

"Os recortes colléronnos, así, cun público feito e cunha compañía forte. Seguimos sendo catro e non tivemos que despedir a ninguén"

Algo máis que queiras salientar do balance dos 10 anos?

Se cadra que seguimos coas mesmas ganas de facer cousas e coa mesma enerxía que cando comezamos. Estamos nun momento moi bo de madurez, no político moi implicados coa Plataforma das Artes Escénicas e no artístico cun proxecto de programación moi claro. Espero que poidamos seguir outros 10 anos.

Que non é fácil tal como está o teatro en Galicia. Din que se está a a chegar ao final dun ciclo de 30 anos.

É difícil, pero se cadra nós tamén aguantamos porque non sobredimensionamos o proxecto cando houbo algo de diñeiro. Non houbo unha soa obra na que non estiveramos Raquel e eu. Nunca tivemos un monte de actores e de técnicos. Os recortes colléronnos, así, cun público feito e cunha compañía forte. Seguimos sendo catro e non tivemos que despedir a ninguén. É certo que o momento é moi difícil, e ademais o cansanzo vaise acumulando. Nós fomos aguantando, e seguiremos mentres teñamos público, que ademais foi aumentando.

"En Imprudentemente deseé xogamos coa metáfora de saír do sistema. Traballar desde fóra a construír outra cousa. Repensar o sistema, porque este non serve"

Como compañía tedes agora en cartel Imprudentemente deseé, sobre a estafa da crise. Se en La Maleza reflexionabades sobre a responsabilidade do cidadán no comportamento dos políticos, agora mudades o discurso. Falades de como tentan inocularnos a resignación e a inacción. Coas mentiras do vivistes demasiado ben.

Falamos de como nos están matando. Porque iso é: un xenocidio. Seguimos unha liña desde 105 pasos o la mecánica de la carne. Xa daquela advertiamos das mentiras que nos estaban a contar. Tiñamos que comprar casa porque íase revalorizar a iamos ser todos ricos. Cando nós o dixemos, non nos creron. Despois en La Maleza falabamos da responsabilidade que temos como votantes e como cidadáns. Pero agora damos o sistema por perdido. Porque agora é, votar a quen? Non é que todos os partidos sexan iguais, pero tampouco hai un partido que sexa verdadeiramente de esquerdas, que estea disposto a plantarlle cara en serio ao FMI. Entón en Imprudentemente deseé xogamos coa metáfora de saír do sistema. Traballar desde fóra a construír outra cousa. Repensar o sistema, porque este non serve.

"A min paréceme que os terroristas son os que botan a xente da casa por unha débeda de 800 euros. Iso é unha violencia tan grande como o desterro"

A obra apunta, precisamente, a que non podemos resignarnos. Aínda que haxa que volver ás covas, reiventar o lume, construír de novo a casa.

A verdade é que a primeira media hora da obra é unha parálise por repetición que fai que o espectador se perda. E o que queriamos era iso, crear ese desconcerto ata que despois o espectador chega ás súas propias conclusións. Como nos están repetindo sempre mentiras como que vivimos por enriba das nosas posibilidades, na obra tamén repetimos as cousas. Falamos de como anularon o noso lado violento. E iso na miña xeración está moi claro. Somos fillos da democracia e todo iso. Pero a min paréceme que os terroristas son os que botan a xente da casa por unha débeda de 800 euros. Iso é unha violencia tan grande como o desterro. Un acto de violencia executado polas forzas e corpos de seguridade do Estado. Do mesmo xeito que son violencia as imposicións da Troika, que é violencia que haxa xente pasando fame. E estamos falando sempre de queimalo todo, pero non facemos nada.

Unha parte do texto sinala como se trata aos artistas de preguiceiros, de fracasados, de insolidarios, de egoístas que protestan contra o Estado e contra a “nai patria”. En realidade é o que se fai con toda a parte da sociedade que tenta erguerse...

Atacan moito a arte porque a arte danos ferramentas para reaccionar cando nos están esmagando. Chaman antisistema e terrorista a todo o que tenda rebelarse. Cando son eles os que están a utilizar o terror como ferramenta política. Eu vin o que fan para regalarlle as casas aos bancos. Vin o medo, o terror, a angustia da xente que non sabe cando van vir a botala da casa, que non sabe onde vai ir despois. E así estamos. É como se estiveran abaneando unha árbore e todos ficaramos calados mentres vemos caer aos demais. No canto de baixar e pegarlle unha malleira a quen está abaneando a árbore.

"É como se estiveran abaneando unha árbore e todos ficaramos calados mentres vemos caer aos demais. No canto de baixar e pegarlle unha malleira a quen está abaneando a árbore"

A utilización do medo como arma política está moi presente no texto…

Hai unha parte do texto que é case un calco do que di Creonte en Antígona. Cando o presidente do Goberno dicía “a min tamén me doe”, estaba copiando o que dicía Creonte, cando lle dicía a Antígona que era parva e que non entendía os sacrificios que había que facer polo Estado. Roubáronnos a palabra responsabilidade, e tantas outras. Dinnos que fan as cousas polo noso ben, cando o que fan é afundirnos co pedazo salario que lles pagamos. E a min non me preocupa xa só o presente. Seremos unhas cantas xeracións as que o pasemos mal pero, que vai vir despois? Hai xente que che explica que polos seus fillos di que si a todo, traballa máis por menos, non protesta… Pero eu pregúntome: e como lles van ensinar aos fillos que son persoas con dereitos? Que tipo de sociedade estamos construíndo? Cando perderon os seus dereitos os traballadores chineses? Ou non os tiveron nunca? O que queren é que renunciemos aos nosos dereitos e que esquezamos que algún día os tivemos. Despois virán os libros de historia a dicir parvadas como que os perdemos porque uns musulmáns puxeron unhas bombas. Temos que superar o medo. E cando o consigamos daranos ata risa o que nos din.

"Temos que sentirnos orgullosos de ser disidentes, inadaptados, porque como diciamos en ‘105’ quen está adaptado a unha sociedade enferma non é unha persoa sa. Non hai que ter medo a quedar sós"

Outra cuestión que está na obra é o medo a perder a túa identidade como parte do grupo. O medo a ser disidente.

Porque hai xente que o que lle preocupa é iso, ser parte do grupo. E non ten que ser así. Temos que sentirnos orgullosos de ser disidentes, inadaptados, porque como diciamos en ‘105’ quen está adaptado a unha sociedade enferma non é unha persoa sa. Non hai que ter medo a quedar sós. Como pasa cos medios alternativos. Os xornalistas que traballades nese tipo de medios sabedes que o tedes máis difícil. Pero temos que estar orgullosos de que haxa disidentes, en todo. En Ensalle tamén tivemos momentos nos pensamos se debiamos calar. Porque vimos perigar o proxecto por abrir a boca. Pero decidimos que non, que non iamos calar.

"Por iso loitamos. E non só polos nosos dereitos. Tamén polos cidadáns, que teñen dereito a ir a teatro pagando 10 euros e non 100, que é o que lles custaría a entrada se non houbese subvencións"

A que te refires? Cando perigou Ensalle polo que vós diciades? Aos da Nasa algo así lles pasou. Acusáronos de terroristas, que é unha falsa acusación moi doada de facer.

Houbo un momento, cando estabamos na Plataforma das Artes Escénicas, no que nos significamos con claridade. De feito Ensalle foi un dos espazos nos que naceu a Plataforma. E iso coincidiu cunha época moi dura, na que Fasero estaba moi violento. E nese momento pregúntaste se seguir ou non. Pero seguir era o que tiñamos que facer. Por iso loitamos. E non só polos nosos dereitos. Tamén polos cidadáns, que teñen dereito a ir a teatro pagando 10 euros e non 100, que é o que lles custaría a entrada se non houbese subvencións. Porque, se cren que os cidadáns non teñen dereito á cultura, que o digan, e que o retiren da Constitución.

En realidade o discurso de buscarlle rendibilidade ao teatro é vello. Tíñao Fasero, teno Sutil, pero antes, co bipartito, xa se falaba de industrias culturais, se cadra seguindo un modelo que non era o axeitado para a realidade galega.

A secuencia histórica comezou aínda antes. Cando nos anos 80, co PSOE, que de partido obreiro non ten nada, nos convenceu de que non podiamos seguir sendo asociacións culturais, que tiñamos que “profesionalizarnos” converténdonos en empresas, en sociedades limitadas. Aceptamos, e despois veu o discurso das industrias culturais. Dixemos que si a todo, e despois veu Fasero coa súa rendibilidade.

"Fasero era moito de falar de medallas, e non de de andar de hippies por aí facendo teatro. O que ocorre é que hai moito catetismo"

Mais Fasero tampouco se refería a unha rendibilidade exclusivamente monetaria, ou iso dicía. Referíase a un retorno en forma de presenza en festivais, por exemplo, das compañías de aquí, ou de premios…

Si, Fasero era moito de falar de medallas, e non de de andar de hippies por aí facendo teatro. O que ocorre é que hai moito catetismo. É esa paletada de que tes que ir a Madrid para ser alguén, e dígocho eu que son de Madrid. Aínda que, por outra banda, eu tamén entendo que teña que haber un certo retorno. Sen confundir a fame coas ganas de comer. É verdade que tampouco está ben que unha compañía estea recibindo 50.000 euros ao ano para facer só oito funcións na Rede de Teatros. como se fan as cousas. E iso é algo que Sutil tentou facer. Tentou investigar. E tentou falar coa xente.

"O que se precisa en Agadic é un xestor. Miguel Martín foi o mellor xerente que tivo Agadic, e non era artista. Fasero o que quería era medrar na súa carreira de músico mediocre, e xa se viu cando se foi para a SGAE, onde non durou máis que uns días"

Pois Sutil non foi ben recibido ao principio por ser unha persoa allea ao sector. Polo menos Fasero algo de música sabía.

Pero o que se precisa en Agadic é un xestor. Miguel Martín foi o mellor xerente que tivo Agadic, e non era artista. Fasero o que quería era medrar na súa carreira de músico mediocre, e xa se viu cando se foi para a SGAE, onde non durou máis que uns días. E, ás veces, o problema das institucións é a ineficacia dun individuo. Eu doulle Ensalle a Fasero e nun ano afundiume o proxecto. O responsable de Agadic ten que ser alguén que vaia sacando adiante as cousas, que non vaia acumulando débedas…

A débeda de Agadic, precisamente, paralizou as compañías o ano pasado. Agora o que denunciaron é que houbo parálise nas Redes e que das subvencións que inicialmente vos concederan vos quitan unha parte…

Si, iso está pasando. E protestamos por iso. Hai que estar moi atentos. Unha das diferencias entre Agadic e o Inaem é esa. Á xente que traballa no Inaem o Ministerio púxollo difícil cos recortes. Pero é xente que nos respeita e que respeitamos, que o pasa mal cando ten que recortar, que che axuda no que pode. Aquí non temos esa empatía. E non ten sentido porque Agadic existe porque nós existimos. Estamos no mesmo barco. E é hora de que se deixen de política, de pensar se somos de esquerdas ou de dereitas. Vale que eles son de dereitas, pero que non se preocupen tanto que o PSOE tamén o é…

"Temos que ter coidado de que non nos vendan o modelo europeo de modo tramposo. Porque pode ser un xeito de trasladar a responsabilidade dos teatros a compañías e lavar as mans"

No último ano houbo moitas mobilizacións e unha unión no sector que non sempre se vía. Pero o que parece é que tampouco se chega nunca a avanzar nas propostas. Houbo unhas xornadas no Consello da Cultura Galega que acabaron nunha discusión eterna, nas que se falaba de camiñar cara ao modelo europeo de xestión de espazos públicos por compañías…

Nós tamén tivemos debate coa profesión por iso. Porque se é verdade que ter unha compañía é un problema, ter unha compañía e unha sala é ter dous problemas. É certo que noutros países se apoia a compañías privadas que teñen salas que reúnen as condicións para que as xestionen como espazos públicos. Ou que se apoia a compañías boas que non teñen sala cedéndolles a xestión de espazos públicos. Pero temos que ter coidado de que non nos vendan o modelo europeo de modo tramposo. Porque pode ser un xeito de trasladar a responsabilidade dos teatros a compañías e lavar as mans. Iso sería, ademais, moi cómodo para as administracións, porque se librarían dun problema. O alcalde cédeche o auditorio municipal e esíxeche 70 funcións ao ano e búscate a vida para poder pagalas. Outra cousa é o que se fixo en Teo, a cesión dun espazo municipal para que Chévere poida traballar. Pero coidado, que se cadra o que nos queren vender non é iso.

Outra das obras da Sala Ensalle © David Ruíz
Imprudentemente deseé © David Ruíz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.