"Ás veces tes que explicar que o que fas é froito de horas de traballo, non dunha idea feliz"

Loxe Mareiro. Chiringuito de praia © Cenlitrospormetrocadrado

Este venres e sábado celébrase en Compostela o Foro de Edición e Deseño, que organiza a Asociación Galega de Deseñadores. O obxectivo do evento é crear un foro de encontro entre profesionais do deseño e estudantes de calquera das súas disciplinas, e dar a coñecer os proxectos máis relevantes do deseño galego dos últimos anos. A segunda xornada centrarase no deseño de produto, cun seminario a cargo de Héctor Serrano (Héctor Serrano Studio), charlas dos estudios galegos cenlitrosmetrocadrado e Fruto DS, e unha mesa redonda con Héctor Serrano, cenlitrosmetrocadrado, Fruto DS, Patricia Martínez (Arturo Álvarez) e Luis Gil Pita (UNDO REDO), moderada por Xènia Viladàs.

Cenlitrospormetrocadrado é un estudio de deseño e comunicación de Santiago de Compostela, composto por Xabier Rilo Calvo, Manuel del Río Regos e Ricardo Tubío Pazos. A súa teima dende hai catro é ofrecer un deseño de clara orientación humanista, que vaia máis alá da simple función práctica e que atenda tamén funcións de carácter emocional e social. Nas súas creacións percíbese un estilo propio e recoñecible e unha gran preocupación por empregar materiais e formas que encaixan á perfección no entorno, en boa medida recollidos dos deseños e construcións tradicionais galegos. O que eles mesmos definen como "deseño atlántico". 

"O noso nome tamén procede desas reflexións" -explican- "de como as borrascas atlánticas e a climatoloxía nos afectan en moitos aspectos: á orografía do país, aos sectores produtivos ou ao carácter das persoas. E de igual xeito ten influencia en distintas disciplinas: na arte, no deseño, en calquera na que entre en xogo algún aspecto creativo ou subxectivo". Comentan que "no noso traballo esas referencias en clave de país si que son moi evidentes, no traballo de outras persoas se cadra non está tan á vista, ou a xente non o percibe, pero están aí igualmente".

"No noso traballo esas referencias en clave de país si que son moi evidentes, no traballo de outras persoas se cadra non está tan á vista, ou a xente non o percibe, pero están aí igualmente"

Entre os seus traballos atopamos dende mobiliario urbano, acondicionamento de espazos coma restaurantes ou mesmo hórreos, stands e espazos expositivos, pasando por mobiliario infantil e tamén embalaxes ou caixas para produtos da horta. Alguns son ensaios, experimentacións, o que eles denominan I+D+Cen, que lles permiten afondar nos conceptos estéticos que defenden, aínda que aseguran que cada vez máis "os encargos que nos fan axústanse a estes patróns: gustan non só porque cumpren unha función, senón porque teñen un carácter de identidade, local".

O Foro que comeza este venres analizará a situación do sector do deseño en Galicia. Dende Cenlitrospormetrocadrado destacan que "no que respecta á formación, houbo un cambio importante. Antes, para estudar deseño tiñas que ir a Madrid ou a Catalunya. Agora pódese estudar Deseño de produto en Ferrol, en Belas Artes hai unha especialización en deseño gráfico, hai escolas superiores de formación profesional en case todas as cidades". E engaden que "a nivel profesional, xurdiron moitas empresas de deseño e publicidade; se cadra falta que se desenvolva o sector de deseño de produto, porque de feito en Galicia, que nós saibamos, só estamos nós e Fruto DS".

"É un sobrecuste importante, moitas horas de traballo de deseño, e é moito máis caro que ir a unha tenda e mercar unha ducia de mesas. Pero eles valoran que este gasto está xustificado, porque este esforzo vai repercutir nos beneficios que xere o seu local"

Concédese valor ao deseño en Galicia? "Mellorouse en materia de comunicación en todas as materias, pero falta moito por facer. E este non é un bo momento, porque a crise relega aquelas cousas consideradas como accesorias", din. "Hai de todo, hai xente de que non lle concede valor a estas cousas, que o considera un simple envoltorio, pero outra xente si. Por exemplo, vimos de traballar cun restaurante en Carril, e fixemos todo o mobiliario especificamente para ese lugar. Evidentemente é un sobrecuste importante, moitas horas de traballo de deseño, e é moito máis caro que ir a unha tenda e mercar unha ducia de mesas. Pero eles valoran que este gasto está xustificado, porque este esforzo vai repercutir nos beneficios que xere o seu local".

Neste senso aseguran que "hai xente que aprecia moito o teu traballo, e con outros tes que facer un labor didáctico, tes que convencelos de que somos uns traballadores coma outros, que o que facemos non vén dunha serie de ideas felices, senón que hai que meterlle moitas horas para chegar a eses obxectos finais".

Aproveitamento dos periodos de desuso dun hórreo © Cenlitrospormetrocadrado
Embalaxe para queiques © Cenlitrospormetrocadrado
Bancos en Noia © Cenlitrospormetrocadrado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.