Take Shelter

© Take Shelter

A frase promocional da serie Game of Thrones ben podería intercambiarse coa do Take Shelter de Jeff Nichols, e mesmo manter un diálogo simétrico con ela. “Achégase o inverno”, “refúxiate”. Son as sintéticas mensaxes que definen esta obra, merecedora do premio FIPRESCI na Semana da Crítica de Cannes.

Un mantra que se vén repetindo no fantástico dende a pasada edición do festival galo, con Abel Ferrara ou Lars Von Trier falando da fin do mundo entre outros; e que se infiltrará tamén en títulos comerciais de 2012 como The Hunger Games ou no último Batman de Nolan, con chiscadelas evidentes á crise económica no seu avance. Está claro, o xénero recuperou nos últimos meses a súa forza para analizar a actual situación da sociedade, sumida nunha desconfianza absoluta cara as clases dirixentes e nun sentimento de desamparo no que reinará o caos, segundo o presentan estas ficcións.

O filme conta a historia dun obreiro que comeza a sufrir alucinacións sobre tormentas apocalípticas e a ter a sensación de que a súa familia será agredida, polo que se obsesiona por construír un refuxio no xardín da súa casa

Pero que diferencia Take Shelter de entre estas para ser merecedora de tanto eloxio? O filme conta a historia dun obreiro que comeza a sufrir alucinacións sobre tormentas apocalípticas e a ter a sensación de que a súa familia será agredida, polo que se obsesiona por construír un refuxio no xardín da súa casa. Nichols usa o rexistro do terror psicolóxico, entre soños e alucinacións do protagonista, para narrarnos un angustioso proceso de perda da razón cara a esquizofrenia. Un tránsito consciente por parte do personaxe de Michael Shannon, que vive encadrado nos códigos dun contido drama social, aparentemente anódino, mais cunha alma infecta que o envolve todo.

Di moito de Nichols que a principal referencia que me vén á cabeza ao enfrontarme á tensión psicolóxica dos seus personaxes sexa o Ingmar Bergman de filmes como Persona ou Fresas salvajes

Nun momento no que ao fantástico parece gustarlle o real, con sutís enxertos do xénero no cinema de autor; supoño que di moito de Nichols que a principal referencia que me vén á cabeza ao enfrontarme á tensión psicolóxica dos seus personaxes sexa o Ingmar Bergman de filmes como Persona ou Fresas salvajes. A tolemia está representada con curtas pasaxes oníricas, mais esa mala sensación no corpo que deixan os fortes pesadelos transpira cada poro do filme. A confusión acentúase cunha estrutura narrativa que, cunha base lineal, xoga á fragmentación por momentos para atordar o espectador. Mecanismo de identificación coa personalidade escindida do pai de familia que protagoniza o filme, Nichols confía todo ao seu reparto para acentuar esta sensación.

Cobra especial forza na física interpretación de Michael Shannon, que se atopa xa no podio dos actores do cinema independente norteamericano da súa xeración; logo de ter traballado con Werner Herzog, Sidney Lumet ou William Friedkin con impresionantes resultados. Que lle dean a réplica os competentes Jessica Chastain e Shea Whigham achega un maior valor a un elenco que supón outro dos acertos da película. A tensión do rostro aterrorizado de Shannon, a súa ríxida figura, os tremores nerviosos de quen se sente coma un can acurralado; logran transmitir con brío a inseguridade do protagonista, as consecuencias dos seus actos desesperados na súa contorna, a súa violencia latente ao ser posto entre a espada e a parede.

Todo late en Take Shelter, sen manifestarse por completo, seguindo esa máxima hitchcockiana de que mostrar o xusto pode ser o mellor mecanismo para crear suspense

Todo late en Take Shelter, sen manifestarse por completo, seguindo esa máxima hitchcockiana de que mostrar o xusto pode ser o mellor mecanismo para crear suspense. O final, en suspenso, desa tormenta que se achega inexorable, xa como visión compartida; outorga ao filme un punto de premonición catastrófica que fará que ata o máis proclive a marchar da sala quede aos créditos. E é que Take Shelter paraliza, provoca un suor frío que dá moito que pensar. Eu recomendo que vaian vela ao cinema, pero se non poden, non se preocupen. Miren o ceo, porque unha cousa é segura: esta non a van perder.

Podes ler máis sobre cine en A Cuarta Parede

© Take Shelter

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.