0 Gardados para despois

Luces e algunhas sombras no Ano Vidal Bolaño

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O 2013, no que as Letras Galegas estiveron dedicadas a Roberto Vidal Bolaño pecharase (como case todos os anos), con luces e sombras, con eivas e esquecementos e tamén éxitos e algúns momentos brillantes, aspectos da súa obra e da súa figura que as actividades organizadas ao longo dos últimos meses serviron para investigar, sacar á luz e difundir, e outros que seguiron e seguirán máis agachados e pendentes aínda de reivindicación e explicación. Pedímoslles a Belén Quintáns, Paco Macías, Rubén Ruibal e Carlos Santiago que fagan unha valoración das celebracións, actividades e recoñecementos organizados arredor do autor homenaxeado nas Letras 2013.

"Non sei que valoración facer, porque unha valoración sempre depende das expectativas previas, e no meu caso creo que eran altas de máis", comenta Rubén Ruibal, que destaca nomeadamente a actividade de Espello Cóncavo e de Teatro do Aquí. Porén, lembra que "houbo moitas compañías afeccionadas que non se atreveron a meterlle o dente a Roberto porque pese a que a herdeira renunciaba ós dereitos, a SGAE non deixaba de cobrar a xestión". Así que "nos atopamos cunha mostra Agustín Magán de teatro afeccionado, por exemplo, na que RVB non aparece como autor dunha soa peza. De todas formas, non creo que os dereitos de autor fosen a única causa". Tamén sinala que "é de agradecer que o CDG se centrase en Roberto este ano, e que por fin – obrigado polo contexto económico – se achegase á ESAD ou ás Universidades; pero é unha pena que, fóra das excepcións, a obra de Roberto non puidese ser máis representada durante este ano. Sospeito que aínda falta tempo para que ocupe o lugar que merece nas nosas táboas"

"O sentimento é contraditorio, por un lado ben e polo outro así asá", sinala igualmente Paco Macías, "a satisfación é a de ter iniciado a publicación das Obras Completas, tarefa que comezáramos hai tres anos, antes de sabermos que o Día das Letras Galegas 2013 ía ser dedicado a Vidal Bolaño. E así asá porque, e un ano máis, hai a sensación do ritual, de cubrir o expediente en moitos sectores da sociedade galega. Véxase o caso do Consello da Cultura Galega".

Belén Quintáns: "Non houbo interese por parte de ninguén en afondar en Vidal Bolaño"

Tamén é "dobre" a valoración que realiza Belén Quintáns: "Pareceríame moi inxusto non valorar que se escollera a Roberto para dedicarlle as Letras Galegas. E tamén é moi importante toda a difusión que se fixo nos centros de ensino", subliña, pero tamén engade que "houbo outras cousas que me decepcionaron. Xa antes deste ano eu tiña a sensación de que había moitos aspectos de Roberto que estaban nos caixóns da miña casa, e que non daba sacado nin a súa obra, nin a súa historia, nin a súa maneira de facer e de vivir. Tratábase simplemente de que a xente se puxese en contacto comigo, e pensei que este ano ía resolver este asunto". Quintáns refírese, sobre todo, a que "falta afondar en Roberto Vidal Bolaño como escritor. Non tivo a mesma consideración que tería sido de ser un poeta ou un narrador. Resolveuse en canto á obra, porque a edición de Positivas era fundamental neste senso. Pero o certo é que esa edición xa estaba andando antes de que se lle dedicasen as Letras Galegas". Quintáns conclúe que "o resto das cousas non se fixeron. A min ninguén me chamou, e tampouco á xente próxima que si tiña acceso a esa información. Non houbo interese por parte de ninguén en afondar en Vidal Bolaño".

Carlos Santiago: "A santificación de Roberto ofreceu un símbolo amplamente compartido no mundo teatral, nun momento tan crítico como este, no que parece tan necesario decatarse de que todas e todos navegamos no mesmo barco"

Pola súa banda, Carlos Santiago sinala que aínda que é "bastante escéptico co Día das Letras Galegas", cando menos o Ano Bolaño "deixa a edición das obras completas, toda unha proeza por parte de Edicións Positivas, e unha revitalización das súas pezas por parte de moitas compañías de teatro profesional e amador". Santiago salienta, nomeadamente, que "a santificación de Roberto ofreceu un símbolo amplamente compartido no mundo teatral, nun momento tan crítico como este, no que parece tan necesario decatarse de que todas e todos navegamos no mesmo barco".

 

O mellor

"É destacable que neste contexto de desmantelamento das estruturas culturais do país houbese unha compañía como Espello Cóncavo volvendo a montar un seu texto"

En canto aos elementos máis positivos, Ruibal destaca que "é destacable que neste contexto de desmantelamento das estruturas culturais do país houbese unha compañía como Espello Cóncavo volvendo a montar un seu texto; pero claro, a tendencia de Arturo López a respectar os autores do país non é nova". Tamén sinala que "hai que se aledar de que unha experiencia como a de Teatro do Aquí saíse máis ou menos ben – no tocante a público e funcións – pese á traición da SGAE, que prometeu a principios de ano unha axuda que finalmente non pagou e unhas funcións en Madrid que finalmente non contratou, deixando a compañía en situación máis que comprometida pese ó apoio do CDG"

Para Carlos Santiago, o máis positivo foi "que se valorase a obra dun dramaturgo por primeira vez no contexto da cultura institucional, sempre tan allea ás artes vivas. Persoalmente quedo, pola parte que me toca, coa Procesión da Santa Bolaña, porque é unha reivindicación da figura de Vidal Bolaño desde a rúa e desde o teatro popular, algo moi presente no seu pensamento teatral. Pero tamén quedo coa interpretación do himno que lle espetou desde a platea Luz Fandiño ás autoridades nun acto oficial, porque foi un momento de verdade digno do misterio bufo".

"A nivel divulgativo si que houbo avances, por suposto. Pero do ensino medio cara arriba vin moi pouca cousa"

Para Belén Quintáns, "é moi importante toda a difusión que se fixo nos centros de ensino, que de súpeto se achegase a figura de Roberto aos rapaces e que, dalgún xeito, se introducise o teatro nas escolas e institutos, aínda que só fose así. A nivel divulgativo si que houbo avances, por suposto. Pero do ensino medio cara arriba vin moi pouca cousa". Ruibal concorda, ao destacar como o máis positivo "o traballo nas escolas e centros de ensino" e lembrar que "as universidades quedamos un pouco atrás, reducíndoo a figura de segunda nos máis dos casos". Quintáns tamén sinala, como exemplos destacables, que "o Concello de Brión tivo unha programación de luxo todo o ano, e non é nin un concello grande nin rico", e que "o CDG fixo un esforzo para aproveitar o pouco presuposto que tiña. En xeral dende a sociedade civil houbo iniciativas interesantes".

"O positivo é iso: a divulgación da figura de Roberto, ver as súas palabras nunha bolsa do Gadis ou escoitar dos compañeiros dos meus fillos todo o que saben sobre Roberto"

Paco Macías resume os elementos positivos do ano "no paso que se deu, aínda moi pequeniño, para que a cultura galega, nomeadamente a literatura, considere a Roberto Vidal Bolaño un dos grandes escritores da historia da literatura galega". O mesmo pensa Ruibal, que destaca "o positivo é iso: a divulgación da figura de Roberto, ver as súas palabras nunha bolsa do Gadis ou escoitar dos compañeiros dos meus fillos todo o que saben sobre Roberto".

 

O peor

Para Carlos Santiago, "o máis negativo, non só atribuíble a este ano, é a inevitable ritualización da figura homenaxeada por parte do poder político, que leva implícita unha banalización da obra viva dos autores e autoras, máis se cabe no caso de Vidal Bolaño"

Para Carlos Santiago, "o máis negativo, non só atribuíble a este ano, é a inevitable ritualización da figura homenaxeada por parte do poder político, que leva implícita unha banalización da obra viva dos autores e autoras, máis se cabe no caso de Vidal Bolaño, onde a visión da sociedade galega e do mundo non é exactamente compracente co dito poder. Claro que non deixa de ser un paradoxo característico da cultura institucional, se cadra acentuado polo feito de que a cultura galega é xa paradóxica en si mesma".

Para Paco Macías, o peor deste ano foi "a resistencia dalgúns sectores dominantes e controladores da cultura galega, a considerar este autor como un dos mellores da historia". Macías refírese, sobre todo, ao igual que o facía Belén Quintáns a que "a faceta de escritor de Vidal Bolaño quedou un algo marxinada" e a que "o seu traballo no audiovisual, no que foi pioneiro nalgúns aspectos, foi case ignorado na súa totalidade". 

Concorda Rubén Ruibal, que lamenta "a ausencia absoluta de profundidade no estudio da súa figura, e o desprezo institucional, pero non sei como se me ocorreu esperar outra cousa. E ben, o da SGAE, que non ten nome e lle vai custar unha pasta a Teatro do Aquí por meterse a producir Criaturas”. O dramaturgo tamén lamenta a cobertura da TVG: "unha televisión vella que, que eu saiba, non fixo absolutamente nada pola figura das Letras Galegas do ano 2013".

Roberto Vidal Bolaño "tendía máis a ser o bufón que lle conta ás verdades ó Rei. Pero tamén sabía, e tamén o deixou por escrito, que o que máis agradecían del – e agradecen – son as estupideces"

Como conclusión, Ruibal afirma que despois deste ano "coñecémolo máis, claro, pero sospeito que nos queda unha figura cun naris de pallaso asociada cunha idea que non é a que Roberto tiña dese puntiño vermello. El – e deixouno por escrito, xa están por exemplo Sen ir máis lonxe ou o Caprice des Dieuxtendía máis a ser o bufón que lle conta ás verdades ó Rei. Pero tamén sabía, e tamén o deixou por escrito, que o que máis agradecían del – e agradecen – son as estupideces".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Simposio Vidal Bolaño

A Real Academia Galega celebrou o pasado martes, día 17, un simposio sobre Roberto Vidal Bolaño, en colaboración coa Consellería de Cultura e a Universidade da Coruña, un encontro que serviu para pechar os actos organizados arredor da figura e da obra de autor neste ano de celebracións. O encontro, que se celebrou na Facultade de Filoloxía da UDC, abriuse cunha intervención do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, que describiu o Ano Vidal Bolaño como unha edición "especialmente farturenta" do Día das Letras "a xulgar polo número de edicións, estudos e representacións da obra do dramaturgo compostelán". Destacou, así mesmo, a coincidencia da celebración co corenta aniversario das Xornadas de Teatro Abrente de Ribadavia, "onde a figura de Vidal Bolaño emerxeu como unha luminaria, de tal maneira que este ano celebramos dúas efemérides moi importantes para o teatro galego".

Iolanda Ogando definiu a obra de Vidal Bolaño como "unha tentativa de construír o país", e como parte dun proxecto máis amplo encamiñado a "construír un teatro nacional galego"

A seguir, a profesora da Universidade de Estremadura Iolanda Ogando definiu a obra de Vidal Bolaño como "unha tentativa de construír o país", e como parte dun proxecto máis amplo encamiñado a "construír un teatro nacional galego, traballando arreo para facer posible a súa profesionalización e concibindo o teatro como unha ferramenta didáctica para construír e divulgar unha identidade propia".

Despois, Mónica Camaño, Comba Campoy e Anxo Abuín formaron unha mesa redonda na que analizaron a obra do dramaturgo compostelán desde diversas perspectivas. Mónica Camaño resumiu cunha cita de Vidal Bolaño a natureza do seu proxecto: "Escribo por non estar calado, por amolar, para que non duren tanto certos silencios".

Roberto Pascual lamentou a falta de proxección exterior da nosa cultura: "resulta sintomática a escasa repercusión que a escolla de Roberto Vidal Bolaño para o Día das Letras Galegas tivo fóra de Galicia"

Xa pola tarde, o director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual, lamentou a falta de proxección exterior da nosa cultura: "resulta sintomática a escasa repercusión que a escolla de Roberto Vidal Bolaño para o Día das Letras Galegas tivo fóra de Galicia". E destacou a relación do autor coa Mostra de Teatro Abrente: "En Abrente Roberto deu os seus primeiros pasos no teatro galego. Naquel fervedoiro cultural, Vidal Bolaño toma conciencia da necesidade de escribir teatro sobre a realidade dun pobo oprimido empregando recursos provenientes da súa tradición parateatral e antropoloxía cultural, de aí o nome da súa primeira compañía teatral: Antroido".

"Roberto escribe pezas con principio e fin, con pés e cabeza, e aínda que usa unha estrutura fragmentaria, sabe dosificar a información para ir creando un efecto de suspense na audiencia, como nos filmes do cine negro"

Pola súa banda, o dramaturgo Xulio Lago salientou, como trazos distintivos, a súa orixinalidade, humor, a profundidade dos seus personaxes, o uso de referentes espaciais galegos así como a vixencia e actualidade das súas temáticas favoritas hoxe en día. Para Lago, o talento dramatúrxico de Vidal Bolaño manifestouse con grande eficacia na súa posta en escena de obras consideradas irrepresentables: "Cando Roberto representa Xelmirez, de Cortezón ou a Rosalía de Pedrayo, amosa que esas catedrais do teatro imposible eran obras aptas de seren levadas ás táboas". Mentres, o profesor e director escénico Afonso Becerra defendeu na súa intervención a liñaxe aristotélica dos dramas bolañianos: "Roberto escribe pezas con principio e fin, con pés e cabeza, e aínda que usa unha estrutura fragmentaria, sabe dosificar a información para ir creando un efecto de suspense na audiencia, como nos filmes do cine negro". 

Este sábado, a procesión da Santa Bolaña

Outro dos actos que pechará este Ano Vidal Bolaño será a "Procesión da Santa Bolaña”, unha procesión nocturna e laica, que este sábado regresará ás rúas e tabernas de Santiago de Compostela "para celebrar un ano máis o seu ritual de viño, festa e teatro no solsticio de inverno". Como destacan os seus organizadores, "facendo fe de puro paganismo, como xa é tradición, recorrerá as rúas de Compostela entre cánticos e ladaíñas profanas facendo parada e via crucis dramático en distintas tabernas do casco vello".

"Facendo fe de puro paganismo, como xa é tradición, recorrerá as rúas de Compostela entre cánticos e ladaíñas profanas facendo parada e via crucis dramático en distintas tabernas do casco vello"

Se o pasado ano estivo dedicada integramente á figura de Roberto Vidal Bolaño, nesta segunda edición a Santa Bolaña ábrese ás novas xeracións de dramaturgas e dramaturgos do país, e o público asistente poderá recrear, entre viño e viño, fragmentos da obra de autoras e autores como Clara Gayo, Paula Carballeira, Santiago Cortegoso, ou Pepe Sendón, cunha recreación especial dun fragmento de Caprice des Dieux, histórica peza do proprio Bolaño.

As recreacións teatrais estarán monitorizadas por varias persoas ligadas á creación escénica galega no papel de confrades maiores, sendo este ano Comba Campoy, Marta Pérez, Santiago Cortegoso, e Zé Paredes. A xornada dará comezo pola mañá ás 12:30h na Libraria Couceiro cunha charla baixo o acaído título U-lo Teatro Popular?, na que os participantes, moderados polo tamén dramaturgo e coordinador do evento Carlos Santiago, debaterán sobre a raíz popular do teatro e a actualidade do misterio bufo.

As recreacións teatrais estarán monitorizadas por varias persoas ligadas á creación escénica galega no papel de confrades maiores, sendo este ano Comba Campoy, Marta Pérez, Santiago Cortegoso, e Zé Paredes

Xa pola tarde, a procesión partirá da Asociación de Veciños As Brañas de Andrés, nos Pelamios, barrio natal de Vidal Bolaño, onde será lido o bando da confraria bolañesca e Leo Arremecaghona fará as honras musicais. A procesión iniciará de seguida a ascensión da Costa Vella para visitar en laica congregación o Café Bar Trece, o Xa Chegou, o Bar As Dúas, o Grándola e o Pozo, rematando no Pub Avante con concerto e foliada. Impulsada pola Candidatura do Povo e outros colectivos sociais e veciñais de Santiago, a Santa Bolaña reafírmase nesta segunda edición "como ritual anual de carácter carnavalesco e reivindicativo e evento senlleiro do teatro popular", destacan os seus organizadores