As bibliotecas galegas emprestan 20% máis libros que antes da crise

Biblioteca municipal © ANABAD-Galicia

Hai uns meses Olimpia López, presidenta de Anabad-Galicia, sinalaba en Praza que as bibliotecas son "máis necesarias ca nunca en tempo de crise" pois estes centros "contribúen á igualdade de oportunidades", e citaba ao propio Anxo Lorenzo, que salientara que eran "un factor de cohesión social, para acceder á información e poder por exemplo elaborar un currículo". Porén, descendendo das palabras aos feitos, estas declaración do secretario xeral de Cultura chegaban acompañadas dun novo descenso nos orzamentos que a Xunta dedica a bibliotecas e arquivo. Uns fondos que nos últimos dous anos caeron á metade; en concreto, pasaron de 2.611.249 euros a 1.378.240, afectando sobre todo á partida para adquisición de fondos bibliográficos, que pasou de 1,5 millóns de euros a só 600 mil.

Neste tempo, os orzamentos da Xunta para bibliotecas e arquivos reducíronse á metade. En concreto, pasaron de 2.611.249 euros a 1.378.240

O INE publicou hai uns días as súas estatísticas de bibliotecas correspondentes ao pasado ano 2012, que reafirman as declaracións da presidenta dos bibliotecarios e bibliotecarias galegas, e amosan un incremento continuado dende 2008 dos usuarios e usuarias das bibliotecas galegas e dos seus préstamos. Asi, en 2008 emprestáronse 2.501.382 libros en Galicia; e catro anos máis tarde esa cifra creceu case un 20%, até chegar aos 2.955.733. Atopamos, ademais, os primeiros préstamos de ebooks, aínda en cifras testemuñais: 1.155 ao longo de 2012. De igual xeito, en 2008 estaban inscritas nas bibliotecas galegas (eran socios e socias) un total de 872.116 persoas, unha cifra que neste tempo se incrementou notablemente, até chegar aos 1.029.856 usuarios e usuarias, un vinte por cento máis.

En 2008 emprestáronse 2.501.382 libros en Galicia; e catro anos máis tarde esa cifra creceu case un 20%, até chegar aos 2.955.733

Pola contra, os indicadores que miden o investimento que efectúan a Xunta e os concellos nas bibliotecas amosan unha paralización da ctividade e un recorte de servizos. O persoal que traballa nas bibliotecas galegas pasou das 1.311,65 de 2008 (contabilizadas en número de xornadas completas) ás 1.299,82 do 2012. Porén, no conxunto do Estado, esta cifra non só non diminuíu, senón que aumentou (pasou de 20.321 a 20.926).

Creceu o número de fondos; dos 9.042.965 volumes totais (en todos os formatos) que podiamos atopar en 2008, até os 10.375.448 que se rexistran na actualidade. Porén, se en 2008 houbo 476.891 altas de novos títulos para os fondos das bibliotecas galegas, en 2012 o número foi sensiblemente inferior: 338.243. 

Incrementouse notablemente o número de ordenadores con conexión a Internet para uso público, pasando de 2.491 a 2.912, consolidando as bibliotecas como un elemento fundamental na democratización do acceso á rede

En 2008 había en Galicia 550 bibliotecas, delas 324 públicas (estatais, autonómicas, provinciais ou municipais), completando a relación as universitarias, especializadas, e privadas (relixiosas, de asociacións...). Catro anos máis tarde esas cifras descenderon até as 505 bibliotecas existentes na actualidade (310 públicas), pasando tamén os puntos de servizo de 695 a 661. Así mesmo, en 2008 459 destas bibliotecas dispoñían de acceso a Internet, e catro anos despois esa cifra caeu en paralelo á diminución de centros, situándose en 422. Iso si, incrementouse notablemente o número de ordenadores con conexión a Internet para uso público, pasando de 2.491 a 2.912, consolidando as bibliotecas como un elemento fundamental na democratización do acceso á rede e como vía para eliminar a fenda dixital. Ademais, 330 bibliotecas galegas ofrecen un servizo de wifi de balde aos seus usuarios e usuarias.

Para a presidenta de Anabad-Galicia, "é agora cando deberíamos ter máis orzamentos, pero sucede todo o contrario"

Para a presidenta de Anabad-Galicia, "é agora cando deberíamos ter máis orzamentos, pero sucede todo o contrario". "Fan falla fondos para mercar libros e renovar e actualizar as publicacións, e tamén para cubrir as baixas do persoal", destaca. ANABAD-Galicia reclama unha meirande comprensión do papel que cumpren as bibliotecas na actualidade, máis aló de gardar e emprestar libros: "a función das bibliotecas é dar acceso á información, nun senso clásico a publicacións convencionais, e nun senso máis moderno a outro tipo de información contida en soportes dixitais e Internet", e lamenta que a administración trata as bibliotecas e os arquivos "coma se fósemos un compartimento estanco e ademais totalmente desligado das novas tecnoloxías, cunhas visións moi vellas do que son as bibliotecas e os arquivos".

Biblioteca municipal © ANABAD-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.