0 Gardados para despois

O Concello do Carballiño solicitaralle á RAG que admita a palabra 'pulpo'

Redacción | @prazapublica

"Aquí sempre foi pulpo", deste xeito resumía este venres Argimiro Marnotes, alcalde do Carballiño, as razóns que levan o Concello a demandarlle oficialmente á Real Academia Galega que admita a palabra pulpo canda á normativa polbo. A vila é famosa pola preparación deste cefalópodo, tanto nos establecementos do termo municipal coma polos polbeiros e polbeiras (ou pulpeiros e pulpeiras, se se admite a proposta) que se desprazan a outras localidades, coma tamén na súa multitudinaria festa gastronómica, que este ano fará 52 anos. Precisamente, a Festa do Pulpo do Carballiño emprega esta denominación de xeito oficial, a diferenza doutras (Mugardos, Bueu...) que se anuncian como Festa do Polbo.

O Instituto de Estudios Carballiñeses será o encargado de realizar un informe que acompañe a proposta e a xustifique, e que será enviado á Real Academia Galega despois da súa aprobación polo pleno do Concello do Carballiño. O director do Instituto, Avelino Muleiro, declaraba este venres en La Región que co informe que lles encargou o Concello preténdese "demostrar que a palabra pulpo é a que se utiliza normalmente malia non estar considerada galega pola normativa dos últimos anos". Muleiro engade que "a lingua é dinámica como a sociedade e hai palabras que non existían pero que por ser utilizadas xa están recoñecidas" e aínda que recoñece que "hai reticencias para cambialo", o Instituto fará unha proposta "científica, filolóxica e antropolóxica, porque a lingüa non só depende da orixe da palabra senón tamén da pragmática".

Argimiro Marnotes defende, pola súa banda, que a palabra é utilizada "de forma normal e habitual polos veciños galegofalantes da vila" e que constitúe "o símbolo da festa máis importante da localidad". Sinala, finalmente, que, no caso de que a Academia rexeite a proposta, o Concello está disposto a iniciar "unha iniciativa popular" para conseguilo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.