A Mesa rexeita 'pulpo' e acusa o Concello do Carballiño de "oficializar o castrapo"

Polbo á feira Dominio Público Praza Pública

A proposta lanzada este venres polo alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, para demandarlle oficialmente á RAG que admita a palabra pulpo tivo, abofé, un forte impacto mediático en días de escaso movemento informativo. E xa ten reaccións en contra, procedentes da Mesa pola Normalización Lingüística. O responsable de zona do Carballiño-Ribeiro, Eladino Cabanelas, rexeitou frontalmente esta posibilidade e pediulle ao alcalde que non entre en temas dos "que vostedes non son competentes" e deu por suposto "que a actual RAG terá o coherencia suficiente como para tomar a brincadeira esta proposta".

"Por esta regra que pretende sacarse do peto o señor Marnotes haberá que pedirlle á RAG que oficialice centos de vocábulos que se foron introducindo na nosa fala após ser o castelán a única e obrigada lingua oficial no estado español"

Cabanelas afirma que "ampararse en que no Carballiño, como en máis lugares -a realidade lingüística galega é a que é- 'sempre se lle chamou pulpo' é tanto como dar oficialidade ao castrapo". Engade que "por esta regra que pretende sacarse do peto o señor Marnotes haberá que pedirlle á RAG que oficialice centos de vocábulos que se foron introducindo na nosa fala após ser o castelán a única e obrigada lingua oficial no estado español".

Sobre o estudo que levará a cabo o Instituto de Estudios Carballiñeses, subliña que "é ben seguro que se se poñen a estudar máis a fondo tamén van descubrir que a maioría dos carballiñeses e carballiñesas din "calle" en vez de rúa, "carretera" en vez de estrada ou "sartén" en lugar de tixola". "Serán estas propostas que acompañen á de "pulpo" ou será por capítulos?", pregúntase.

"Este tipo de novas soen ir acompañadas de xestións municipais mediocres e como un xeito moi sutil de desviar a atención dos problemas"

Comenta tamén, con retranca, que "pode ser que a intención do actual goberno popular sexa acompañar esta proposta doutra máis ambiciosa que non só inclúa formas claramente alleas ao galego senón que, máis alá, nos ensine que a forma de colocar os pronomes en galego debe ser a que emprega o Presidente da Xunta".

Culpa, finalmente, a Marnotes de lanzar unha cortina de fume con esta proposta e sinala que "este tipo de novas soen ir acompañadas de xestións municipais mediocres e como un xeito moi sutil de desviar a atención dos problemas dos que tanto o rexedor municipal como o seu equipo de goberno se deberían ocupar e preocupar".

O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, no centro © Concello do Carballiño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.