Cultura rexeita crear unha fundación para garantir o futuro da Mostra de Ribadavia

Imaxe da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia Dominio Público Praza Pública

A pretensión da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia de ser xestionada a través dunha fundación de carácter público para garantir o seu futuro e a súa estabilidade económica terá que esperar. Segundo puido saber Praza Pública, a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, non baralla “nin tan sequera como hipótese” a creación desta fundación. As razóns que manexan na consellaría de Cultura é que “neste momento económico crear un novo organismo parécenos ilóxico e descoñecemos cales son as verdadeiras intencións dos promotores”.

Na consellaría sosteñen que “dende o concello e dende a organización da Mostra teñen que buscarse vías alternativas de financiamento e acudir as achegas privadas como ocorre noutros eventos culturais e noutras partes do Estado”

Na consellaría sosteñen que “dende o concello e dende a organización da Mostra teñen que buscarse vías alternativas de financiamento e acudir as achegas privadas como ocorre noutros eventos culturais e noutras partes do Estado”. O que si compromete Cultura é a axuda económica para que poida celebrarse a 28 edición en xullo de 2012 pero “na medida das nosas posibilidades”.

Pola contra nos orzamentos xerais do Estado de 2012 mantense a partida para a Mostra Internacional de Teatro. Segundo comunicou a organización “a cantidade asignada polo ministerio de Educación, Cultura e Deporte é de 59.000 euros”. Esta cantidade é lixeiramente inferior a do ano pasado, uns 5.000 euros menos, pola política de recortes nos distintos departamentos. En todo caso, dende o concello, o alcalde socialista, Marcos Blanco, entende que “é unha boa noticia que se manteña a subvención nominativa”. Tamén o director da Mostra, Roberto Pascual, valora “positivamente" a estabilidade das axudas no proxecto orzamentario.

Pola contra, nos orzamentos xerais do Estado de 2012 mantense a partida para a Mostra Internacional de Teatro

Porén a confirmación das axudas por parte do Estado e da Xunta non completa as aspiracións dos responsables da Mostra que de maneira reiterada veñen de solicitar a Xunta un esforzo para librar a un dos maiores eventos culturais do país dos vaivéns económicos. A reiterada petición dunha fundación choca, neste caso, coa negativa da Xunta e provoca que teñan que estar contando ata o último euro para poder completar a programación. O director Roberto Pascual, nas súas intervencións públicas, non deixa de recordar a calidade artística da Mostra, o éxito entre o público, que enche todos os espectáculos, e mesmo a repercusión internacional que sitúa a Ribadavia e a Galicia na elite das artes escénicas.

Aínda que a programación da Mostra non está pechada “porque non temos o orzamento definitivo”, explica Pascual, xa se traballa para que non perda calidade e incremente a súa internacionalización

 

Internacionalización e novas propostas

Aínda que a programación da Mostra non está pechada “porque non temos o orzamento definitivo”, explica Pascual, xa se traballa para que non perda calidade e incremente a súa internacionalización. Neste sentido están avanzados os contactos co Instituto Goethe para traer algunha compañía a Ribadavia e mesmo pénsase na inclusión dalgún obradoiro para que poidan participar os alumnos da Escola Superior de Arte Dramático de Vigo.

Imaxe da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.