0 Gardados para despois

“Todo na TDT é en castelán, parece que estamos borrando do galego toda unha xeración”

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"O que nos sobra en Galicia é talento, non podemos perdelo, temos que darlle esperanzas ás novas xeracións". Con esta declaración de intencións presentábase este verán Oink! A revista do Xabarín Club, unha revista mensual de banda deseñada e outros contidos, para público infantil e xuvenil e en galego. O proxecto, ambicioso e que viña encher un oco no que a presenza da nosa lingua era case inexistente, non acadou nos seus primeiros catro número a resposta agardada en número de subscricións e exemplares vendidos e Oink! vén de anunciar a decisión de "non imprimir o número 5 ata que consigamos resolver os problemas de liquidez que estamos a experimentar". Nos vindeiros días lanzarán unha campaña de crowdfunding para buscar a continuidade da publicación.

"Comezamos con bos números pero caeron de xeito moi brusco de cada número", sinala o seu director, Marcos Ferreira, que engade o problema engadido dos demorados prazos de pagamento de varios dos anunciantes da revista. “Eu traballei moitos anos no Reino Unido editando revistas e alí os anunciantes pagan no momento en que se imprime, e aquí non. Aquí, por mor da crise, moitos anunciantes tardan meses en pagar”, di.

“Contabamos con estar en todos os colexios de Galicia, en case todas as bibliotecas, e iso non sucedeu”, explica. “Iso non significa que o proxecto estea abocado ao fracaso, simplemente que necesita máis tempo”. Por iso queren que a campaña de crowdfunding que daran a coñecer en breve sirva para asegurar e consolidar o proxecto durante varios meses: "temos un compromiso cos nosos traballadores e colaboradores, e tamén cos subscritores, non queremos agora pedir apoios para seguir adiante e ter que pechar dentro de dous números". Destaca, igualmente, que "este proxecto está enteiramente financiada por nós, non recibimos cartos de ningures. Antes de lanzalo buscamos financiamento nos bancos, pero parece que non lles interesou”.

“Seguimos pensando que fai falla unha publicación para a rapazada. Todo na TDT é en castelán, parece que estamos borrando do galego toda unha xeración”

Outra das alternativas pasa por reducir a periodicidade, que podería pasar a ser bimestral, para aforrar gastos de impresión e distribución, e tamén buscar afianzar a súa presenza en nichos de público e espazos nos que cren que a revista é demandada. “Recibimos moitos e-mails felicitándonos pola calidade da publicación, pero vemos como a revista se vai vendendo menos con cada número", comenta, e conclúe: “Seguimos pensando que fai falla unha publicación para a rapazada. Todo na TDT é en castelán, parece que estamos borrando do galego toda unha xeración”.

 

"Nace algo diferente"

Oink! lanzouse este verán buscando levar ao papel, a unha publicación mensual, o mellor daquel Xabarín Clube que marcou a unha ou varias xeracións. "Nun tempo en que todo o dirixido á rapazada pasa polas factorías das grandes marcas. Cando todo o que se pensa para nenas ten forma de princesa rosa e para nenos forma de superheroe. Agora que os libros, as películas, a roupa e mesmo os iogures están inzados cheos dos mesmos personaxes infantís co único obxectivo de vender, nace algo diferente". Así se presentaba a publicación, na que colaboran Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno, Marilar Aleixandre, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas ou Pinto & Chinto.

"Toda a xente á que nos fomos aproximando apostaron polo proxecto, así nos demos conta de que o Xabarín non está morto. O que nos sobra en Galicia é talento, non podemos perdelo, temos que darlle esperanzas ás novas xeracións"

Destacaban que "queremos lembrar o que moitas veces esquecemos: os nenos e nenas son capaces de pensar, imaxinar, idear e deseñar cousas incribles. Só fai falla tratalos coma persoas que son e darlles os recursos que precisan para sacar todo ese potencial". E cunha perspectiva galega: "Dende Galicia ollaremos para todo o planeta, veremos que acontece en lugares moi distantes, pero tamén pescudaremos a nosa terra. Queremos que a mirada local lles demostre que moi preto deles hai cousas incribles que paga a pena descubrir". A este respecto, nunha entrevista en Praza en agosto Marcos Ferreira concluía que "toda a xente á que nos fomos aproximando apostaron polo proxecto, así nos demos conta de que o Xabarín non está morto. O que nos sobra en Galicia é talento, non podemos perdelo, temos que darlle esperanzas ás novas xeracións".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.