Aerolíneas Federales: "Para a nosa xeración todo xiraba ao redor da música, despois chegaron os artistas-intelectuais e fixeron o seu relato: a movida"

Aerolíneas actúan este sábado en Madrid e o vindeiro xoves en Compostela © Aerolíneas Federales

Volven Aerolíneas Federales. Teñen un novo disco: Hasta el final y más allá (Elefant), que recupera cancións non editadas, maquetas e rarezas. O álbum, nunha coidada edición (mesmo se pode adquirir nun dobre vinilo rosa), inaugura una colección do selo dedicada a recuperar maquetas, directos e temas nunca editados de autores e bandas do pop español. Ademais, ofrecen dous concertos, este sábado en Madrid, teloneados por L-Kan, e o xoves 19 en Compostela, na Sala Capitol. 

Aerolíneas sorprendíannos o pasado ano coa noticia de que ían ofrecer, máis de 15 anos despois da súa última actuación, un concerto en Perú. A banda acadou unha gran sona (e influencia en moitas bandas) non só en España, senón en toda América Latina e un fan peruano levaba anos insistindo para que se volvesen xuntar. Despois xurdiu a idea de publicar un novo álbum, con cancións dun sexto álbum que non chegaran a editar no seu momento e outras alfaias. Cancións como Soy una punk ou No me beses en los labios soan tan frescas coma o primeiro día, unha mostra de que o tempo pasou mellor pola música de Aerolíneas que pola doutras bandas insignia da movida. Falamos con Silvino Carreras e Miguel Costas, núcleo da banda xunto con Luis Santamarina.

Estamos vivindo unha caste de revival da movida de Vigo, como nos últimos anos pasou coa de Madrid. Canto hai de mito e canto de realidade na historia que se conta?

Miguel Costas: Vigo tiña menos de 300 mil habitantes e tiña seis grupos con disco. Iso non pasaba en todas as cidades. Había un montón de xente creando cousas, na música, na literatura, no teatro ou na pintura. Iso só se deu en Madrid e en Vigo. A xente nin coñecía Vigo, e coñeceuna por isto. Pero despois moitos chegaban aquí e preguntaban: 'onde está a movida'? Pero en realidade a movida era un grupo de xente creando, un par de locais e pouco máis, non era algo físico, era algo moi etéreo nese sentido.

"Para a nosa xeración, os que nacemos na década dos sesenta, todo xiraba arredor da música, creounos un vínculo xeracional muy potente. Logo chegaron algúns artistas-intelectuais"

Silvino Carreras: É certo. Pero por enriba do que é o fenómeno sociolóxico da movida e a súa mitoloxía, nós sentímonos un pouco á marxe; é dicir, a finais dos setenta e principios dos oitenta eramos uns mozos que buscábamos o noso sitio na cidade nun contexto cultural alleo aos nosos intereses e de algún xeito modificamos a paisaxe urbana abrindo novos espazos de ocio e recreación musical. Pertencemos a unha xeración que produciu un corte radical coa inmediatamente anterior, e a movida é precisamente un relato feito pola xeración anterior que deu o paso de romper cos vellos tics do compromiso e da moral do esforzo, abandonou os fundamentos da modernidade para entregarse a esa postmodernidade que moitos hoxe en día, e daquela tamén, considéranas palabras sinónimas. Para a nosa xeración, os que nacemos na década dos sesenta, todo xiraba arredor da música, creounos un vínculo xeracional muy potente. Logo chegaron algúns artistas-intelectuais, perruqueiros, modistos, xornalistas, xente de todo tipo, idade e condición e fixeron o seu relato, a movida.

MC: Naquela época saíron moi bos grupos, seguramente porque non había nada ou porque viñamos da época que viñamos. Nos oitenta fixéronse cancións irrepetibles, que van quedar para sempre. Hoxe hai grupos que enchen pavillóns, pero eu pregúntome cantas cancións deles van quedar para o futuro. Porque ao final o que realmente queda son as cancións, non os grupos.

"A xente de Vigo que roldaba a noite lémbrase de Flechi como un personaxe entrañable, con el Aerolíneas Federales tería sido outro grupo sen dúbida"

A figura de Flechi, en cambio, sempre pasou máis desapercibida nestes revivals. Un esquecemento inxusto?

SC: Eu lémbroo con moito cariño. Foi compañeiro de pupitre cando eramos nenos no colexio e volvémonos xuntar alá por 1981. Foi picadiscos en algún dos primeiros bares do que se chamou a movida e fixo o grupo con Miguel e máis comigo a finais de 1982. Ensaiábamos no Satchmo polas mañás e saíamos moitas noites xuntos con amigos comúns. Logo entraron Rosa e Coral, el foi ao servizo militar e deixounos para formar as Termitas. Creo que a xente de Vigo que roldaba a noite lémbrase del como un personaxe entrañable, con el Aerolíneas Federales tería sido outro grupo sen dúbida. Aínda así, deunos tempo de gravar algunhas maquetas con el e gañar o controvertido 2º Concurso de Rock Cidade de A Coruña do ano 1983. O noso disco recentemente publicado por Elefant Records, Hasta el Final …y Más Allá está dedicado ao propio Flechy que infelizmente morreu en Londres onde vivía hai anos.

Como xurdiu a decisión de publicar este disco e de volver aos escenarios? Como foron eses concertos en Lima?

MC: Houbo un fan que estivo insistindo durante varios anos en unir o grupo, o que pasa é que era difícil. Eu son o único que se dedica á música en directo, Luis e Silvino son profesores de conservatorio. En Perú e tamén en Barcelona o recibimento foi inmellorable, e o 90% do público eran rapaces moi novos.

"A idea era a de pechar un paréntese para poder abrir outro"

SC: En relación co disco, en 1992 gravaramos unha maqueta que contiña as cancións que inicialmente ían ser o noso sexto álbum oficial. Por varias razóns ese proxecto non se consolidou. Á volta de Perú, Luís e eu, que xa falaramos anteriormente deste asunto, decidimos buscar un selo e publicalas para que non se perdesen. A idea era pois a de pechar un paréntese para poder abrir outro. É aquí cando xorde o de Elefant, gustábanos ese selo. Foi rápido, enviámoslle a maqueta en xuño creo e en xullo desprazámonos a Madrid, nunha tarde puxémonos de acordo en todo.

Nós queriamos publicar a maqueta e eles tiñan a idea de empezar un proxecto baixo unha nova colección chamada, Recordos Que Esquecín, dedicada a recuperar maquetas, directos e temas nunca atopados dalgúns dos autores e bandas nacionais que máis lles gustaban. Houbo pois unha confluencia de vontades. A partir de aquí o único que facemos é deixarnos levar pola propia inercia do proxecto e vamos facendo só os concertos e os compromisos que nos gustan. De momento temos en mente en facer Ochoymedio en Madrid o 14 de abril, a sala Capitol o 19 e dous concertos máis que se anunciarán ao seu momento. 

"Non é unha volta típica de grupo, coma moitas que está habendo ultimamente, de músicos que xa se dedican a outra cousa e como quedan no paro, deciden montar de novo a banda"

MC: O que quero recalcar é que non é unha volta típica de grupo, coma moitas que está habendo ultimamente, de músicos que xa se dedican a outra cousa e como quedan no paro, deciden montar de novo a banda. Nós sacamos este disco, facemos estes concertos e pode que gravemos un álbum novo, xa se verá. O importante foi que o grupo se reuniu de novo porque nos apetecía.

Que bandas actuais vos gustan o en que bandas vedes reflectidas a Aerolíneas?

SC: Na escena muscial de Vigo, da que me sinto moi orgulloso, a encontro moi vital, variado e chea de alternativas. Se teño que dicir algúns grupos que me gustan o que o vexa interesantes vou a ser sincero e dicir catro moi distintos para xustificar o meus argumentos previos, Linda Guilala, Colectivo Oruga, When Nalda Became Punk e Milknaut. Na escena española hai varios grupos que me entusiasman aínda que algúns xa non son tan novos, direi catro tamén moi diferentes entre si: Los Punsetes son moi divertidos e provocadores, Love of Lesbian, L-Kan, La Casa Azul, La Bien Querida. Na escena internacional, hai moitas cousas que me gustan e interesan pero por dicir algunha: Belle and Sebastian, The Horrors, The Drums, Camera Obscura.

Imaxe do concerto que deron hai uns meses en Perú Dominio Público Praza Pública
Aerolíneas Federales, hai 25 anos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.