Blanco Amor xa fala inglés

Capa do libro © Planet

Este domingo preséntase en Ourense a tradución ao inglés d'A Esmorga, a novela máis popular do escritor, co título de On a bender. Será nas Burgas ás doce do mediodía. O libro, editado pola editorial galesa Planet, cunha longa relación coa literatura galega (traduciu a Ferrín, Castelao ou Casares) foi adaptado por Craig Patterson, cumprindo a encomenda realizada pola Deputación de Ourense e o Pen Clube, coa colaboración da Editorial Galaxia. On a bender presentouse en Cardiff hai dúas semanas e agora comeza a súa andaina no noso país.

Esta edición ten a particularidade, ademais, de que é a primeira tradución que presenta o texto orixinal da obra, cos fragmentos eliminados pola censura

Esta edición ten a particularidade, ademais, de que é a primeira tradución que presenta o texto orixinal da obra, cos fragmentos eliminados pola censura. De feito o texto completo non se puido ler en galego até a reedición que fixo Galaxia en 2010. Xosé Manuel Dasilva fixo un excelente repaso das amputacións e modificacións que a novela de Eduardo Blanco Amor sufriu no seu estudo As vicisitudes editoriais d'A esmorga (Grial 184, pp. 36-51). Son apenas frases soltas, palabras, algún parágrafos, pero nalgún momento afectan moito ao libro. Foi precisamente o interese en publicar a tradución do texto íntegro o que atrasou esta edición ao redor dun ano sobre o prazo que estaba previsto

Patterson recibiu o encargo por mediación de Luís González Tosar e Xesús Fraga, "o mellor anglófono español que coñezo", segundo o tradutor, porque a complexidade da novela facía preciso o concurso dun nativo anglosaxón. Patterson salienta, se feito, que "A Esmorga é un texto lingüisticamente moi complexo, que combina orixinais e creativos xogos de palabras cunha importante cantidade de localismos ourensáns a nivel expresivo e léxico”.

Blanco Amor tiña un especial interese en que A Esmorga fose publicada en inglés

Dáse a circunstancia, ademais, de que Blanco Amor tiña un especial interese en que A Esmorga fose publicada en inglés, como nalgún momento lle confesou a Tosar. Patterson salienta que o autor era "moi consciente da transcendencia da súa obra", o que se revela por exemplo no feito de que se autotraducise ao castelán, case inmediatamente despois da súa publicación en galego.

Na presentación de Ourense leranse once fragmentos representativos d'A Esmorga, primeiro en galego e a seguir en inglés.

Capa do libro © Planet

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.