Mosaicos que cambian un barrio

Mosaico de Pancho Lapeña © Pancho Lapeña

Ao longo desta última semana veu desenvolvéndose na municipalidade de Puente Alto, un barrio popular nos arredores de Santiago de Chile unha acción artístistica de intervención no espazo público que tivo presenza galega. O deseñador Pancho Lapeña participou nesta 1ª Intervención Urbana Internacional de Mosaicos, colaborando nunha obra colectiva de 200 metros cadrados que xa se converteu nun símbolo do barrio.

A obra é continuidade de distintas accións illadas que dende o ano 2004 veñen inzando as paredes desta comunidade de murais. Até agora a máis grande atopábase na fachada do Estadio Municipal, con máis de 150 metros cadrados, e a realizada agora súmase tamén aos máis de catro quilómetros de mosaicos realizados nas estacións e piares do metro. O obxectivo destas intervencións, segundo os responsables municipais, era "rescatar elementos propios da comuna e a identidade local, como a precordilleira andina, a súa flora e fauna e a vida ao aire libre, e plasmalo todo nos murais cheos de cor".

Durante anos colexios e outros edificios, así como prazas e distintas fachadas e paredes de todo o barrio foron cubertos con murais, que, segundo destacan son apreciados e respectados polos veciños e veciñas, que os consideran unha riqueza da comunidade e que os coidan con máis preocupación que se as paredes estivesen cubertas con algún outro elemento de decoración. "Estes mosaicos son unha grande exposición ao aire libre, unha das obras de arte máis importantes de Santiago e do país”, destacan os seus promotores. De feito, estes catro quilómetros de mosaicos que suman todas as paredes da zona constitúen unha das intervencións artísticas deste tipo máis grandes do planeta, en competencia só cunha realizada en Tijuana e outra que se está levando a cabo en Italia.

Para acompañar este movemento a municipalidade organizou, dende o 13 de xaneiro até o 24 de xaneiro, a devandita 1ª Intervención Urbana Internacional de Mosaicos, na que oitenta mosaiquistas chilenos e extranxeiros compuxeron o mural de 200 metros cadrados fronte ao pazo municipal, baseado na flora local. Os e as artistas, procedentes de Estados Unidos, Arxentina, Francia, Inglaterra, Sudáfrica, Turquía, Croacia, Costa Rica, Nova Celandia, Alemaña, Holanda, Canadá, Suíza, Paraguai, Bélxica, Rusia, Brasil, Polonia, Australia e Portugal dispuñan cada un duns dous metros cadrados para levar a cabo as súas obras. 

Lapeña salienta a "intelixencia" de levar a cabo unha intervención así nun barrio como Puente Alto, "que non ten unha gran riqueza patrimonial" e que deste xeito pode contar cun elemento artístico que identifica o lugar

Pancho Lapeña participou acompañado da súa amiga chileno-croata Nevenka Pavic, coa que xa colaborara anos atrás a través dunha bolsa de Sargadelos. "Nevenka e eu compartimos esta clase de iconografía", destaca Lapeña, que sinala que a súa proposta "foi un pouco por libre", pero encaixou moi ben coa obra que levou a acabo unha artista británica que tiña asignado un espazo ao seu carón. Lapeña, que ten experiencia previa na realización deste tipo de murais e mosaicos de gran tamaño, como o que realizou hai meses no centro social da Gentalha do Pichel, en Compostela, salienta igualmente a "intelixencia" de levar a cabo unha intervención así nun barrio como Puente Alto, "que non ten unha gran riqueza patrimonial" e que deste xeito pode contar cun elemento artístico que identifica o lugar.

Lapeña continuará aínda uns días en Chile, onde está levando a cabo unha serie de obradoiros en Coquimbo, nos que traballa cos nenos e nenas para aprenderlles a facer creacións a partir de materiais reciclados, pero sempre enfocando a estética das obras cara aos modelos autóctonos cos que contan na zona.

Pancho Lapeña Dominio Público Praza Pública
Mosaico realizado por Pancho Lapeña na Gentalha do Pichel, en Compostela © Pancho Lapeña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.